FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: PENTECOSTÉS A
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
Aires divinos connosco
28 maio 2023
Pentecoste
é o nome de orixe grega da festividade da vinda do Espírito Santo onda nós. Fai
referencia ós “cincuenta” días de despois da Resurrección do Señor. Un número
de días que tampouco se ha entender literalmente senón de maneira simbólica.
Día emocionante, grandioso, este da vinda do Espírito Santo, para se facer
presente en nós: mulleres e homes do mundo enteiro de hoxe, mais tamén de
tódalas épocas anteriores e das vindeiras.
Pentecoste
está en paralelismo e, ó tempo, a modo de contrapunto coa festa da Ascensión do
Señor do domingo pasado. Aledabámonos entón e dabámoslle grazas a Deus Pai polo
ascenso glorioso de Xesús trala súa Resurrección. Así estaba para sempre
sinalado o camiño e construída a ponte entre terra e ceo.
Hoxe,
nesta festa do Espírito Santo, o que ocorre non é unha vez máis un “ascenso”, unha
“Ascensión”, senón un “descenso”, unha vinda onda nós do Espírito de Deus. Por
mediación do humano Fillo de Deus ascendido a esa nova situación gloriosa,
anticipo da que será a nosa, baixa o “Espírito” de Deus onda nós. Un “Espírito”
que se quedará xa para sempre onda nós. A súa vinda non ten data de caducidade.
Veu para se quedar. De xeito que se é verdade que hai Ascensión de Xesús ós ceos,
non hai xa ascensión ou partida do Espírito Santo de onda nós. El está no corazón
mesmo de cada un de nós e aquí quere permanecer como en casa propia.
Deste
modo, o Espírito Santo vén sendo algo así como a presenza de Deus entre nós
máis alá do tempo histórico ou biográfico en que Xesús permaneceu onda nós. Precisamente
por iso, é dicir, grazas á vinda do Espírito Santo, enviado onda nós polo pai e
polo Fillo, podía dicir este, a pesar da súa marcha, a pesar da súa “Ascensión”,
que el, é dicir Xesús, “estará sempre connosco ata a fin do mundo”. E se este é
a imaxe, o retrato vivo de Deus Pai, o Espírito Santo é pola súa parte a presenza
viva e actuante de Deus nas persoas todas do mundo deica a fin dos tempos.
Nos
Feitos dos Apóstolos, o Espírito de Deus
énos presentado, na súa vinda onda nós, coma “ruído dun forte golpe de vento”
que o enche todo, e como “linguas de lume” que se pousan sobre cada un dos
presentes. Ocorre aquí unha transformación fonda dos apóstolos, que os fai
sentirse a si mesmos “cheos do Espírito Santo”. De tal maneira que son capaces
de se daren a entender por cantos os escoitan. Dísenos alí que todos os
comprendían perfectamente, coma se falasen na súa propia lingua, sendo así que
de feito os que os escoitaban eran xentes de moi diferentes linguas e nacións.
Tanto
nos comezos do espallamento da boa nova de Xesús coma nos tempos de hoxe e de
mañá o que nos fai moita falla é ese “enchérmonos do Espírito Santo”, tal como
ocorreu na primeira Pentecoste. Ese sentirmos en nós a presenza viva do Espírito
Santo, que nos dá vigor e azos para anunciarmos a mensaxe de Xesús con
liberdade, alegría e agradecemento. Coas palabras, aínda que mellor cos feitos,
porque, no fin de contas, as palabras sen os feitos non son máis que sons baleiros.
¿De
que falaban os apóstolos, transformados en si mesmos pola presenza neles do
Espírito Santo? Dísenos nos Feitos dos
Apóstolos que falaban “das grandezas de Deus”. Eles sentían en si mesmos o
“grande” que era ese Deus que se nos dera a si mesmo no seu Fillo e que agora se
facía presente coa forza e o poder transformador do Espírito Santo.
Por
iso, é hoxe sobre todo un día no que deberiamos repetir aquela petición que a
“Secuencia” litúrxica expresa deste xeito: “Ven, Espírito divino..., Ven, hóspede
desexado... Entra ata o fondo da alma, divina luz, e enriquécenos... Ven,
Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis...”
Teriamos
que concienciármonos de que este Deus que se nos comunica no Espírito Santo e
que está na mesma orixe da igrexa é un Deus impetuoso, forte, como é forte un
vento impetuoso capaz de derrubar rexos carballos ou castiñeiros. Un Deus libre
e que ama a liberdade. Un Deus que se comunica e que se fai comprender en calquera
lingua e cultura. Un Deus que non se ata a límites, prescricións ou ritos concretos.
Porque a súa grandeza (aquela da que falaban os apóstolos ós alí presentes) é
unha grandeza divina. Por ser tal, o Espírito de Deus actúa en nós non só coma
un vento forte, senón tamén como lene brisa ou alento que nos dá paz e alegría.
Así vén simbolizado por exemplo naquel texto do evanxeo no que se nos di que o
Xesús resucitado, despois de lles dar a paz ós seus discípulos, “alentou sobre
eles”, dicindo: “Recibide o Espírito Santo”.
Un
“alento” que liberará os discípulos dos seus “des-alentos”, dos seus medos,
para anunciaren a boa nova da Resurrección. Espírito, pois, forte e maino, ó
que lle gusta a unidade, mais tamén a diferenza de persoas, de culturas e de
linguas, e polo tanto que está lonxe de estreitos dogmatismos e uniformidades. Que
quere portas abertas ó mundo, tal como nolo pide hoxe tamén o papa Francisco,
para que o mundo poida así coñecer as grandezas divinas.
Sobre
esta festa de Pentecoste lin algunha vez estas palabras coas que quero xa
rematar: “Na Igrexa somos moi pouco devotos do Espírito Santo. Porén, só no
Espírito somos os cristiáns capaces das cousas que no noso falar e no noso
obrar nos distinguen como cristiáns. Sen o Espírito nin seriamos adoradores do
Pai, nin seguidores de Xesús, nin servidores dos pobres.”
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/pentecoste-a-xoan-2019-23-2/
Comentarios
Publicar un comentario