CELEBRACIÓN + ORACION - DOMINGO + SEMANA 2 CORESMA B

 



                   Segundo domingo de Coresma 

                                      Ciclo B

Monición de entrada

Hoxe, a primeira lectura, nun relato que reflicte tempos moi distintos aos nosos, nos presenta unha renovación da Alianza de Deus cos homes.

Continuamos o noso camiño de Coresma, sabéndonos coidados polo Pai.

Rito penitencial

Ti, que nos chamas fillos. Señor, ten piedade de nós.

Ti, que nos fas irmáns. Cristo, ten piedade de nós.

Ti, que coidas con agarimo de todos. Señor, ten piedade de nós.

Observacións para o celebrante ou equipo de liturxia

O leccionario deste día propón un extracto do relato do sacrificio de Isaac. Ben é certo que é máis breve e se centra no esencial da súa ensinanza para nós. Pero non sería mala idea pensar en ler o relato íntegro ( Xén 22, 1-18) , máis longo pero cunha tensión dramática que o extracto proposto perde.


Ideas para a homilía

Propoñemos dúas opcións:

Opción A. Tomar de fronte a lectura da Xénese:

·         O tempo do Antigo Testamento era moi distinto ao noso. Homes de fe, que transmiten a sua visión dun mundo que transparenta a presenza de Deus, pero que tamén nos falan de usos e normas ás veces arrepiantes.

·         Temos que ler o AT desde a experiencia gozosa e liberadora de Cristo. A palabra de Deus moitas veces dura e terrible fíxose Boa Nova.

·         Se miramos tan só un chisco atrás podemos ver que a nosa propia relixión tiña e igual aínda ten crenzas, costumes, doutrinas ben inhumanas.

·         Se miramos ao noso arredor vemos xente escravizada por doutrinas que usan a calquera deus como garante da inhumanidade.

·         A fe pode levar á máis absoluta inhumanidade se nos esquecemos que o camiño a Deus pasa pola dignidade e liberdade da humanidade “Gloria Dei, vivens homo” (San Ireneo”

Opción B: Unha lectura máis amable en clave evanxélica:

·         Abraham e Isaac como prefiguración de Deus e Cristo, tal como nos fala Paulo na segunda lectura.

·         Deste xeito, esta alianza de Moria é profecía da Alianza do Calvario.

·         Podemos tamén ver ao carneiro do relato veterotestamentario como figura de Cristo: o carneiro-Año de Deus toma o lugar do home chamado á morte.

·         Hai tempos de dúbida? Hai. Hai tempos de escuridade? Tamén.

·         Ser crente nos libera de calquera dúbida? Non, grazas a Deus.

·         A fe nos fai ver a meta pero, polo amor que Deus nos ten, non fai por nós o camiño.


Oración dos fieis

Pedimos a Deus coa confianza de quen fala co Pai.

·         Pola xente que vive escravizada por crenzas inhumanas. Oremos:

·         Polos misioneiros que espallan a boa nova por toda a terra. Oremos:

·         Pola paz no mundo. Oremos:

·         Por unha fe que axude a que cada home e cada muller teñan unha vida máis plena. Oremos:

·         Polas nosas necesidades e as das persoas da nosa parroquia. Oremos:

Acolle a nosa oración que che diriximos desde a nosa necesidade. Por Cristo noso Señor.

 


Ángel Domínguez Cerdeira

(grazas por compartir connosco)

Comentarios

Publicacións populares