FICHA E LECTIO: Domingo Cristo, Rei do Universo - ciclo C
DEBUXOS DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com/
LECTIO:
Rei
distinto
(24. XI. 19)
Con
esta celebración estamos á finalizar o ano litúrxico, antes de que comece o
novo no próximo domingo, co inicio do Advento.
E
remata o ano litúrxico cunha festa englobante, universalizadora: Xesús, Rei do
universo. É dicir: rei de toda a creación, desde a máis humilde partícula da
materia ata os cumios máis altos da humanidade e do espírito.
A
realeza cómprelle a Xesús por ser el a verdadeira e fiel “imaxe do Deus
invisible” (como nos di Paulo na súa carta ós Colosenses). En Xesús amósase
toda a plenitude do poder e da grandeza do Pai, do seu Pai, que é tamén Pai
noso grazas ó gratuíto don de concedérsenos ser fillos do mesmo Pai de Xesús.
“Todo –dinos Paulo- foi creado por El e para El”. É dicir, por Xesús e para
Xesús.
Por
iso, en momentos cruciais da súa vida (preto, por exemplo, da súa morte
violenta), Xesús afirmará a súa realeza ante Pilato que lle pregunta
expresamente sobre ela. “Eu son Rei –respóndelle Xesús-. Para isto nacín e para
isto vin ó mundo, para ser testemuña da verdade”. E incluso o título de “rei”
figurará no letreiro sobre a cruz na que foi crucificado: “Xesús Nazareno, rei
dos xudeus”. Un título que os xudeus rexeitaban, pois para eles era iso
xustamente aquilo do que o acusaban, mais que se converteu coa morte e
resurrección de Xesús en título universal: Xesús rei, non só dos xudeus, senón
de toda a humanidade, de todo o universo.
Naturalmente,
a realeza de Xesús Cristo é moi distinta das realezas humanas. Por iso a Xesús
non lle gustaba que, aínda séndoo en realidade, o considerasen rei ou o
tratasen como tal. Fuxía, como sabemos, de calquera pretensión popular de o
proclamaren rei. A súa mensaxe era, polo contrario, a dunha fraternidade
universal, alicerzada non no poder (tal como fan os reis da terra), senón no
servizo. Lembrarédesvos daquelas palabras súas: “Sabedes que os que figuran
como xefes das nacións as asoballan e lles impoñen a súa autoridade. Non ha ser
así entre vós. Ó contrario, entre vós o que queira facerse grande ha ser servidor
voso, e o que queira ser primeiro ha ser servo de todos; porque tampouco o
Fillo do Home veu para que o sirvan, senón para servir e para dar a súa vida en
rescate por todos”.
Por
iso ante o aparente absoluto fracaso da súa misión nas horas previas á súa
crucifixión ignominiosa, Xesús clarifica unha vez máis o sentido do seu reino
así: “O meu reino non é deste mundo. Se o meu reino fose deste mundo, os meus
oficiais terían loitado para que non fose entregado ós xudeus. Pero o meu reino
non é de aquí”.
Neste
senso, o prefacio da eucaristía de hoxe descríbenos o reino de Xesús con estas
palabras: “reino de verdade e de vida, reino de santidade e de graza, reino de
xustiza, de amor e de paz”. Xesús foi así rei vital, rei santo, rei amoroso e
pacífico desde o berce do Nadal ata a cruz do venres santo. Os reis magos
preguntaban xa en Xerusalén polo “rei dos xudeus” que acababa de nacer. E este
título acompañarao ata a súa morte. Un rei, polo tanto, distinto, que nace
entre pobres e que morre entre dous axustizados. E, porén, é verdadeiro rei,
tal como ben o saben representar certas imaxes románicas de Cristo crucificado
coa coroa de rei sobre a súa cabeza.
Os
reis actuais non dispoñen xa, polo menos nas nosas democracias occidentais, do
seu antigo poder. De aquí vén aquilo de que “o rei reina, mais non goberna”.
Con todo, de Xesús podemos dicir con verdade non só que é rei e que “reina”,
senón que tamén “goberna”, aínda que de xeito moi distinto, claro está, que os
gobernantes deste mundo. Xesús, pola forza do seu Espírito -o Espírito Santo
que nos mandou en Pentecoste- é, si, “distinto” dos demais reis, pero non
“distante”, porque por medio del habita no máis íntimo de nós mesmos,
axudándonos, fortalecéndonos, consolándonos, amándonos. E isto si que é verdadeiro,
fondo e íntimo “goberno”, un goberno baseado non no poder ameazador, senón na
suavidade dese seu amor que se nos manifesta no máis íntimo das nosa
conciencias.
Por
iso -a diferenza dos reis dos que se di que “reinan mais non gobernan” e que
están por dicilo así recluídos nos seus pazos reais- o Xesús Cristo, Rei do
universo, “goberna” realmente a nosa existencia toda, participa intimamente da
nosa vida, facéndonos tamén polo tanto a cada un de nós partícipes da súa
propia vida. Hai entre nós e el unha verdadeira comuñón. Unha comuñón que é
vida, experiencia, consolo e fraternidade con el e con tódalas persoas coas que
nos atopemos na vida.
Con
este Rei próximo, amigo e irmán, podemos polo tanto tamén falar. Así o fixo o
chamado “bo ladrón” –tal como se nos di no relato de Lucas do evanxeo de hoxe-
cando ámbolos dous sufrían en carne viva a tortura da cruz antes de morreren:
“Lémbrate de min cando chegues ó teu reino”.
O
Xesús Rei, amigo e irmán, non só lle promete ó seu compañeiro de dores unha
“lembranza”, senón que –alén desa humilde petición de lembranza- lle promete,
lle dá –e ademais “hoxe” mesmo- o paraíso de seu Reino, o Reino dos Ceos: “Hoxe
estarás comigo no Paraíso”.
Fermosa
escena esta onde o Xesús sufrinte non deixa de exercer e practicar cos demais a
“misericordia” ata o derradeiro momento da súa vida sen pensar nos seus propios
problemas, nas súas propia dores na cruz. Bela, conmovedora e reveladora escena.
Pois nela manifesta Xesús a súa verdadeira face rexia. El é verdadeiro Rei
porque exerce a bondade a a misericordia con todos e rexeita, ata o mesmo intre
da súa inxusta morte, calquera forma de violencia.
Un
Rei así no podemos menos de querelo e de desexalo. Estamos todos chamados, coa
forza do Espírito de Xesús, a construírmos con el este reino.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario