Baixou o publicano xustificado para a súa casa, ao contrario que o fariseo - Lc 18, 9-14

Domingo 30 de Ordinario - ciclo C


NON LEVA A DEUS

Aínda que sexa bo valorar e afirmar
o que es e o que pensas,
non andes nunca
demasiado seguro de ti mesmo,
coma se nunca puideses enganarte.

Aínda que sexa bo recoñecer
todo o ben que hai en ti,
nunca te creas perfecto,
nunca penses que funcionas
coma un reloxo,          .
que xa non tes máis para onde ir.

Aínda que sexa bo
comprobar e axuizar
o comportamento dos demais,
nunca os despreces,
nunca olles para eles de esguello,
nunca fagas medrar a rúa bondade
á custa dos fallos dos demais.

A ninguén lle gustan os chulos,
os fachendosos, os sabichóns,
os que van pola vida
levando diante un cartel
no que apuntan diario
calidades, méritos e perfeccións.

A Deus tampouco lle gustan,
Aínda que o fagan disimuladamente.

Moitas veces a xente de igrexa,
a xente de moita relixión,
non se dá posta a ben con Deus
por mor de se crer
perfectos cumpridores de todo.

Moitas veces os menos cumpridores
fanse íntimos de Deus,
porque Deus ten as súas compracencias
na xente humilde e verdadeira
que sente con do diariamente
os males que lle rouban a inocencia.




Comentarios

Publicacións populares