DOMINGO XXVI DO TEMPO ORDINARIO B
LECTIO:
Domingo XXVI Ordinario
Ollada aberta-29 setembro 2024
Nas
lecturas vese ben a relación entre a primeira
parte do evanxeo e a lectura do Antigo Testamento.Son mensaxes antigas que non
deixan de ter actualidade. Pois o bo non perde valor co paso do tempo.
Cóntasenos no libro dos Números do Antigo Testamento que Moisés tiña un
grupo selecto de setenta anciáns. Eran anciáns, uns pola súa idade unida ao
saber, outros érano non tanto pola súa idade canto pola súa sabedoría e bo
xuízo. Moisés valíase deles para tomar certas decisións e dirixir axeitadamente
o pobo. Baixo a autoridade de Moisés estaba quen sería o seu sucesor e que de
momento atendía sobre todo á defensa do pobo fronte a posíbeis agresións
exteriores. Chamábase Xosué. Pois ben, cóntasenos que un par de persoas, que
non pertencían estritamente ao Consello dos Anciáns, se puxeron pola súa conta
a “profetizar”, é dicir, a animar relixiosamente a xente. Poderíase pensar que
operaban algo así como “francotiradores”, naturalmente a favor do pobo e coas
mellores intencións. Eles, pola súa parte, sabíanse movidos polo Espírito de
Deus. E ben sabemos que o Espírito de Deus é xeneroso, amplo, infinito,
super-infinito...
Mais nunha sociedade
fortemente xerarquizada como era aquela iso resultaba algo estraño. Quizais por iso un rapaz vailles contar aos responsábeis xerárquicos o
que estaba a pasar. Xosué enrabéchase contra Eldad e Medad (así se chamaban os espontáneos
animadores relixiosos) e ínstalle a Moisés a que os reduza de novo ao seu posto
de simples subordinados. Pero Moisés tiña seguramente máis trato con Deus e
máis experiencia da súa grandeza e amplitude de miras ca Xosué. Sabía que Deus
non se esgota nas persoas concretas nin nun grupo determinado. Sabía que Deus é
infinitamente meirande ca o mundo e que a humanidade toda. Era consciente de
que o seu Espírito enche a realidade toda e sopra como quere e cando quere a
través de milleiros de acontecementos e por medio das máis diversas persoas,
por insignificantes que poidan parecer.En consecuencia, Moisés non se deixa levar
polo ímpeto xerárquico e excluínte de Xosué e respóndelle desta fermoso modo:
“Quen dera que todos os do pobo do Señor fosen profetas e que o Señor lles dese
o seu espírito!”.
A verdade é que sería moi fermoso que tamén entre os que participades na Eucaristía
imitásedes dalgún xeito os voluntariosos Eldad e Medad,
comunicándovos mutuamente as vosas vivencias cristiás. Pois formarmos unha
comunidade cristiá significa que somos un grupo humano de irmás e irmáns que
nos sentimos movidos por unha común fe en Deus, Nai-Pai noso, e en Xesús, fillo
benquerido seu e irmán noso. Canto máis espírito fraternal e mutua acollida
teñamos, tanto mellor.
Xa desde un punto de
vista simplemente organizativo e de eficacia funcional, as cousas van
normalmente mellor en calquera empresa humana canto máis implicación e corresponsabilidade exista. Lembro que, sendo eu aínda
mozo, se me quedou moi gravada unha frase do sucesor na dirección dunha famosa
Congregación Mariana de Cuba, que naqueles temposfoi considerada modélica. O
fundador desta Congregación denominada “Agrupación Católica Universitaria” era
un xesuíta, parente meu, que se chamaba Filipe Rey de Castro. Pois ben, trala
súa morte repentina a mediados do século pasado, o seu sucesor contábame que o
fundador desa agrupación lle dixera unha vez, ante a complexidade das
actividades que se desenvolvían nela, o seguinte: “Este tipo de obras ou se
levan co dedo maimiño ou non hai maneira de levalas”. É dicir, hai que saber confiar
nos demais e delegar responsabilidades e actividades noutras persoas. Pois ben
sabemos que Deus non escatima en espallar os seus dons, o seu Espírito, entre
cantas e cantos estean dispostos a acollelos.
En tempos antigos, Moiséssentíase xa feliz coa axuda espontánea e entusiasta dos mencionados Eldad
e Medad. En realidade, o exemplo de Moisés revive dalgún xeito en Xoán o Bautista, cando este se sentía feliz ao
ver que o Xesús, a quen el bautizara, era agora (e non el) quen atraía as
multitudes e ía formando e reunindo pola súa conta apóstolos e discípulos.Se Moisés ou Xoán o Bautista tiñan esta
amplitude de miras, esta conciencia da grandeza do Deus que se comunica a
cantos queren acollelo, en Xesús esta actitude era fonda e plena. Pois el, en
canto fillo benquerido, ten experiencia íntimada grandeza de Deus Pai. El sabe
da súa infinita bondade e xenerosidade, querendo comunicarse a todos por medio
precisamente da persoa de Xesús, manifestación última e definitiva de Deus Pai
ao mundo.
Podemos así entender
ben a reacción de Xesús ante o que o seu apóstolo
Xoán lle comunica de que hai alguén que profetiza e bota demos no nome de Xesús
sen el pertencer ao grupo dos apóstolos e discípulos e, polo tanto -tal como pensa
Xoán- sen ter dereito a facelo. Con este modo de pensar e de proceder resulta
ser Xoán, nesta ocasión polo menos, continuador da incorrecta actitude de Xosué
no Antigo Testamento.
Así, pois, como
Moisés non conxeniara coa actitude de quen sería o seu sucesor como guieiro do
pobo de Israel, así tampouco aproba Xesús o celo excluínte de Xoán. As palabras
coas que Xesús corrixe Xoán reafirman en realidade a maneira de ver as cousas,
ampla e xenerosa, de Moisés. Pois Xesús replicaralle claramente a Xoán: “O que
non está contra nós, está connosco”.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/26-tempo-ordinario-b-marcos-938-43-45-47-48-4/
Comentarios
Publicar un comentario