Domingo XI do Tpo.Ordinario - ciclo B

Primeira Lectura   Ez 17, 22-24

Enxalzou a árbore humilde

LECTURA DO LIBRO DE EZEQUIEL


            Así fala o meu Señor:

            — Eu collerei das ramas do cedro a máis alta e fixareina;

dos gallos máis novos arrincarei un xermolo,

e plantareino nun monte alto e elevado,

no monte elevado de Israel plantareino;

botará gromos e dará froitos

e volverase un cedro magnífico;

aniñarán debaixo del todos os paxariños,

todas as aves aniñarán á sombra das súas ramas.


            Entón todas as árbores do monte

caerán na conta de que eu, o Señor,

derreo a árbore ergueita

e levanto a árbore derreada;

seco a árbore verde

e fago florecer a árbore seca.


            Eu, o Señor, díxeno e fareino.


                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus




SALMO RESPONSORIAL   Sal 91, 2-3. 13-14. 15-16

R.: (Cf. 2a)É bo honrar o teu nome, Señor.


É bo celebrar o Señor,

e cantar ao teu nome, oh Altísimo,

pregoar de mañá a túa misericordia,

e de noite a túa fidelidade.


Os xustos florecerán coma palmeiras,

ergueranse coma cedros do Líbano.

Plantados na casa do Señor,

florecerán nos adros do noso Deus.


Aínda na vellez seguirán dando froito,

estarán cheos de zume e de vigor,

para pregoaren que o Señor é recto,

a miña rocha, en quen non hai iniquidade.


 


Segunda Lectura   2 Cor 5, 6-10

Ora continuemos neste domicilio ora nos afastemos del, arelamos agradarlle ao Señor

LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS


            Irmáns:

            Temos sempre bo ánimo, sabedores de que, mentres residimos no corpo, camiñamos lonxe do Señor, guiados pola fe, non polo que se ve.

            E, con este ánimo, preferimos liberarnos do corpo e habitar a carón do Señor. En todo caso, ora continuemos neste domicilio ora nos afastemos del, arelamos agradarlle.

            Porque todos teremos que comparecer tal como somos perante o tribunal de Cristo, para que cada un recolla o seu merecido polo que teña feito mentres vivía no corpo, ben ou mal.


                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus



 


ALELUIA

Se non se canta, pódese omitir.


Aleluia, aleluia.

A semente é a Palabra de Deus, quen sementa é Cristo;

quen o encontra vivirá para sempre.

Aleluia.



 


Evanxeo   Mc 4, 26-34

A máis pequena das sementes faise o máis grande dos arbustos

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS


            Naquel tempo, dicíalle Xesús á multitude:

            — Así é o Reino de Deus, como un home que bota a semente na terra e, durma ou estea esperto, sexa de noite ou de día, a semente agroma e medra, sen que el chegue a saber como. A terra vai dando froito por si mesma; primeiro herba, logo espigas e, por último, o gran ben abundante na espiga. E cando o froito xa está en sazón, deseguida se lle mete o fouciño, por ser o tempo da seitura.

            E tamén dicía:

            — Con que compararemos o Reino de Deus? É coma o gran de mostaza, que cando se sementa na terra é a máis miúda de todas as sementes. Pero, despois de sementala, medra ata ser a maior de todas as hortalizas, chegando a botar unhas pólas tan grandes que na súa sombra poden vir aniñar os paxaros.

            E así, con moitas comparanzas coma estas, íalles mostrando a mensaxe, de xeito que puidesen entender. Non lles falaba máis que en parábolas, pero logo explicáballelas aos seus discípulos.


                        Palabra do Señor                             R.: Loámoste, Cristo

Comentarios

Publicacións populares