Domingo 2 de ordinario C

DOMINGO II TEMPO ORDINARIO  -   CICLO C


Primeira Lectura      Is 62, 1-5
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Alégrase o esposo pola súa esposa
  
            Por amor de Sión non calarei,
por amor de Xerusalén non acougarei,
ata que rompa coma o día a súa xustiza,
e alume coma unha lámpada a súa salvación.
            Os pobos verán a túa xustiza
e todos os reis a túa gloria,
chamaráseche cun nome novo,
que a boca do Señor pronunciará.
            Serás coroa preciosa na man do Señor,
diadema rexia na man do teu Deus.
            Non se che volverá a chamar "Abandonada",
nin á túa terra "Desolada".
A ti han chamarche  "Miña predilecta",
e á túa terra "Desposada",
porque o Señor comprácese en ti,
e a túa terra vai ter esposo.
            Como casa un mozo cunha virxe,
casa contigo o teu Construtor.
O gozo que sente o noivo pola noiva,
sentirao o teu Deus por ti.

   Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL       Sal 95, 1-2a. 2b-3. 7-8a. 9-10a e c
R/  (3):  Anunciade ante todos os pobos as marabillas do Señor.

Cantádelle ao Señor un cántico novo,
cantádelle ao Señor, a terra enteira;
cantádelle ao Señor, bendicide o seu nome.

Pregoade todos os días a súa salvación.
Anunciade entre as xentes a súa gloria;
ante todos os pobos, as súas marabillas.

Tributade ao Señor, pobos todos,
tributade ao Señor honor e forza,
tributade ao Señor a gloria do seu nome.

Adorade o Señor no adral sagrado,
trema na súa presenza a terra enteira.
Dicide entre as xentes:
"O Señor é rei, el goberna os pobos rectamente".



Segunda Lectura      1 Cor 12, 4-11
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
O mesmo Espírito vai repartindo a cada un como a El lle parece.
  
            Irmáns:
            Hai diversidade de dons, pero un mesmo Espírito. Hai diversidade de servizos, pero un mesmo Señor. Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que realiza todo en todos.
            A cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben común. A un o Espírito dálle palabra de sabedoría; a outro dálle palabra de ciencia o mesmo Espírito; a aqueloutro o mesmo Espírito concédelle fe.
            A un este mesmo Espírito dálle o don de curacións; a outro, o don de facer milagres; a outro, o don dunha mensaxe inspirada; a outro, discernimento de espíritos.
            A un, don de falar distintas linguas; a outro, o saber traducir esas linguas. Pero todo isto é un e o mesmo Espírito quen o realiza, repartindo a cada un en particular, como a El lle parece.

  Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



ALELUIA    Cf. 2 Tes 2, 14
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Deus chamounos por medio do Evanxeo
para lograrmos a gloria do noso Señor Xesús Cristo.
Aleluia.



Evanxeo      Xn 2, 1-11
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Foi así como fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea
  
            Naquel tempo, houbo un casamento en Caná de Galilea, e estaba alí a nai de Xesús. Tamén foi convidado Xesús e mais os seus discípulos ao casamento.
            Chegou a faltar o viño e a nai de Xesús díxolle:
            ‑ Non che teñen viño.
            Replicoulle Xesús:
            ‑ Muller que ten que ver iso comigo e contigo? Aínda non chegou a miña hora.
            Súa nai díxolles entón aos servidores:
            ‑ Facede o que el vos diga.
            Había alí seis tallas de pedra para as purificacións dos xudeus, que levaban ao pé de cen litros cada unha. E ordenoulles Xesús:
            ‑ Enchede de auga as tallas.
            Eles enchéronas de todo.
            Díxolles entón:
            ‑ Collede agora e levádelle a proba ao mestresala.
            Eles levárona. E, cando o mestresala probou a auga volta viño, sen saber de onda viña (os servidores si que o sabían, que eles colleran a auga) falou co noivo e díxolle:
            ‑ Todo o mundo pon de primeiras o viño bo e, cando xa están bébedos, o máis cativo; ti, en troques, deixaches o viño bo para agora.
            Foi así como fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea; manifestou a súa gloria, e creron nel os seus discípulos.

   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo



FACEDE O QUE EL VOS DIGA
TOMADO DE:   http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
POWER POINTS

CANTO GOZOSO
ENTRADA: Ide e pregoade
LECTURAS: Como che cantarei
OFERTORIO: Na nosa terra

ESCOITA ACTIVA
Hoxe, o calendario litúrxico lémbranos que volvemos ao tempo ordinario, e  facémolo cheos de esperanza e de novos folgos despois da graza que quixeron supor  na nosa vida o tempo de advento e o de Nadal. O extraordinario pasou. É tempo de poñelo en práctica: as ilusións, os propósitos, a vida ateigada de proxectos... E todo, coma sempre, na compaña de Deus, que se achega para cambiar a auga da mediocridade, da inxustiza, do abuso e da mentira no viño novo de xustiza, creatividade, coherencia e misericordia. Un Deus que nos bendí cos seus dons, coas calidades que pousa no corazón de cada un e cada unha de nós e que non son para enterrar, senón para poñer ao servizo do ben común, para compartir e así complementarnos mutuamente.

“Facede o que El vos diga”. Que as palabras de María que imos proclamar no evanxeo de hoxe nos poñan en disposición de escoitar, celebrar e vivir unha Palabra que sempre é actual.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
·         Porque nos falta constancia, e rapidamente tiramos a toalla, deixándonos vencer pola apatía, a desesperanza e a indiferenza, SEÑOR QUE ESCOITEMOS A TÚA VOZ.
·         Porque moitas veces facemos oídos xordos ao que ti nos dis, esquecendo que a túa é unha Palabra viva, sempre actual e que quere ser alento na nosa vida, CRISTO, QUE ESCOITEMOS A TÚA VOZ.
·         Porque nos cremos en posesión da verdade absoluta, o embigo do mundo, os mellores..., esquecendo que a diversidade de dons é froito do Espírito do Señor, SEÑOR, QUE ESCOITEMOS A TÚA VOZ.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
Hoxe imos de voda. Si, así é, porque tanto a primeira lectura do profeta Isaías coma o evanxeo de Xoán que vimos de proclamar fálannos de vodas. É este un símbolo frecuente para expresar a alianza de Deus co seu pobo, no sentido de canto ten de festa, de compromiso, de entrega, de vida en común. Agora ben, o relato das vodas de Caná vai máis alá, pois quere expresar o paso da antiga alianza á nova, o paso da relixiosidade dos xudeus á relixiosidade de Xesús. En tempos de Xesús, a relixión xudía chegara a unha degradación total. A relación de Deus co seu pobo, que os profetas describiran coma un namoramento apaixonado ou coma a tenrura dun namorado coa súa amada, convertérase nunha manchea de ritos e cerimonias, repetidos unha e mil veces. Os seus dirixentes e os seus pensadores presentaban unha imaxe de Deus, máis que xusto, xusticeiro, dedicado en exclusiva a vixiar se os seus servos cumprían as moitas leis que lles dera. Solución: participar cantas máis veces mellor nas cerimonias que se celebraban no templo para pedir perdón ao Señor e realizar na casa unha e outra vez os ritos e lavados de purificación prescritos na lei relixiosa. Por iso no centro do relato evanxélico de hoxe sitúanse as tallas de cen litros de capacidade destinadas a conter auga para uso relixioso. Por iso se transforma a auga en viño, porque comezou unha situación nova, unha relixión nova, unha alianza nova. As tallas de pedra son sinal da relixión antiga: aquela relixión non servía nin tan sequera para lograr o que os seus dirixentes dicían que era obxectivo da práctica relixiosa: conseguir e conservar a pureza, resultar agradable a Deus. Pasaron os anos, os séculos... e a realidade é que seguimos tendo as tallas de pedra cheíñas da auga do desencanto, da mediocridade, da falla de compromiso, da desesperanza, da rutina...... Pasaron os anos, os séculos.... e a realidade é que seguimos sen entender a nosa relación con Deus coma unha voda, coma unha festa, coma ledicia, senón coma un funeral, coma unha pesada carga sobre os nosos ombreiros, coma un fardo que nos resulta difícil de transportar. Pasaron os anos, os séculos.... e a realidade é que seguimos prostituíndo e desvirtuando a imaxe de Deus, presentándoo coma un ogro ao que hai que ter contento para que non nos devore, coma un castigador ou coma un espía da nosa vida. Pasaron os anos, os séculos, e seguimos sen decatarnos de que Xesús pode transformar a auga da nosa vida en viño novo de comprensión, de misericordia, de paz, de xustiza, de compromiso, de igualdade.... e todo desde o amor e respectando sempre a nosa liberdade. Pasaron os anos, os séculos, e seguimos escribindo nas vellas táboas de pedra, do cumprimento e da obediencia cega, sen decatarnos de que a nova lei, o amor, está inscrita nos nosos corazóns. Pasaron os anos, os séculos....e a solución que seguimos propoñendo é a mesma: culto baleiro, rixidez doutrinal, frialdade de ritos afastados da vida real.... Que nos pasa?.

E María... estaba alí. Unha vez máis. Ela é, malia quen lle pese, a que fai a transición entre o antigo e o novo, entre o pasado e o futuro que xa é realidade, entre a auga e o viño. A súa sensibilidade, sensibilidade feminina, o seu saberse pór no lugar do outro, a súa dispoñibilidade será a que saque do apuro a aquela parella que calculara mal o viño necesario para a festa da súa voda. “Facede o que el vos diga”. Así lle dixo aos servidores da voda e así nos di hoxe a todos nós. Porque o importante xa non son as táboas de pedra da lei antiga, senón a nova lei do amor inscrita nos nosos corazóns quentes e misericordiosos. Xesús é o noso guieiro, é a El a quen temos que seguir. Se deixamos que toque a nosa vida, esta encherase de sentido e a nosa auga insípida converterase en viño saboroso. Que toque a nosa vida familiar e nos faga ver que paga a pena darse, amar incondicionalmente. Que toque as nosas relacións para que superemos cerrazóns e insensibilidades que nos impiden descubrir ás persoas a quen nos lles queda viño de ilusión, de esperanza, de compaña, de calor humana. Que toque a nosa vida de traballo para que saibamos descubrila coma un don que nos converte en recreadores, invitándonos a construír Reino desde a honestidade e a responsabilidade.
Entenderemos, daquela, o que Paulo lles di a aqueles cristiáns de Corinto e que hoxe nos lembra tamén a cada un e cada unha de nós: Deus pousa os seus talentos nos nosos corazóns, danos o seu Espírito que, soprando como quere, sementa diversidade dentro da Igrexa. Non deixemos que o xoio da uniformidade, da intolerancia e do pensamento único envelenen a sementeira do Señor.

FRATERNIDADE ORANTE
Porque estamos seguros de que a túa vontade é que sexamos máis felices, máis humanos, máis misericordiosos/as, dicímosche:
SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE

Pola Igrexa, para que sempre estea atenta ás necesidades das persoas e poida converter a auga do desacougo, da tristura, do paro, do problema da vivenda, da enfermidade, da exclusión, da pena,... en viño novo de ledicia, liberación, humanidade nova, xustiza e igualdade, OREMOS.
SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE
Para que as comunidades das que formamos parte sexan lugares onde celebremos o compromiso permanente de acoller a quen vén, de perdoar a quen se equivoca, de defender a quen se sente maltratado/a, de escoitar a quen se sente desesperanzado, OREMOS.
SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE
Por todos nós, para que non esquezamos nunca que o importante xa non son as táboas de pedra do cumprimento e da doutrina, senón a nova lei do amor inscrita nos nosos corazóns quentes e misericordiosos, OREMOS.
SEÑOR, QUE CUMPRAMOS A TÚA VONTADE

Señor, Ti queres que todos participemos no banquete de vodas do teu amor. Fai que, como María, sempre sexamos quen de saber poñernos no lugar do outro. P.X.N.S. Amén.

 

MIRADA ESPERANZADA
Non temos viño, Xesús.
Non temos viño.
Para as vodas de irmandade, onde festexamos o que amor que Ti nos dás.
Para as xuntanzas fraternas, nas que fas medrar os nosos amores.
Para a alianza do Norte co Sur, do mundo rico co mundo pobre.
Para a aperta solidaria cos inmigrantes, que reclaman os dereitos máis fundamentais.
Para as manifestacións de protesta, pedindo paz, traballo, xustiza.
Para a festa do compromiso humano, onde celebramos triunfos e fracasos.
Para o encontro do perdón, que sanda, renova e rehabilita.
Para a apertura do amor familiar, limpo, fondo, agradecido.
Para as nosas celebracións de cada día, sinxelas, íntimas, queridas.
E por iso andamos tristes e apoucados, sen graza e coa ilusión apagada.
Non temos viño, Xesús.
Non temos viño.




Comentarios

Publicacións populares