Misas ciclo B - Domingo 2 de Pascua

2º DOMINGO DE PASCUA  -CICLO B



Primeira Lectura    Feit 4, 32-35
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Un só corazón e unha soa alma

            A comunidade dos crentes tiña un só corazón e unha soa alma, e ninguén consideraba coma seu o que posuía, senón que todas as cousas eran comúns.
            Os apóstolos, con gran poder, daban testemuño da resurrección do Señor Xesús, e todos eles eran ben considerados.
            Non había entre eles ningún necesitado, porque todos os que tiñan bens ou casas vendíanos, levaban os cartos e depositábanos aos pés dos apóstolos, que repartían a cadaquén segundo precisaba.

                        Palabra do Señor                             
                       R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL    Sal 117, 2-4. 16ab-18. 22-24
R/. (1): Loade o Señor, porque é bo, porque é para sempre a súa misericordia.
Ou:  Aleluia.

Que o diga a casa de Israel:
é para sempre a súa misericordia.
Que o diga a casa de Aharón:
é para sempre a súa misericordia.
Que o digan os que temen o Señor:
é para sempre a súa misericordia.

A destra do Señor é excelsa,
a destra do Señor fixo proezas.
Non hei morrer, vou vivir,
e pregoar os feitos do Señor.
Castigoume o Señor, castigoume,
mais non me entregou á morte.

A pedra que os canteiros desbotaron,
esa mesma, converteuse en esquinal.
Foi o Señor quen o fixo,
unha marabilla á nosa vista.
Este é o día no que o Señor actuou:
alegrémonos nel e relouquemos.


Segunda Lectura      1 Xn 5, 1-6
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN XOÁN
Canto nace de Deus vence o mundo

            Irmáns benqueridos:
            Todos cantos cren que Xesús é o Mesías, naceron de Deus; e quen ama o que xera, ama tamén a quen aquel xerou. Sabemos que amamos os fillos de Deus, se amamos a Deus e cumprimos cos seus mandamentos.
            Porque o amor a Deus consiste en cumprir cos seus mandamentos. Os mandamentos de Deus non son pesados, porque nacer de Deus permítenos vencer o mundo. E esta é a vitoria que derrota o mundo: a nosa fe.
            Porque, quen é o que derrota o mundo, senón o que cre que Xesús é o Fillo de Deus?
            O que veu con auga e sangue, foi el, Xesús Cristo; non veu con auga só, senón con auga e con sangue.
            E o Espírito é quen dá testemuño, xa que o Espírito é a Verdade.

                        Palabra do Señor                                         
                       R/. Grazas a Deus


ALELUIA   Xn 20, 29
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Porque me viches, Tomé, tes fe, di o Señor;
ditosos os que creron sen veren.
Aleluia.


Evanxeo    Xn 20, 19-31
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Pasados oito días, veu Xesús

            Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:
            ‑ Paz convosco.
            Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. El díxolles outra vez:
            ‑ Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
            E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:
            ‑ Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.
            Pero Tomé, un dos Doce, o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús.    
            Dicíanlle entón os outros discípulos:
            ‑ Vimos o Señor.
            Pero el contestoulles:
            ‑ Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.
            Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo:
            ‑ Paz convosco.
            Despois díxolle a Tomé:
            ‑ Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.
            Tomé respondeulle:
            ‑ Meu Señor e meu Deus!
            Xesús díxolle:
            ‑ Tes fe porque me viches? Benia os que creron sen veren!
            Moitos outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron neste libro. Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus e, crendo, teñades vida nel.

                        Palabra do Señor                                          
                          R/. Grazas a Deus




MIREMOS AS CHAGAS DA HUMANIDADE 
PORQUE AÍ ESTÁ CRISTO
2º Pascua   -  B -  2012

Pórtico

            Vivimos nun mundo no que o que non entra polos ollos non existe. Necesitamos comprobar os feitos para que estes sexan verdade. Todo se compra, e incluso a ledicia e a felicidade moitas veces buscámola no material, no acumular, nos cartos.

            Pero mira por onde, descoidamos o que non nos convén. Non somos capaces de descubrir que nos que sofren, que nas persoas desherdadas e silenciadas, está Xesús e é nas súas chagas nas que temos que meter o noso dedo e a nosa vida.

            Que a celebración de hoxe nos faga conscientes de que grazas á fe, ternos que ser quen de descubrir a Xesús en tódolos que sofren.

Perdón

            Pola túa resurrección que nos enche de vida.
                                   SEÑOR, ANIMA A NOSA VIDA.
            Pola túa resurrección, que fai de nós persoas novas.
                                   CRISTO, ANIMA A NOSA VIDA.
            Pola túa resurrección, que fai comunidade coa túa presenza,
                                   SEÑOR, ANIMA A NOSA VIDA.

Remuíño

            • Xesús hoxe sitúase no medio dos apóstolos da comunidade primeira. Aparécese na comunidade e para a comunidade e quere que dende aí, os apóstolos sexan luz, sexan forza transformadora coa forza do espírito. O anterior pasou: o abandono, a soidade, a traizón; o vello queda atrás e é todo novo, porque El, coa súa resurrección, faino todo novo.

            El segue no medio de nós coma o que serve, alentando, animando, chamando a atención. Só espera unha resposta axeitada, un si xeneroso que transmita aos demais esta nova vida, esta alegría que brota de sentirnos unidos, queridos, acompañados. Logo, estamos chamados a mostrar a alegría, a sanación, a liberación.

            Porque no mundo seguen as chagas de Xesús en todas as persoas que sofren inxustiza, desigualdade, abandono, pobreza, fame, maltrato. É aí onde temos que tocar para descubrilo. Onde temos que poñer vida, alento, ilusión, esperanza, alegría; sobre todo porque estamos chamados a transformar o mundo, a facer del unha comunidade de irmáns e irmás, que dende a diferenza somos capaces de camiñar, traballar e sentir cun so corazón.

            Así nos mostra esa primeira comunidade os Feitos dos Apóstolos. Un ideal ao que temos que ir camiñando, unha utopía que se vai construíndo día a día e non unha quimera imposible.
            Deixemos atrás o noso egoísmo, o intentar acaparar por enriba de todo, que sexa o noso testemuño a unidade, o compartir, o sentir común, e sobre todo o compartir os bens, e tamén o tempo, os valores, as ilusións, as esperanzas, as loitas e tamén as tristuras.
            Abramos o noso corazón á forza do espírito que nos fai apóstolos da resurrección do Señor. Pidámosllo así nesta celebración.
           
Oración da comunidade

            Señor, convócasnos este día, para que experimentemos nas nosas vidas a forza da túa resurrección, que alenta e vivifica a nosa vida. Con ánimos renovados dicimos con fe:

                        QUE SINTAMOS NA NOSA VIDA A TÚA LIBERACIÓN

            Pola Igrexa, para que, recibindo o don do Espírito, fomente nos seus membros, a dimensión comunitaria da fe, o sentido crítico ante a realidade e o compromiso a favor dun mundo máis humano, OREMOS:
                                   QUE SINTAMOS NA NOSA VIDA A TÚA LIBERACIÓN
            Polas nosas comunidades, para que sintan a presenza do Señor no medio delas e así o amosen ao mundo, levando aos demais a forza de quen se sente renovado e alentado polo espírito, OREMOS:
                                   QUE SINTAMOS NA NOSA VIDA A TÚA LIBERACIÓN
            Por todos nós, que experimentamos nas nosas vidas a forza da resurrección, para que descubramos o Señor nas chagas do noso mundo: os emigrantes, os parados, os anciáns, os enfermos crónicos, os transeúntes ... e busquemos solucións dignas e xustas. OREMOS:
                                   QUE SINTAMOS NA NOSA VIDA A TÚA LIBERACIÓN

            Grazas, Señor, porque segues a transformar a nosa vida coa túa resurrección. Fai de nós persoas entregadas aos demais. PXNS.


Para a reflexións

Ti e mais eu
Só Ti podes dar a fe,
pero eu podo dar o meu testemuño.
Só Ti podes dar a esperanza,
pero eu podo devolverlle a confianza aos meus irmáns.

Só Ti podes dar o amor,
pero eu podo ensinarlle aos outros a amar.
Só Ti podes dar a paz,
pero eu podo salvar a unión.

Só Ti podes dar a forza,
pero eu podo levantar ao desanimado.
Só Ti es o camiño,
pero eu podo ensinarllo aos outros.

Só Ti es a vida,
pero eu podo devolver aos outros o desexo de vivir.
Só Ti podes facer o imposible,
pero eu podo facer o posible.

Só Ti non necesitas a ninguén,
pero prefires contar comigo.

CANTOS
Entrada: Bendito ti Xesús resucitado           
            
Aspersión: A auga do Señor       
                
Lecturas: Grazas, Señor, graciñas
                  
Ofertorio: Benaventurados
                
Comuñón: O amor é o meirande


POWER POINTS



Comentarios

Publicacións populares