LAUDATO SI - Orientación para a lectura
O xoves 18, o Papa Francisco ben
de agasallarnos con un texto, a súa segunda carta encíclica, “ Laudato si” – Loado sexas - .Texto
que foi asinado por el no día de Pentecostes, o 24 de maio en Roma, e no que
nos invita a poñe-los pés no chan sen deixar de mirar ao ceo. Si, porque chama
a nosa atención para que botemos unha mirada á casa na que tod@s, os sete mil
millóns longos de habitantes, vivimos: o mundo. Non é un texto que aborde só o
tema do medio ambiente, senón que vai máis ao fondo. Pon diante dos nosos ollos
a reflexión global, sen fixarse só nun aspecto, sobre a ecoloxía humana en
todas e cada unha das súas dimensións. E faino así porque os problemas do mundo
non se reducen nin se circunscriben, inda que tamén, ás cuestións referentes á
contaminación por parte das grandes empresas; non, os problemas do mundo
aféctannos a tod@s e desde perspectivas diversas. E no centro de tódolos
enfoques o Papa chama a atención que non podemos poñer a ninguén máis ca
persoa. Nin a tecnoloxía, nin as ganancias, nin a clase política, nin tampouco
a ideoloxía economicista e liberal. Non, o centro de todo canto supón
reflexionar e actuar desde un compromiso ecolóxico está no respecto e na
dignidade da persoa. Unha persoa que non ha de verse desde o, pensamos nós, o
observatorio privilexiado do primeiro mundo, senón que máis alá de occidente e
do mundo rico, o norte, hai persoas, seres humanos, homes e mulleres que sofren
e vense incapacitad@s, pola acción predadora de quen pon o interese e o
resultado, a curto prazo e buscando só a eficacia, por riba dos seres humanos,
“Creados a imaxe e semellanza de Deus” – fundamento da antropoloxía cristián -.
A partires desta afirmación
cerne, o texto vaise artellando nunha introdución e seis capítulos cos que se
nos quere mostrar que nos atopamos diante do gran problema que hoxe pon en
risco a vida e a felicidade do ser humano. Faino sen caer no vitimismo
apocalíptico, senón desde unha proposta profética e alentadora. Porque posuír, acaparar,
destruír, dominar, tan ao uso nos
modos e maneiras desde os que se abordan as solucións aos problemas hoxe en
día, non só non conseguen que o mundo sexa mellor e máis san, senón que
tampouco contribúe a deixarlle ás xeracións que veñen tras nós un mundo mellor
do que nós o temos atopado.
Buscando
unha liña de continuidade e comuñón cos seus predecesores, os 16 primeiros
números son un achegamento e unha lembranza dos textos que van de Xoan XXIII a
Bieito XVI nos que se facía xa presente – non esquezamos que o texto da “Pacem in terris” de Xoan XXIII é do ano
1963 – como os Papas, desde o seu compromiso por ofrecer un maxisterio vivo e
dinámico e que responda aos problemas do mundo – a Doutrina social da Igrexa (D.S.I)- chaman a atención sobre a
urxencia e necesidade de tomar en serio o coidado da “casa común”, o mundo no
que vivimos. Xunto aos textos dos Papas do último medio século, cita asemade ao
Patriarca Ortodoxo Bartolomeu, para rematar coas palabras referidas a Francisco
de Asís, de quen toma o nome cando foi elixido Bispo de Roma. O número trece , que Francisco titula, “ o meu chamado “ mostra que nesta tarefa
ninguén pode quedar nin sentirse á marxe; a vez que pon de manifesto que para
tod@s, pero especialmente para os crentes, nada está perdido de antemán; hai
esperanza, nada de derrotismo, e contra do que din os agoiros da negatividade,
outro mundo é posible. Pero serao se verdadeiramente tomamos conciencia de que,
“ O desafío urxente de protexer
a nosa casa común inclúe a preocupación de unir a toda a familia humana na busca
dun desenvolvemento sostible e integral, pois sabemos que as cousas poden
cambiar”. ( L.s. 13)
A
partires desta afirmación o primeiro capítulo preséntase como unha fotografía
de canto está a ocorrer.E que el titula, “O
que lle está a pasar a nosa casa” – nºs
17 – 61-. O quecemento global, a contaminación, a cultura do descarte, a cuestión
da auga, a perda da biodiversidade, o deterioro da calidade da vida humana e a
decadencia social -43-47-, para rematar coa debilidade das reaccións ante esta
desfeita e da diversidade de opinións.Onde non sempre quen máis razón ten é a
quen máis caso se lle fai.
O segundo capítulo entra xa de
cheo na fundamentación bíblica do tema do coidado da “casa común”, e ten coma
título, “ o evanxeo da creación” – nºs
62 – 100- a esexese bíblica desde a que buscar razón e fondura á afirmación
de por que este tema ha de ser unha preocupación para todo crente, sen que
responda a puro snobismo. Mostra o capítulo que sendo un tema moi presente nos
textos bíblicos, non sempre foi tratado coa consideración, respecto e
fidelidade á Alianza merecía. As afirmacións, de White no século pasado
cuestionando o compromiso da Igrexa coa ecoloxía, non son máis que expresión
desta pouca comprensión, por non dicir descoñecemento sobre a relación entre a
biblia e o respecto e coidado ecolóxico. Todo o capítulo é unha mirada ao
misterio do Deus que crea por amor e invita a facer deste amor continuidade no
coidado do creado.
“Repensar a orientación do mundo” – nºs 101 – 136- é co que
encabeza o terceiro capítulo, e quere ser unha chamada de atención fronte á
deriva que, debido aos posicionamentos dos que toman as decisións que afectan a
tod@s. A dobre perspectiva da tecnoloxía, a globalización tecnolóxica, as
consecuencias do antropocentrismo moderno – que fala do home, pero sen contar
co homeno centro da reflexión /acción – e as consecuencias deste
antropocentrismo: o relativismo practico – se todo da o mesmo... – a necesidade
de preserva-lo traballo e o significado da innovación biolóxica a partires da
investigación son algunhas outras cuestións ás que o papa se refire.
A proposta dunha “ Ecoloxía atenta á complexidade da
realidade” – nºs 137 – 162-, conforma o capítulo cuarto do texto. Nel tenta
Francisco clarificar e distinguir, para evitar caer na tentación de mesturalo e
confundilo todo, cando pensamos que estamos a falar do mesmo. Así, achéganos
unha visión integral de canto se atopa detrás da palabra ecoloxía. Unha
integralidade que ademais da realidade ambiental, supón unha determinada
proposta económica e social, e sempre tendo en conta a realidade cultural, que
é plural e non única nin líquida. Dedicando os tres últimos apartados deste
capítulo e apostar por unha ecoloxía humana, que busca o ben común e que esixe
unha xustiza interxeneracional.
O
capítulo quinto, “ algunhas liñas de
orientación e acción” – nºs 163 – 201 -
lanza unha proposta incluínte de diálogo diante dunha situación, e dun
problema que afecta a tod@s, e do que ninguén pode desentenderse. O que esixe
que a política internacional deixe de ter orelleiras e de pensarse só para dentro
dos intereses e fronteiras dos que mandan e
toman decisións. E fai un chamado desde o compromiso ético, pois se el
nada neste campo sería crible, o que supón achegarse á mesa do diálogo desde
actitudes de sinceridade e honestidade. E polo tanto, política e economía non
han de perderse en discusións baleiras e puramente interesadas - a ideoloxía neoliberal, como cosmovisión
pechada ten o seu centro na rendibilidade e nos resultados – namentres a
proposta de Francisco, volve insistir en poñer no centro á persoa na súa
plenitude humana. Remata o capítulo abordando a urxencia e necesidade de que o
diálogo das relixións coas ciencias non vaia por camiños nin separados nin de
desconfianza, senón que ámbolos dous están chamados a escoitarse, entenderse e
colaborar. E sempre non polo interese do rendible, senón polo ben, respecto e
dignidade do ser humano.
Todo o texto foi levando ao capítulo final, no que Francisco pon a
mirada no centro do que ha ser unha urxencia para tod@s, crentes ou non, e que
el titula, “ Educación e espiritualidade
ecolóxica” – nºs 202 – 245 -. E no que propón toda unha serie de esixencias
que van das opcións persoais ás decisións que han tomar as institucións responsables
de formar as xeracións futuras. O que supón comezar por apostar por un estilo
de vida distinto, e que non pode estar baseado no consumo e na acumulación. O
que só será posible se se comeza por tomar en serio a educación que fomente o
sentido crítico profético ante as cousas que van ocorrendo.O que esixe unha
verdadeira conversión – cambio de corazón e actitudes – á causa ecolóxica, a
causa de tod@s, porque de tod@s é a casa na que vivimos e chamamos mundo.
As reflexións sobre a urxencia de rescatar a
dimensión espiritual – que é máis ampla que a relixiosa – que toda persoa
posúe, a chamada a facer de superar unha visión individualista e pechada do
amor, xunto coa valoración cos sinais sacramentais – quizais un chisque de ollo
aos “ Sacramentos da vida” de
Leonardo Boff – e a importancia do descanso dominical – fronte á aposta
neoliberal de converte-lo descanso en consumo e xustificar a quen non o ten, en
que xa o terá noutro día – como vivencia celebrativa – acoller, compartir e
agradecer na comuñón comunitaria – desde o compromiso trinitario dun Deus que
crea por amor e ao que estamos chamados a devolver ese amor desde o coidado de
canto puxo nas nosas mans.
Remata con unha referencia a
María, “ a nai que coidou a Xesús, e agora
coida con afecto e dor materno este mundo ferido” ( 241). Con unha chamada esperanzada e escatolóxica. O
final do texto son dúas fermosas oracións: a oración interrelixiosa pola terra
e a oración cristiá coa creación. E coas que reafirma que o texto non quere ser
excluínte senón ecuménico, para poñer de manifesto o compromiso de toda
relixión co coidado do mundo. E cristián para que os seguidores de Xesús non
esquezamos nunca que a construción do Reino pasa polo coidado da terra que
tod@s compartimos.
Amigo
lector, perdoa o atrevemento.Só quería facer chegar a invitación de que , se
podes, non deixes de ler este agasallo de Francisco para cant@s foramos parte
do mundo e non esquecemos que é casa de tod@s, casa común. Paga a pena poñer un
pouco do noso tempo e do noso corazón ao servizo dunha cuestión da que ninguén
se pode sentir alleo. Porque os pobres, os esquecidos, os que van sendo
descartados, gústenos ou non, son fill@s de Deus, e neles, e con eles,
principalmente temos que fitar a nosa mirada e a nosa acción. Por iso unímonos
en oración para dicirlle ao Deus da tenrura:
“
Deus dos pobres, axúdanos a rescatar aos
abandonados e esquecidos desta terra
que
tanto valen aos teus ollos.” ( L.s 246)
Clodomiro Ogando
Profesor de Teoloxía Moral
social.
Instituto Teolóxico. Vigo
Comentarios
Publicar un comentario