Ficha e Lectio: Domingo 16 de Ordinario C



LECTIO:

Facer e querer
(21 xullo 2019)

            Unha vez máis é Lucas, no seu texto de hoxe, o único entre os autores dos evanxeos que nos presenta a conmovedora escena de Xesús en diálogo con Marta e María. Debémoslle, pois, agradecer, que nos teña transmitido as conversas tan fermosas e significativas de Xesús coas dúas irmás. Trátase dunha escena que nos mostra tamén o tradicional papel das mulleres ocupadas cos labores da casa. Aínda hoxe, sexa por un machismo máis ou menos agachado ou polo que sexa, o certo é que á meirande parte das mulleres se lles segue a aprender que é a elas a quen lles toca encargarse da cociña, lavar a vaixela e cousas semellantes, ademais naturalmente de se ocuparen de coidar dos nenos.

            Neste tradicional cadro doméstico resúltanos tamén comprensíbel a queixa que Marta lle formula a Xesús sobre que a súa irmá María pase o tempo alí na casa de conversa con el sen lle botar unha man a ela.

            Xesús atopábase a gusto nesta casa e era privilexiado amigo da familia, tanto das dúas irmás coma do seu irmán Lázaro. Polo finado irmán delas choraría el antes de lle devolver a vida; tanto que por iso comentaría con razón a xente o moito que o quería. Neste ambiente de mutua confianza e aprecio, Xesús segue a nos comunicar (a elas e a nós) cousas importantes.

            Non poucas veces se ten interpretado a resposta de Xesús a Marta como unha especie de xerarquización pola que a vida chamada contemplativa estaría por encima da vida activa ou das actividades profanas e normais. Para entendérmonos, unha monxa contemplativa estaría polo mesmo feito de ser tal por enriba dunha nai de familia dedicada ós coidados exteriores da casa e dos fillos. É o que á primeira vista semella dar a entender a resposta de Xesús a Marta de que só “unha cousa é necesaria”, esa “mellor parte” escollida por María ó ela se dedicar a escoitar Xesús e falar con el.

            Mais non semella que sexa esa a interpretación máis axeitada. O que máis ben nos quere dicir Xesús é que a “contemplación”, é dicir, a oración ou a relación con Deus -tal como a practicaba Xesús co seu Pai Deus e que Lucas tantas veces pon de relevo no seu evanxeo-, vén sendo algo así como a fonte da que provén o noso bo facer, as nosas boas accións. Marta e María veñen simbolizar así dúas actitudes (a contemplación e maila acción) que non deberiamos disociar, senón conxuntar.

            Hai dez días, o día 11 pasado, celebrouse, e sobre todo na veciña Pontevedra, a festa do noso querido e popular santo, san Bieito, o fundador e precursor do monacato. Os monxes bieitos que del proceden foron os que botaron a andar aquel sinxelo lema latino “ora et labora”, é dicir, “reza e traballa”, ou sexa e en certo modo, “sé María e sé tamén Marta”. Por iso moitas das máis antigas ordes relixiosas dedicaban ou dedican aínda de feito tempo abondo á oración en común, ó chamado “coro”, etc., e tamén ó “traballo” manual e á atención espiritual e cultural das persoas da comarca na que están afincadas.

            Máis modernamente, Santo Ignacio de Loiola, o fundador da Compañía de Xesús (a súa festividade celébrase o próximo día 31 deste mes), sorprendeu na súa época (no século XVI) coa supresión do tradicional “coro”, é dicir, chamou a atención coa súa ruptura da separación tradicional, polo menos simbólica, que había entre “rezar” ou orar e “traballar”. O que quería Santo Ignacio era que a vida toda dos que se consagrasen a Deus e á Igrexa na Compañía de Xesús fose toda ela e ó mesmo tempo, sen mutuas separacións, oración e traballo. Neste senso, poderiamos formular a intención de Santo Ignacio -a diferenza do que ocorría noutras Ordes anteriores- da seguinte maneira: “ora traballando” ou “traballa orando”. Un tipo de traballo naturalmente moi diversificado (misioneiros, profesores, educadores, obreiros incluso, etc.). Mais en calquera caso un “traballo” -é dicir, tipo “Marta”- que debería ser ó tempo sempre “contemplativo” -é dicir, tipo “María”-. De aquí provén o ben coñecido lema xesuítico de intentar ser “contemplativo na acción”. É dicir, ser persoa “contemplativa” non só antes ou despois da “acción”, senón sempre, e polo tanto tamén durante a acción mesma, no “traballo” mesmo.

            De todos modos, para Santo Ignacio e para a Compañía de Xesús por el fundada o primeiro era sempre o primeiro. É dicir, a oración e maila unión con Deus son máis importantes cós medios exteriores. Ou tal como literalmente se di: “Os medios que unen o instrumento con Deus son máis eficaces ca aqueles que o dispoñen cos homes”.

            Volvendo de novo ás lecturas da liturxia de hoxe, dinos Lucas que, mentres Marta se dedicaba afanosamente ós seus labores, María estaba “sentada” ós pés de Xesús, escoitando a súa palabra. Podemos neste sentido pensar tamén na escena que se nos refire hoxe no libro da Xénese sobre o Abrahán “sentado” (coma no caso de María) á entrada da súa tenda. Quizais estivese el tamén a falar no seu interior co Deus que o guiaba e acompañaba no seu longo peregrinar. En calquera caso, é nese momento cando se lle aparece o Señor -segundo se nos conta no relato- na figura de tres homes que van de camiño (peregrinos tamén coma Abrahán). A súa muller Sara, antecesora dos traballos domésticos de Marta, afanaríase seguramente no interior da tenda nos seus labores. Pois ben, a “contemplación” do Abrahán sentado á beira da súa tenda transfórmase de súpeto en amorosa e hospitalaria acción en relación con eses casuais viandantes que pasan por onda el.

            Vese ben así como a contemplación potencia e dá vida á acción, uníndose a ela e xerando así froitos de fraternidade e amizade. O contemplativo Abrahán toma axiña a iniciativa en relación cos tres inesperados peregrinos, non deixando que se vaian sen lles dar repouso e xantar. Sen esperar a que llo pidan e forzándoos en certo modo a que se deteñan por algún tempo onda el.
            Vemos así ademais como facer ben ós demais, unha acción á que Deus nos capacita coa súa presenza e co seu amor, produce sempre tamén bens, a modo de resposta agradecida, naqueles que se comportan bondadosamente. Pois o galano que os tres peregrinos (é dicir, o Deus mesmo representados polos tres viandantes) lle dan agradecidos a Abrahán está contido na seguinte promesa que lle fan: “Para o ano que vén Sara, a túa muller, terá un fillo”.

            Como podemos ver, endexamais deixa o noso Deus que o superemos a el en xenerosidade.


Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:




Comentarios

Publicacións populares