A gloria do Señor resplandeceu sobre ti - Is 60, 1-6

Epifanía do Señor


 MANUEL: 
DEUS CONNOSCO

Deus está
no ceo, na terra e en todas partes,
-dicía o catecismo vello-.
E nosoutros crémolo.

O querer de Deus
non é de quedarse no ceo,
rodeado de anxos e arcanxos,
de grandezas sen límite,
de coros solemnes con grandes orquestras,
mirando de vez en cando,
como sofren e loitan e rin
os fillos que fora coidando.

O querer de Deus é baixar
ata os sitios máis baixos,
ata as situacións máis ridículas,
ata as xentes menos tidas en conta.

Unha corte de bestas,
uns pastores a soldo,
un pai e unha mai rexeitados:
o ruxido da vaca por baixo
e o orneo do burro por alto
na orquestra da noite
á que atenden calados
as estrelas do ceo,
satisfeitas de ver o seu brillo aumentado
polo nova luceiro
sen orixe nin ocaso,
Xesús, recén nado.

Deus con nosoutros,
algo máis ca unha visita que pasa.
Unha presenza que nunca remata.

O gozo de Deus
é estar entre a xente para todo,
sen nada que o asuste,
sen nada que o torne,
sen nada que o espante.




Comentarios

Publicacións populares