Ficha e Lectio - Domingo 4 de Ord B
DOMINGO IV DO TEMPO ORDINARIO
(1. II. 2014)
Sempre
me chamou a atención o que se nos di hoxe no Evanxeo de Marcos sobre Xesús:
“Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten
autoridade, non coma os letrados”.
Eu
non estudei Dereito, pero imaxino que algúns dos profesores desa Facultade
explicarán os temas das leis algo así como o facían os letrados dos que se nos
fala no Novo Testamento. Xa sabemos que as leis que rexían o comportamento dos
xudeus do tempo de Xesús eran moitas, moi minuciosas e tamén moi concretas e
exteriores. E para iso o pobo precisaba de mestres da lei que dunha maneira
bastante impersoal e aséptica lles explicasen con precisión e detención as
cousas.
Pero
xa sabemos que, como tantas veces temos oído, a letra mata, mentres que só o
espírito vivifica. O que importa, pois, é o espírito da lei, non a súa letra. E
ós letrados da época de Xesús semella que lles preocupaba máis a letra có seu
espírito.
De
Xesús, a quen se lle chamaba tamén “Mestre”, lle estrañaban poderosamente á
xente as cousas que dicía, mais sobre todo o seu modo de dicilas. El era algo
así como un podente volcán, semellante a eses dos que algunha vez se nos conta
que son capaces de abrollar dende o fondo do mar cara á superficie, chegando a
formar se cadra incluso unha nova illa por enriba do mar. Os volcáns emiten tamén
desde o fondo de si mesmos a súa palabra e son capaces de formar novas
realidades. Tamén Xesús dicía de si mesmo: “lume vin traer á terra e que máis
querería eu ca que xa estivese a arder”... Algo así, pois, coma un volcán, mais
un volcán non destrutivo senón construtor, benigno e facedor de bens.
Quero
dicir que Xesús falaba tamén, con quente emoción e convencemento, desde a súa
experiencia máis fonda e íntima. Falaba do que el sabía e vivía. Desde a
conciencia do seu saberse unido intimamente co Pai Deus e con tódolos seus
irmáns da terra. Cos irmáns do seu tempo, cos do noso tempo e cos dos tempos
que virán despois de nós. Era un falar comprometido, apaixonado, fraternal,
divinamente humano. ¡Quen puidera estar alí presente e oílo falar! Sobre todo,
sería un falar libre e animoso, engaiolante. “Nunca ninguén falou así!”, dicían
uns. Outros non podían entender o que ocorría e comentaban: “¿Non é este o
fillo do carpinteiro?”. Coma quen di: ¿Non é este o fillo da panadeira veciña
ou do obreiro en paro?... Isto viña ser un verdadeiro escándalo, pero por outra
parte o que el dicía tiña que ser verdade, porque se non ¿como podía namorarse
o corazón tanto do que dicía? Tiña que ser verdade o que saía da súa boca e do
seu corazón. Porque Xesús, o profeta e mestre, ofrecía confianza e paz ós
corazóns da xente, convertía as persoas en verdadeiramente libres e felices.
É
lóxico que a xente non puidese menos de dicir o que nos refire Marcos que dicían:
“É unha nova doutrina, e con autoridade”. Marcos dinos, efectivamente, ata dúas
veces neste curto texto, que Xesús falaba e ensinaba con “autoridade”.
Importante
expresión esta, a da “autoridade”, que pode prestarse a confusión! Cando se nos
anuncia, por exemplo nun acto político ou social, que están a chegar as
autoridades, un pode pensar, se non se está informado, que vai vir o alcalde de
Vigo, ou quizais o Presidente da Xunta ou alguén máis importante aínda... Por
máis que vivamos en países chamados democráticos, as autoridades case sempre provocan
en nós un non sei que de cauteloso respecto ou incluso de medo, posiblemente
atávico.
Cando
nos di Marcos que Xesús falaba con “autoridade” non era este tipo de autoridade
humana (civil, militar ou relixiosa) a que alí se estaba a presenciar. Non. Á
fin e ó cabo, todos saberedes máis ou menos que a palabra “autoridade” provén,
nas linguas nosas que proveñen en boa parte do latín, da raíz “augere”, que
significa “aumentar”. De modo que algúen ten “autoridade” cando sabe e é capaz
de aumentar, de conseguir agrandar os demais, de facelos medrar, de encher coa
forza do seu vento propicio as velas das nosas barcas e facelas así camiñar con
suavidade e dereitura polo mar. Con ese vento amigo, co espírito da fala de
Xesús a xente notaba que os seus corazóns se enchían e despregaban coma as
velas dunha lancha con bo vento. En consecuencia, podían vivir e camiñar con
ilusión.
Sumos
Pontífices, bispos, cregos, frades, párrocos, xente normal e corrente coma
todos nós, deberiamos aprender a ser xente de “autoridade”, é dicir, xente
revestida interna e externamente daquela sinxela e amigábel autoridade de
Xesús, que se algún diploma ou currículo tiña era os de ser e sentirse fillo
benquerido de Deus Pai e irmán maior de todos nós.
Se
queremos, pois, ter algunha autoridade ten que ser sempre unha autoridade
fondamente democrática e humana que, coma a de Xesús, faga medrar ós demais na
fraternidade, na humanidade. Se Xesús é o Deus feito home, non nos queda outro
camiño para achegármonos a ese Deus que comportarnos como el se comporta:
facernos plenamente humanos, ben achegadiños á todos, empezando polos máis
necesitados.
Temos
que obedecer aquel imperativo do poeta grego Píndaro: “Chega a ser o que es”.
No contexto no que estamos a falar: Cheguemos a ser o que somos, persoas
humanas, plenamente humanas. É así como chegaremos a ser verdadeiramente
divinos. Foi isto o que nos veu dicir Xesús ó traernos a mensaxe do Pai. Xesús
foi ese fermento da humanidade que fixo “aumentar” coa súa autoridade as nosas
vidas. Foi esta ademais unha das comparanzas das que Xesús botou man algunha
vez: a mensaxe de Xesús é como esa pequena cantidade de fermento que fai
levedar e inchar toda a masa de millo ou trigo que se converterá en pan.
Coa
nosa participación na eucaristía, recibindo en nós o “corpo de Cristo” (tal
como nolo di, ó recibirmos a comuñón, o sacerdote), cada un de nós e a
comunidade toda que entre todos formamos iremos medrando no seguimento de Xesús
grazas a “autoridade” engrandecedora sobre nós do Fillo de Deus. Que así sexa!
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Unidos todos, Pai, ó teu Fillo Xesús, que se fixo
irmán noso, humano coma nós, pedímosche conxuntamente que fagas medrar en nós o
espírito de Xesús, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.
-Ti
que deches “autoridade” ó teu Fillo Xesús para anunciarte a Ti, Pai, fai que
todos nos sintamos movidos pola palabra de Xesús.
TODOS: Escóitanos, Pai.
-Dános,
Pai, espírito de sinxeleza e humanidade para así podermos entender a mensaxe de
Xesús.
TODOS: Escóitanos, Pai.
-Concédenos,
Pai, estimar e practicar a fraternidade e igualdade entre tódalas persoas, como
sinal de sermos de verdade discípulos de Xesús.
TODOS: Escóitanos, Pai.
Pedímoscho,
Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.
MANUEL CABADA CASTRO
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario