Marzo - As mulleres alzan a voz

Non deixa de ser curioso como o Espírito chama as nosas portas no momento xusto, neste tempo de Coresma, tempo de reflexión, de oración, de revisión, as mulleres alzan a voz. Coma sempre digo, a Igrexa non é un mundo aparte, a Igrexa do seu tempo é -e debe ser-, reflexo da súa sociedade, pois vivimos "no mundo", inda que aspiremos a non ser "deste mundo".

Chegou o tempo para a Igrexa da reflexión, da necesidade de mirar cara adentro e recoñecer os nosos pés de barro, de limpar erros, de revisar actitudes. Como chegamos a unha Igrexa onde nos falta a escoita?, onde se ignora a quen nos fala de servizo continuo aos demais co seu corazón e coas súas mans?, por que se sinalamos sempre o mesmo erro de falta de vivencia en verdadeira comunidade, onde falamos de irmandade, as persoas que viven ao noso carón non sinten esa igualdade da que falou Xesús?, se El se "rebaixou" a nós, que non teremos que facer nós especialmente con esa irmandade que sofre, que se sinte esquecida, apartada, silenciada?

Xesús imaxinou para nós, para toda a Igrexa, unha comunidade en igualdade; as mulleres non piden ser máis, piden SER, en irmandade, por que chegamos á situación na que sinten que teñen que berrar para ser escoitadas? Algunhas non se verán recoñecidas neste berro, moitos non se verán recoñecidos ou recoñecidas nas formas, pero non se pode negar a verdade das súas queixas; en calquera caso, en actitude coresmal, escoitemos co corazón, poñámonos na súa pel, saiamos de nós para pensar nos outros e emprendamos camiño... un novo camiño... xuntas... xuntos... da man.





Déixovos o enlace á web de Exeria.org, dá igual onde vos sintades vós, escoitade, reflexionade, orade sobre os porqués das mulleres na Igrexa, sen rumores, sen falar por palabras doutros, cada quen mirando no seu interior e á escoita da Palabra e logo, unídevos ou non a súa loita, pero limpade a maleza, apartade pedras, preparade os camiños...


Comentarios

Publicacións populares