DOMINGO IV DE ADVENTO - CICLO C

Primeira Lectura               Miq 5, 1-4a

LECTURA DO LIBRO DO PROFETA MIQUEAS

De ti sairá quen domine a Israel


Isto di o Señor:


E ti, Belén de Efratah, tan pequeniña entre as familias de Xudá,

de ti vai saír un que será o soberano de Israel;

a súa orixe é desde antigo, desde os días do comezo.


El seranos conservado para sempre, mentres haxa muller que dea a luz;

o resto dos seus irmáns volverá,

e serán devoltos os fillos de Israel.


Manterase firme e pastoreará co poder do Señor,

coa gloria do nome do Señor, o seu Deus,

e cando se instalen ata o mesmo cabo da terra, estenderá a súa grandeza:

"o da Paz" será o seu nome.


      Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL             Sal 79, 2ac e 3b. 15-16. 18-19

 R/. (4): Restáuranos, Deus; que brille o teu rostro e seremos salvos.


Escoita, pastor de Israel,

que guías o rabaño de Xosé;

ti que sentas sobre os querubíns,

esperta o teu poder e ven salvarnos.


Vólvete, Deus dos exércitos,

olla desde o ceo e fíxate,

ven visita túa viña,

a videira que plantaches coa túa man,

o bacelo que ti fortaleciches.


Que a túa man protexa o teu elixido,

o home que ti fortaleciches.

Non nos afastaremos máis de ti;

dános vida de novo, e invocaremos o teu nome.



Segunda Lectura           Hebr 10, 5-10

LECTURA DA CARTA AOS  HEBREOS

Velaquí veño para face túa vontade


Irmáns:


Cando Cristo entra no mundo, di:

"Sacrificio e ofrenda non os quixeches,

pero formáchesme un corpo;

os holocaustos e os sacrificios de expiación

non che gustaron; entón dixen:

Velaquí que vin, meu Deus,

para face túa vontade

‑como se di de min nun capítulo do libro"‑.


Di no comezo:

"Sacrificios, ofrendas, holocaustos e víctimas de expiación, nin os quixeches nin che gustaron" (todos eles ofrécense segundo a Lei); e di despois: "Velaquí que vin para face túa vontade".

Desbota o primeiro para afirmar o segundo. E por esta vontade de Deus quedamos santificados dunha vez por todas coa ofrenda do corpo de Xesús Cristo.


                  Palabra do Señor                             R/ Grazas a Deus




ALELUIA     Lc 1, 38 

Se non se canta, pódese omitir.


Aleluia, aleluia.

Velaquí a escrava do Señor,

cúmprase en min o que dixeches.

Aleluia.


Evanxeo                 Lc 1, 39-45

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor?


Naqueles mesmos días, saíu María con moita présa camiño da montaña, a unha cidade de Xudá. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Isabel. E en oíndo Isabel o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre, e Isabel quedou chea de Espírito Santo e exclamou a grandes voces:

‑ Bendita ti entre as mulleres, e bendito o froito do teu ventre. Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, o neno brincou de alegría no meu ventre. Ditosa aquela que creu, pois hase cumprir canto lle anunciaron de parte do Señor.


      Palabra do Señor                                             R/. Loámoste, Cristo

Comentarios

Publicacións populares