FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: NADAL DO SEÑOR A
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
Sempre novo Nadal
(25.XII.2022)
Poderiamos
dicir que nun determinado sentido o neno Xesús estaría hoxe de aniversario. Faría
hoxe arredor de 2024 anos, se temos en conta que historicamente naceu máis ou
menos dous anos antes do comezo da que chamamos a era cristiá.
En
calquera caso, el continúa vivo. Pois o morrer, o que se di o morrer definitivo
a el non lle afectou. El segue a vivir. El dicía que era a Vida. Como podía
morrer quen é a Vida mesma? E se, segundo as nosas categorías, el finou, habería
que dicir máis ben que o mataron. E finando así, fíxose vida para sempre, para
el e para todos.
Podemos
ver así, na súa verdadeira perspectiva, a nosa vida e a nosa morte. Porque
morrer, o que se di morrer, tampouco nós morremos se é que cremos na mensaxe da
Resurrección que o Neno de Belén nos anunciará.
Semellaría
que na festa de Nadal non habería que falar de mortes ou cousas así, porque
xustamente estamos a celebrar a vida, o comezo dunha vida que veu acender tamén
vida en todos nós. E, porén, a liturxia deste día faino, polo menos
indirectamente. Cando despois da comuñón recitemos a oración final, chamada pos-comuñón,
diremos alí: “Deus de misericordia, o Salvador do mundo, ó nacer hoxe, fíxonos
nacer á vida eterna. Que el nos conceda tamén o don da inmortalidade”.
Isto
quere dicir que, co nacemento de Xesús na nosa carne mortal, quedou inoculada
para sempre na nosa natureza a vacina ou o elixir da inmortalidade. Deus, que é
Vida (que existiu desde sempre e endexamais deixará de existir), ó colocar con
Xesús a súa tenda entre nós, como se nos di no evanxeo de Xoán, ó se unir con
Xesús á humanidade toda, fíxonos participar a todos da súa divindade. De modo
que polo nacemento de Xesús fomos todos convertidos en pequenos deuses inmortais...
Estas
son as marabillas de Deus, porque –como lle dicía o anxo da Anunciación a María- “para Deus non hai imposibles”.
Claro
que isto non é algo así como un automatismo que se realiza sen máis en nós,
queirámolo ou non. Pois esta participación na divindade de Xesús, que en Belén
se fai irmán noso e que nos converte en inmortais, é unha angueira cotiá, que
terá boa fin se nos unimos ó modo de ser e de actuar de Xesús. De feito,
acabamos de llo pedir a Deus Pai na primeira oración desta eucaristía deste
xeito: “Deus, noso Pai, fainos participar na divindade do teu Fillo, que quixo
tomar a nosa humanidade”.
Agora
ben, que significa, desde a perspectiva do nacemento de Xesús, iso ó que
debemos aspirar e que debemos pedir, a participación na divindade do Fillo de
Deus?
Pois
significa algo que é paradoxal. Cando
Deus se encarna no seu Fillo temos aí diante un Deus humanizado. Pois a nosa fe
sostén que el é verdadeiro ser humano e verdadeiro Deus. Participar, xa que
logo, na divindade de Xesús é participar na súa divindade humanizada. Por iso, se
queremos ser verdadeiramente divinos (e todos o queremos dun xeito ou doutro),
temos que ser profundamente humanos.
Porque
sermos así humanos significa sermos próximos ós demais, querer sen excepción,
sobre todo aqueles que máis precisan dese aprecio e dese amor, romper con
desigualdades e inxustizas de calquera xénero que sexan, sufrirmos cos que
sofren e aledármonos cos que se aledan.
Todo
isto está incluído na incríbel e universal mensaxe do Nadal.
Queda
aínda moito por facer para que os seres humanos nos parezamos de verdade ó Deus
humanizado do Nadal nos nosos modos de proceder. As nosas relacións humanas, a
saúde da nosa sociedade deben mellorar aínda moito para que se poida dicir que
a mensaxe do Nadal chegou xa en nós á súa plenitude.
Pois
dunha sociedade só se podería dicir que é verdadeiramente humana cando, á semellanza
do que se nos anuncia no Nadal, pode haber nela fe e ilusión no futuro, cando
hai nela máis alegría, ilusión e traballo ca medo ou angustia por non atoparmos
nela o lugar para desenvolvérmonos como é debido. Cando estranxeiros, emigrantes
e pobres son aceptados como irmáns de Xesús e irmáns nosos. Cando todos cantos
formamos parte da sociedade somos respectados nos nosos dereitos sociais,
culturais, lingüísticos, políticos ou relixiosos.
Celebremos,
pois, agradecidos, este día de Nadal unidos á humanidade toda, destinataria desta
Palabra humano-divina, que é o Neno de Belén.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/natividade-do-senor-a-lucas-21-14-2/
Comentarios
Publicar un comentario