Misas do ciclo B - domingo 3 de Pascua
3º Domingo de Pascua
Primeira
Lectura Feit 3, 13-15. 17-19
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Matastes
o autor da vida, a quen Deus resucitou de entre os mortos
Naqueles días, díxolle Pedro ao pobo:
O Deus de Abrahán, de Isaac e de Xacob, o Deus de
nosos pais, glorificou ao seu servo Xesús, a quen vós entregastes e negastes
diante de Pilato, cando este estaba decidido a deixalo en liberdade.
Pero vós rexeitastes o Santo e o Xusto; pedistes que
indultasen a un asasino, mentres que matastes o dono da vida, a quen Deus
resucitou de entre os mortos; disto nós somos testemuñas.
Xa sei, irmáns, que obrastes por ignorancia, como
tamén as vosas autoridades; pero Deus cumpriu así o que anunciara por boca dos
profetas: que o seu Cristo padecería. Arrepentídevos, logo, e convertédevos,
para que se borren os vosos pecados.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 4, 2. 4. 7. 9
R/.
(7a): Fai brillar sobre nós, Señor, a luz do teu rostro.
Ou:
Aleluia.
Cando te invoco, respóndeme,
meu Deus, meu defensor;
na estreiteza ti déchesme
fartura;
apiádate de min e escoita a
miña oración.
Recoñecede que o Señor
enalteceu o seu amigo,
que o Señor me responde cando o
chamo.
Moitos din: "Quen nos
amosará a felicidade,
se fuxiu de nós, Señor, a luz
do teu rostro?"
Déitome en paz e logo adormezo,
porque só ti, Señor, me dás
seguridade.
Segunda
Lectura 1 Xn 2, 1-5a
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN XOÁN
El
é propiciación polos nosos pecados e polos de todo o mundo
Meus filliños, escríbovos estas cousas para que non
pequedes; pero, se algún peca, temos quen nos defenda diante do Pai: Xesús
Cristo, o xusto. El é quen expía os nosos pecados; e non só os nosos, senón
tamén os de todo o mundo.
Sabemos que o coñecemos de verdade polo feito de que
cumprimos cos seus mandamentos. O que di: "Eu coñézoo" pero non
cumpre cos seus mandamentos, é un mentireiro e non ten en si a verdade
revelada.
Quen garda a súa Palabra, nel o amor de Deus chega de
verdade ao máximo.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Lc 24, 32
Se
non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Señor Xesús, descúbrenos o
sentido das Escrituras;
fai arder o noso corazón
mentres nos falas.
Aleluia.
Evanxeo Lc 24, 35-48
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Tal
está escrito, que Cristo ha padecer e resucitar de entre os mortos ao terceiro
día
Naquel
tempo, os discípulos de Xesús que volveron de Emaús contaron o que lles pasara
polo camiño, e como o recoñeceran no partir o pan.
Estando eles comentando estas cousas, presentóuselles
Xesús no medio e díxolles:
‑ A paz sexa convosco!
Sobresaltados e cheos de medo, coidaban contemplar un
espírito. Pero el díxolles:
‑ Por que estades asustados, e a que veñen esas
dúbidas? Mirade para as miñas mans e para os meus pés: sonvos eu. Palpade aquí
e decatádevos de que un espírito non ten carne nin ósos, como vedes que teño
eu.
E dicindo isto, mostroulles as mans e mais os pés.
Pero eles, tolos de contento e sen saíren do seu asombro, non acababan de crer.
Xesús preguntoulles:
‑ Tedes por aí algo que comer?
Déronlle un anaco de peixe asado. El colleuno e
comeuno diante deles. Logo díxolles:
‑ A isto referíame eu cando, estando aínda convosco,
vos dicía que conviña que se cumprise todo o que está escrito na Lei de Moisés,
nos Profetas e mais nos Salmos acerca de min.
E abriu os seus entendementos para que comprendesen
as Escrituras. E engadiu:
‑ Así está escrito: o Mesías padecerá e resucitará de
entre os mortos no terceiro día, e predicarase no seu nome a conversión e mais
o perdón dos pecados a todos os pobos, empezando por Xerusalén. Vós seredes
testemuñas de todo isto.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
TESTEMUÑAS DA ESPERANZA
TOMADO DE : remoldapalabra.blogspot.com
PÓRTICO
Lémbrasenos nos
textos que hoxe imos proclamar que a fe que compartimos non se impón a través
de leis, normas ou mandatos, senón desde o testemuño. Os cristiáns damos razón
da nosa esperanza, das nosas ilusións ou do sentido da vida non pola imposición
nin o medo, senón desde a acollida gozosa e libre da mensaxe que nos deixou
Xesús. Unha mensaxe que El vivira primeiramente, e da cal os seus seguidores
foron aprendendo. Logo nós, estamos chamados a ser, entre os amigos, os compañeiros
de traballo, as persoas da familia. os veciños.... as testemuñas da
resurrección de Xesús; non con grandes sermóns ou palabras ilustradas pero
pouco comprensibles, senón coa maneira sinxela, leda, gozosa e sempre chea de
positividade do noso testemuño. Que a pascua sexa tempo para ir comezando a
rodar neste camiño.
PERDÓN
- Polas veces nas que nos faltaron
ilusión e ledicia á hora de dar testemuño da nosa fe, SEÑOR, QUE A TÚA ESPERANZA ACOMPAÑE OS NOSOS PASOS.
- Polas veces nas que reducimos
a expresión da fe a un simple cumprimento de obrigas ou normas, e non ao
gozo de atoparnos contigo, CRISTO, QUE
A TÚA ESPERANZA ACOMPAÑE OS NOSOS PASOS.
- Polas veces nas que os
prexuízos non deixaron que tenderamos pontes de perdón e misericordia cara
ás persoas das que nos tiñamos distanciado, SEÑOR, QUE A TÚA ESPERANZA ACOMPAÑE OS NOSO PASOS.
REMUÍÑO
Nós somos testemuñas: Si, o libro dos
Feitos dos Apóstolos lémbranos algo que tiñamos/temos un pouco esquecido: que
hoxe as testemuñas de Xesús somos nós. Non é a historia da Igrexa, coas súas
luces e sombras, tampouco o nome dos santos e santas que enchen os día do
calendario, tampouco os grandes documentos de bispos, papas ou teólogos, e
moito menos os sermóns e homilías dos que cada semana nos predican. Non, as verdadeiras
testemuñas de Xesucristo somos cada un e cada unha de nós. Pero non unhas
testemuñas de palabras, senón unhas testemuñas de vida; unha vida coa que lle
imos dicindo aos demais por que cremos, como nos axuda a fe, e canto nos aporta
para seguir mirando ao futuro sen medo e encarando o presente con esperanza.
Sobran palabras, xa pasou o tempo delas. Hoxe o que necesitamos son historias
vivas nas que mostremos que cremos no amor, que somos capaces de poñelo en práctica
con quen está necesitado, que é posible abrir claros por moi pechado e cheo de
nubes baixas que estea o ceo. Por iso e para iso, somos testemuñas de algo
grande que non só pronunciamos cos beizos, senón que vivimos cada día da nosa
vida no que facemos e como o facemos: o amor.
En paz déitome e logo adormezo, porque só ti, Señor, me dás seguridade: E se cremos no amor, entendemos a razón que nos leva a
rezar agradecendo a oración do salmo responsorial. Deitámonos en paz porque nos
sentimos agarimados, protexidos e acompañados por Deus. Ese é o diálogo co que
cada día comezamos unha nova xornada: porque me dás seguridade, eu vivo en paz:
comigo e cos demais. A paz que vai xermolando no corazón e que non ten dobre
cara nin busca quedar ben, senón que se sente no profundo da vida de cada un de
nós, porque esa paz dánola Cristo. E a paz de Cristo non nos leva a ter mala
conciencia, senón que nos fala de persoas, de respecto para esas persoas, de
valores e actitudes nas que se mostren que a sinceridade, a preocupación
desinteresada, a compaña compartida, a verdade expresada non son ficcións nin
maneiras de buscar quedar ben, senón vivencias profundas que cremos e poñemos
en práctica. E iso é o que nos fai poder durmir tranquilos e en paz, sen
pesadelos nin remorsos. Quen senón nos pode logo dar esa seguridade, máis ca
Xesús resucitado!.
Recoñecérano ao partir o pan: Por iso estamos aquí, porque coma os seguidores da
primeira hora, tamén nós o recoñecemos ao partir o pan. Pan da eucaristía, pan
de amor, pan compartido, pan escoitado, pan vivido, pan, pan, pan, sempre o pan
do Deus que non quixo quedar na morte, senón que abriu camiño de novidade e
renovación. E esa novidade e renovación é a que nós temos que proclamar cada
día, e á que hoxe, desde esta celebración, somos invitados. O que nos vai axudar
a botar tamén fora de nós o medo e máis o susto, do mesmo xeito que lles pasou
aos que entenderon que resucitar é vivir de novo e en esperanza.
Vós seredes testemuñas de todo isto: A Eucaristía é para un crente momento de encontro,
experiencia compartida de solidariedade e gozo persoal e comunitario da
presenza de Deus. No partir e compartir o pan, ábresenos a todos nós unha
invitación e unha urxencia: alí onde esteamos debemos facer o mesmo que fixo
Xesús. El deuse aos demais, nós, non podemos facer outra cousa máis que darnos
a quen poida necesitarnos. Iso porá de manifesto que o partir o pan é para nós
unha praxe, un xeito habitual e cotián de responder á misión que se nos
encomendou.
ORACIÓN da COMUNIDADE
Poñamos á carón da luz pascual que nos fai presente a
Cristo a nosa oración e a nosa acción de grazas, para que El se faga tamén compañeiro
da nosa andaina cotiá e digamos:
QUE A TÚA PRESENZA, SEÑOR, SEXA LUZ PARA NÓS
§
Teñamos presente hoxe
na nosa oración ás persoas que conforman as comunidades cristiás dun cabo ao
outro do mundo, para que saibamos sempre sentírmonos Igrexa enchoupada de
esperanza e con gañas unir esforzos con quen busca o respecto e a dignidade das
persoas, OREMOS.
QUE A TÚA PRESENZA, SEÑOR, SEXA LUZ PARA NÓS
§
Lembrándonos das persoas
das nosas comunidades parroquiais, encomendemos neste momento a aquelas que
están enfermas, viven solas, se senten desacougadas ou están a pasar por un
momento de dificultade económica, familiar ou laboral. Por todas elas, OREMOS.
QUE A TÚA PRESENZA, SEÑOR, SEXA LUZ PARA NÓS
§
Fagamos o esforzo de
converter a nosa oración en comunicación e diálogo con Deus desde o mundo do
que formamos parte, e agradezamos a súa invitación a ser comunidades onde nos
queiramos, axudemos, respectemos e nos esforcemos por non caer na indiferenza
nin na exclusión de quen non pensa ou non actúa coma nós, OREMOS.
QUE A TÚA PRESENZA, SEÑOR, SEXA LUZ PARA NÓS
Grazas, Señor, por este momento no que nos chamas a poñer
nos nosos beizos a oración desde a que lembrar a tantos irmáns e irmás que
comparten con nós un corazón disposto a amar. P.X.N.S. Amén.
REFLEXIÓN
Xesús envíanos. Esta misión é hoxe urxencia diante das dificultades e
problemas polos que están a pasar moitas persoas en moitas partes do noso
mundo, preto pero tamén lonxe de nós, por iso o seu ide chámanos :
§
Para encher a terra de
luz
§
Para sementar ledicia
e esperanza
§
Para proclamar
misericordia e perdón
§
Para traballar pola
paz
§
Para consolar aos que
sofren
§
Para evanxelizar aos
pobres
§
Para ser testemuñas de
resurrección
§
Par asegurar que Deus
nos ama e que a vida consiste en amar
§
(Sobre un texto de Cáritas,
Coresma Pascua 2012)
CANTOS
·
ENTRADA: Ti es camiño
·
LECTURAS: Xesús é Señor
·
OFERTORIO: Douvos un
mandato
·
COMUÑÓN: Eu soñei
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario