FICHA E LECTIO: DOMINGO 14 C
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
Un Deus sempre amoroso e libre
(3 xullo 2022)
A primeira lectura do
libro de Isaías enmarca en certo modo este breve comentario sobre os textos
litúrxicos deste domingo. Neste sentido, quero lembrar que o Xesús que inaugura
o Novo Testamento fai uso en momentos cruciais da súa vida pública de determinados
textos, digamos en certa medida aperturistas ou liberadores, dos escritos de
Isaías, pra lles ofrecer así ós seus oíntes (xentes á fin e o cabo instruídas e
educadas nos textos do Antigo Testamento) unha maior capacidade de comprensión
da súa propia mensaxe, da súa “boa nova”, decididamente máis liberadora cá só incipiente
de Isaías.
Efectivamente, se no Novo
Testamento a mensaxe da decisiva importancia do amor, do comportamento servizal
e amoroso cos demais, é en derradeira instancia o que importa, iso non
significa que na comunicación de Deus a través dos profetas en tempos anteriores
a Xesús non se poidan atopar xa indicios aurorais do novo e refulxente sol do
Novo Testamento, que aparecerá con todo o seu esplendor nos futuros “novos”
tempos. Nos escritos de Isaías hai xa referencia ó ámbito esplendoroso ou luminoso
e, ó tempo, amoroso e consolador de Xerusalén en canto centro da relixiosidade
do pobo ó que o profeta lle dirixe a súa palabra.
Neste sentido convídase a
todos a se alegrar con Xerusalén, a “reloucar con ela de xúbilo” (e expresións
semellantes), anticipándose así en certo modo á linguaxe de Xesús ó amosar na
súa propia persoa o humano comportamento do seu pai Deus connosco no feito de el
se converter en certo modo, no seu propio fillo Xesús, nun máis entre nós. De
aquí a súa identificación vital cos máis pequenos e febles, é dicir, cos nenos,
coas mulleres, cos pobres, etc. O libro de Isaías anticípase xa así en certa
medida á definitiva e plena mensaxe de Xesús ó se introducir nel un discurso
programático sobre a relación do pobo con Deus en termos de proximidade e
íntima relación entre a xente -é dicir, os seres humanos- e a Xerusalén na que de
maneira simbólica habita a divindade. Iníciase xa así en certo modo unha nova relación,
case familiar, con Deus, que posteriormente en Xesús chegará ó seu máximo grao.
No libro de Isaías explicítase
así a alegría á que se convida respecto de Xerusalén aludíndose ós
comportamentos populares, íntimos e familiares, das xentes da época da súa redacción.
Incítase así, referíndose ás vivencias e experiencias normais do pobo, a “reloucar
de xúbilo” no “amor” a Xerusalén. “Mamaredes ó seu peito -dísenos nese escrito
do Antigo Testamento- e fartarédesvos das súas consolacións; zugaredes con
delicia a riqueza do seu seo”. Chegándose así xa a pór en boca do Deus do
Antigo Testamento as seguintes palabras dirixidas a un pobo que acadará deste
modo albiscar a proximidade e familiaridade a el do grandioso Deus no que cre: “Porque
-continúa a anunciarse nese escrito- así fala o Señor: Ollade que eu estendo
ata ela [Xerusalén] a fartura coma un río, si, como un río desbordado a riqueza
das nacións. Vós mamaredes, no colo seredes levados, sobre os xeonllos seredes
aloumiñados. Coma un neno, a quen súa nai consola, así vos consolarei eu. Si,
en Xerusalén seredes consolados” (Isaías 66, 10-13).
Fálasenos xa, pois, no
libro de Isaías sobre as entrañas máis que paternais ou maternais de Deus, aludíndose
ó que ocorre na relación das nais cos seus fillos. Unha relación ben asentada nos
comportamentos da humanidade dende tempos inmemoriais. Velaquí tamén o fermoso
texto do libro de Isaías: “Exulta, ceo; brinca de ledicia, terra; que se fendan
os montes coa alegría, pois o Señor consolou o seu pobo e compadeceuse dos seus
pobres. Sión di: ‘Iavé non me abandonou, o Señor non se esqueceu de min’. ¿Esquécese
unha muller do seu meniño? ¿Non se compadece do fillo das súas entrañas? Aínda que
ela se esqueza, eu non me esquecerei de ti” (Isaías 49, 13-15) .
Impresionante e case
incríbel o que xa aquí se nos di en tempos moi anteriores á boa nova de Xesús
sobre o amoroso comportamento de Deus. Deus non é un ser fachendoso, distante e
frío. El é calor e amor, el é nai. Máis ca nai.
En relación con isto, cómpre
volver lembrar que non deixou de resultar sorprendente e inesperado o feito de
que en setembro do ano 1978 nada menos que o papa Xoán Paulo I (inmediatamente anterior
a Xoán Paulo II) se dirixise á xente que o escoitaba en Roma pouco antes do
rezo do “O Anxo de Deus” con estas palabras: “Deus é Pai. Aínda máis, é Nai”. En realidade, con esta formulación
curta, mais chea de contido, Xoán Paulo I non facía senón repetir e actualizar
o xa proclamado moitos séculos antes no libro de Isaías, tal como acabamos de ver. De feito, o
pontífice mesmo ó el formular esa afirmación sobre Deus faría tamén referencia ó
texto de Isaías que acabamos de comentar.
Pois ben, tanto na Segunda
Lectura (tomada da carta de Paulo ós Gálatas) como no texto de Lucas do evanxeo
pódense atopar alusións a este novo ámbito da presenza entre nós de Deus en Xesús,
pre-figurada ou pre-vista xa en tempos moi anteriores á mensaxe definitiva do
Novo Testamento.
En tal sentido, fálanos
Paulo da “nova creación” que leva consigo o feito de sermos cristiáns: “Tanto
ten -dinos Paulo- estar circuncidado como estar sen circuncidar: o que importa
é a nova creación”. É dicir, o importante e decisivo son a “graza do noso señor
Xesús Cristo” e maila ”paz e misericordia” que dela proceden. Non é dende
Xesús, xa que logo, o ritualismo exterior ou legal o que decide ou o que
estaría no centro da nosa actitude relixiosa senón a liberación interior e
exterior, seguindo o programa anunciado e proclamado por Xesús na súa aldea de
Nazaret, que vén sendo algo así como o ideario profético do propio Xesús, clara
e explicitamente en liña co pensamento do profeta Isaías, ó que explicitamente
aludiría ademais nese momento.
Refírome ó xa noutras
ocasións aludido discurso de Xesús nun sábado na sinagoga de Nazaret, cando le ante
todos un texto de Isaías abundando na visión dun Deus que a el se lle manifesta
como Pai-Nai del e tamén de todos. Xesús non fala alí coa autoridade que lle
podería conferir ser el un letrado ou mestre da lei, títulos que el non posuía,
senón desde a fonda, íntima e directa experiencia da súa propia filiación
divina. E desde esa misteriosa intimidade anunciará ós seus atentos e sorprendidos
oíntes que o seu Pai Deus non é nin tenta ser castigador nin opresor, senón liberador.
Pois ben, o texto que Xesús alí lles le ós seus oíntes do profeta Isaías
(Isaías, 61, 1) é o seguinte: “O Espírito do Señor está sobre min porque El foi
quen me unxiu para lles proclamar a Boa Nova ós pobres. Mandoume para lles
anunciar a liberación ós secuestrados e a vista ós cegos, para lles dar
liberdade ós asoballados e proclamar o ano de graza do Señor”.
O
comentario que constrúe Xesús sobre este texto non pode ser nin máis curto nin
máis significativo: “Cúmprese hoxe diante vosa esta pasaxe da Escritura”. É
dicir, alí temos en persoa diante dos seus abraiados veciños e oíntes, na
persoa humilde e concreta de Xesús, a realización e o cumprimento do texto de
Isaías. Un texto absolutamente alegre, liberador e perdoador para cantos se senten
ameazados ou asoballados por calquera tipo de discriminación ou inxustiza.
Sabemos polo que nos conta Lucas que a xente, estrañada, non acabou de
comprender esta mensaxe liberadora de Xesús, acostumada como estaba ó imaxinario
dun Deus xusticeiro e castigador, que impuña unha gran multitude de mandatos e
preceptos. Ademais, non casaba moi ben tampouco esta imaxe que tiñan dun Deus
grandioso e omnipotente coa feble e humilde presenza dun Xesús, a quen todos
coñecían como “o fillo de Xosé”, sometido, coma os demais, á pobreza e á
discriminación social e política.
En
relación xa co evanxeo deste domingo, só quero aludir finalmente -en coherencia
co antes comentado- ás advertencias que Lucas pon en boca de Xesús no intre de lles
encomendar ós seus discípulos sinxeleza, paz e mansedume no anuncio da boa nova.
A teor diso, a boa nova de Xesús só pode ser, pois, anunciada e recibida desde a liberdade tanto
do seu anuncio como da súa aceptación. Movémonos, pois, sempre nos ámbitos da
familiaridade e das amorosas prácticas do anuncio do evanxeo, que deberá ser
sempre convite e endexamais imposición: “Ide e sabede que vos mando como años
entre lobos. Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado [...] Cando entredes
nunha casa, antes de máis nada dicide: ‘Paz a esta casa’”.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario