Ficha e Lectio - Domingo 11 do Tpo. Ordinario B
FICHAS ADAPTADAS DE:
LECTIO:
DOMINGO XI TEMPO
ORDINARIO
(14 xuño 2015)
A
liturxia volve levarnos neste domingo ó que ela chama o tempo “ordinario”.
Volvemos, pois, coma quen di, “ó rego” con este domingo XI do tempo “ordinario”
que hoxe celebramos. Despois dunha longa interrupción deste tempo “ordinario”
coa Coresma, coa Pascua e coas últimas festividades da Trindade e do Corpo e
Sangue de Cristo.
E
para “volver ó rego”, que ten que ver coa labranza e coa sementeira, nada
mellor que unha parábola coma a de hoxe de Xesús sobre a semente que cae na
terra. O modo de vivirmos nas grandes cidades agáchanos moitas veces cousas
fundamentais da vida: de como nacen as plantas, ás árbores e outros seres vivos.
Dun gran pequerrecho e intranscendente á primeira vista sae un mundo de vida,
de frondosidade, de beleza... Menos mal que nos pisos das cidades aínda podemos
coidar nos balcóns ou nas terrazas unha ou varias macetas con plantas que nos
gustan. E iso fainos presente, aínda que sexa a pequeno nivel, o que ocorre na
natureza en grandes proporcións.
Cando
eu era rapaz -nacera nunha pequena parroquia da nosa verde terra galega (coma o
Balbino da novela de Neira Vilas)- unha das cousas que me gustaba facer, aparte
de seguir niños de paxaros e apolitar nas árbores, era sementar castañas nun
pequeno recipiente de lata con terra dentro e poñerme a esperar o día no que os
primeiros gromos do futuro castiñeiro facían acto de presenza. Coido que non
tiña que ver coa Trindade de Deus da que falabamos hai un par de domingos. Pero
si: metía tres castañas na terra (non eran nin dúas nin máis de tres) e xa non lembro
ben se saían despois un, dous ou ata tres cativos comezos do futuro e forte castiñeiro.
Logo, cando eran xa algo grandiños, levabámolos a unha veiga ou leira, para
replantalos alí. Cos anos os castiñeiros, xa bos mozos ou adultos, devolvíannos
nun só ourizo dos moitos que o castiñeiro tiña as tres castañas das que nos
desprenderamos anos antes para cubrilas coa terra.
Estas
marabillas da natureza que Deus puxo a andar están aí simplemente diante de nós.
Para que aprendamos así a vermos como é a realidade e como é tamén Deus, aínda
que non sexan elas máis ca pequenos sinais, a xeito de vagalumes, para orientármonos
no escuro camiño da vida.
Xesús
recorre moitas veces, como ben sabemos, a este tipo de realidades da natureza
para que aprendamos a comprender o seu reino, o que el chama “o Reino de Deus”.
É lóxico, porque o estilo de Deus, o seu modo de facer as cousas non pode ser
moi distinto nun caso e noutro, quero dicir no eido natural e no que adoitamos
chamar sobrenatural ou espiritual. Á fin e ó cabo, Deus é o autor común e único
destas dúas dimensións da realidade que nós máis dunha vez separamos demasiado.
É un estilo que sempre ten que ver co marabilloso, co inesperado, co que nos
abraia. É dicir, co divino.
Xesús
descríbenos de maneira moi fermosa o proceso do gran de trigo desde que se
sementa na terra ata que a espiga xa está a tempo para ser recollida e
converterse en pan que alimenta. Ou tamén o que lle pasa ó gran de mostaza, que
malia ser tan pequerrecho, é capaz de se converter despois en preferido
obxectivo dos paxaros para construíren alí en primavera os seus niños.
As
comparanzas de Xesús coa flora e a fauna que temos diante dos ollos por pouco
que nos debrucemos na natureza, fálannos de que Deus, o sementador de vida, de
bondade e de amor, é un sementador que non quere queimar etapas, que dá tempo ó
tempo, que non exerce violencia endexamais con ninguén. O que si fai é sementar
de moitas maneiras a súa palabra, acochándoa co seu coidado e co seu agarimo para
que no seu tempo produza froito.
Teñen
moita importancia na evolución da humanidade os bos sementadores e sementadoras.
Aquelas e aqueles que coa súa palabra, co seu modo de se comportaren cos
demais, van facendo coa súa vida e coa súa paciencia que outros reciban e
deixen medrar en si a semente de vida que recibiron deles. Isto ten a súa
aplicación non só no eido relixioso ou cristián, senón tamén no social e
político. Convivín durante bastantes anos cun compañeiro meu xesuíta que era
fillo dun relevante político galeguista chamado Antón Losada Diéguez, do que
seguramente algunha vez oístes falar. Nun acto público sobre este importante
político ourensán un dos que alí interviñeron dixo sobre Antón Losada que fora
un gran “sementador”: que escribira
pouco, pero que sementara moito en conversas con persoas que despois serían
grazas a el moi decisivos no eido concreto do galeguismo, como por exemplo Otero
Pedrayo, Risco ou Castelao.
Pois
ben, se pola nosa parte non nos sentimos moi satisfeitos con nós mesmos porque
non acabamos de vernos tan bos cristiáns como desexariamos, procuremos polo
menos sementar coas nosas pobres palabras e coas as nosas humildes obras a frutífera
palabra de Deus e as súas grandes obras e marabillas. E esperemos, teñamos
paciencia, ata que agrome ó seu tempo a semente transformándose en nova e
vizosa árbore, pois Deus ten os seus propios ritmos, que non teñen por que se
identificar cos nosos.
Á
fin e ó cabo non somos nós os verdadeiros sementadores. É sempre Deus quen,
polos seus sorprendentes camiños, continúa a sementar no mundo. El segue a
facer sempre, por medio de nós, o traballo da súa sementeira. Nós non temos por
que coñecer de antemán os froitos concretos que el quere acadar a través de
nós, na nosa época, ou a través dos que veñan despois de nós, nunha historia
que endexamais deixará de se presentar en cada tempo concreto como nova e
sorprendente.
Falábavos
das castañas de cando eu era cativo. Agora, e para rematar, léovos algúns
anacos dun poema do Pai Seixas (do que estamos a celebrar neste ano o
centenario do seu nacemento). El sementou moitas veces aquí, desde este altar,
a palabra de Deus. Neste poema, dedicado ós seus pais e escrito por el cando
tiña 33 anos, lembrábase el con fondo agradecemento a Deus, da súa infancia no
colo agarimoso da natureza deste xeito:
Que tempos os de Gonzar!
Aínda era eu moi neniño!
Cando brincaba na herba,
cando ollaba os paxariños
[...]
Que tempos os de Gonzar!,
tempos que foron tempiños!
Mazás da Santa Mariña
pasadas dos paxariños,
con que gozo eu vos comía,
caladiño, caladiño!
Abeleiras do abeleiro
da leira do meu paiciño,
que de cote eu atopaba
a carón do meu camiño!
Silvas cheas de amoriñas
remexidas cos espiños,
con que gusto eu vos comía
ao pasar polos camiños!
[...]
Tempos de Gonzar ditosos
fuxiron por seu camiño!
Non vos esquezo anque morra,
aínda que deixe o corpiño.
Foron os primeiros gromos
da miña espiga de millo.
[...]
Mais agora que fuxiron
cal fuxe o tempo dos niños;
agora que xa son home
dimpois de moito camiño;
agora bendigo a Deus
que alá naqueles tempiños,
coma o orballo que repousa
nas follas do treboliño,
así puxo nesta i-alma
deste probe picariño
a fogueira da súa gracia
que aluma no meu esprito.
Por iso ollando hoxe a Deus
e aos meus pais queridiños:
Que tempos os de Gonzar!,
tempos que foron tempiños!
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Dirixímoslle a Deus Pai a nosa
oración dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Dános, Pai, fe
na túa palabra, semente de vida e de felicidade.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Fai, Pai, que a
túa palabra feita carne en Xesús, produza en nós froitos abondosos de fe, esperanza e caridade.
TODOS: ESCÓITANOS,
PAI.
- Axúdanos, Pai e
Sementador de vida, a respectar e amar os teus misteriosos ritmos na construción do teu Reino.
TODOS: ESCÓITANOS,
PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo
Noso Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario