FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO 2 DE ORDINARIO A

 FICHAS ANTERIORES: 

FICHA 1 / FICHA 2 


LECTIO:

Espírito pomba connosco 

(15 de xaneiro de 2023)

         Seguen a resoar no evanxeo de hoxe temas e experiencias de lecturas de días anteriores, do tempo de Nadal. Así, despois da Segunda Lectura, dise ou cántase: “Aleluia, aleluia. A Palabra fíxose carne e habitou entre nós; a cantos a recibiron deulles o poder de seren fillos de Deus. Aleluia”.  De novo a gran nova de que se “recibimos” a Palabra de Deus “feita carne” somos por esa recepción, por esa fe na Encarnación de Deus, nada máis e nada menos que “fillos de Deus”. Con todo o que iso leva consigo: dignidade “divina” de cada un de nós, de tódalas persoas, e mais destino de todos a un vivir,  alén da nosa morte individual, en familiaridade con Deus e con toda a humanidade glorificada. Conforme a esa dignidade de sermos “fillos de Deus” e pertencentes polo tanto á familia de Deus.

         Volve tamén hoxe Xoán Bautista a estar connosco, dando testemuño dese Xesús misterioso que, en compaña de pecadores e xentes sinxelas e abertas á misericordia e ó perdón, se achegan a seren bautizadas por Xoán. O testemuño deste acerca de Xesús segue a ser importante para nós e para o noso tempo. Xoán, con ser el grande, “o meirande dos nados de muller”, segundo o testemuño de Xesús, diranos sobre a grandeza deste: “Detrás miña vén un home que pasa diante miña, pois existía primeiro ca min”.

         A grandeza do “home” Xesús é para Xoán moito maior do que se podería pensar, pois o propio Xesús preséntase no Xordán coma un pecador máis que vén para ser bautizado e congraciado con Deus por medio do Bautista. Por iso Xoán proclama de maneira solemne: “Eu vino e dou testemuño de que este é o Fillo de Deus”. Non un fillo máis de Deus. Xesús é proclamado máis ben por Xoán como “o Fillo”, o Fillo único do Pai Deus, igual có Pai en eternidade, en poder ou en bondade.

         Mais Xoán experimenta, ve e proclama tamén o “home” Xesús como asociado non só co Pai (en canto “Fillo” del), senón tamén co “Espírito”, co “Espírito Santo”, esa segunda persoa da Santísima Trindade coa que sería ben bo que falásemos de xeito familiar moias veces. Pois o Espírito Santo  vén ser algo así como o corazón mesmo dese noso Deus trinitario, que é Pai, Fillo e Espírito. Xoán dá claro testemuño desta asociación, desta unión de Xesús non só co Pai, senón tamén co Espírito Santo: “Eu vin o Espírito –dinos o Bautista- baixar do ceo como unha pomba e pousar enriba del”.

         Dáse aquí tamén outra asociación máis e moi importante. Na escena que aparece directamente ante nós, o Pai, o Fillo e o Espírito amósanse conxuntamente en unión, en comuñón. Mais cómpre non esquecer que Xesús está en compaña tamén doutros, as demais persoas que escoitan a Xoán e desexan ser bautizados por el. Xesús aparece como “un de tantos”. Tal e como nolo di Paulo, na carta ós Filipenses, cando nela comenta que “Xesús se despoxou do seu rango e tomou a condición de escravo, pasando por un de tantos”. Resulta, pois, deste xeito que a Santísima Trindade en pleno (o Deus Pai, Fillo e Espírito) está unida a todos nós, a toda a humanidade, grazas á humanidade de Xesús.

         E podemos aínda engadir algo máis. Resulta tamén que o Deus único, que é Pai, Fillo e Espírito, aparece aquí unido, asociado, con toda a creación, simbolizada e presente nas augas do Xordán, onde se mergulla Xesús polo bautismo de inmersión que practicaba Xoán.

         O Bautista ten aínda unha indicación máis, e preciosa, sobre quen é Xesús. De si mesmo dicía o Bautista que el bautizaba “con auga”, mergullando os que se achegaban a el na auga do Xordán. “Eu bautizo con auga”, dinos el. Mais, en cambio, dirá sobre Xesús: “El é o que bautiza con Espírito Santo”.

         É dicir: é Xesús quen nos “mergulla” no “Espírito Santo”, ou sexa, no Deus como bondade, tenrura e forza que o pode todo e que está alén de calquera rito formal concreto. De modo que estamos así, grazas a Xesús, “mergullados” en Deus, que é a nosa casa, a nosa felicidade, o noso poder. Ceibes polo tanto de calquera medo ou anguria que nos poidan ameazar.

         Unha vez máis, teremos que agradecer na nosa Eucaristía (que significa “acción de grazas”) ó noso Deus a súa grandeza e bondade: El está sempre connosco, en Xesús. El é o “Emmanuel”, o “Deus connosco”.

Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:







Comentarios

Publicacións populares