Ficha e Lectio - Domingo Cristo Rei do Universo B
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
XESÚS CRISTO
REI DO UNIVERSO
(Ano B: 25. XI. 2018)
Con este domingo remata o ano
litúrxico, antes de comezarmos unha nova etapa co tempo de Advento. Despois de
estarmos no ciclo do chamado “tempo ordinario”, no domingo que vén entraremos
xa na nova órbita da festa do Nadal: un novo sol que nos irá quentando pouco a
pouco o espírito ata o 25 de decembro.
E remata o ano litúrxico cunha
festa englobante, universalizadora: a de Xesús Cristo como Rei do universo. É
dicir: rei de toda a creación, desde a máis humilde partícula da materia ata os
cumios máis altos de soles e galaxias, sen deixar –claro está- de lado esta
nosa humanidade, pasada, presente e vindeira, da que quixo formar parte Xesús,
o fillo de Deus, Rei noso e de todo canto existe.
En momentos cruciais da súa
vida Xesús afirmará a súa realeza, por exemplo no evanxeo de hoxe ante Pilato
que lle pregunta sobre ela. “Eu son Rei. Para isto nacín e para isto vin ó
mundo, para dar testemuño da verdade” (Xoán 18, 37). De feito, o título de
“rei” figurará ben alto na cruz onde foi crucificado Xesús: Xesús Nazareno, rei dos xudeus. Un
título que que se converterá coa súa morte e resurrección en título universal.
É dicir: Xesús rei, non só dos xudeus, senón da humanidade toda, de todo o
universo, dando así nome á festividade que estamos a celebrar.
Mais, como ben sabemos, a
realeza de Xesús é moi distinta das realezas humanas. Por iso non lle compracía
que, aínda séndoo en realidade, o considerasen rei ou o tratasen como tal,
fuxindo así de calquera pretensión humana popular de o proclamaren rei. Pois Xesús
anuncia, polo contrario, unha mensaxe de fraternidade universal, alicerzada non
no poder (tal como adoitan facer os reis da terra), senón no servizo. Abonda
con lembrar aquelas programáticas palabras súas que tan directamente se opoñen
á normal comprensión do status dos reis: “Sabedes que os que figuran como xefes
das nacións as asoballan e lles impoñen a súa autoridade. Non ha ser así entre
vós. Ó contrario, entre vós o que queira facerse grande ha ser servidor voso, e
o que queira ser primeiro ha ser servo de todos; porque tampouco o Fillo do
Home veu para que o sirvan, senón para servir e para dar a súa vida en rescate
por todos”.
Por iso, dado o aparente
fracaso da súa misión, clarificará unha vez máis o sentido do seu reino nas
horas previas á súa crucifixión ignominiosa deste modo: “O meu reino non é
deste mundo. Se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén
me entregase ós xudeus. Pero o meu reino non é de aquí”.
Por iso tamén o Prefacio da
eucaristía de hoxe descríbenos o reino de Xesús con estas características:
“reino de verdade e de vida, reino de santidade e de graza, reino de xustiza,
de amor e de paz”. Dito doutra maneira -de modo negativo- para que as palabras
anteriores non nos esvaren na mente de tanto telas oído: reino que rexeita a
mentira e a morte, o pecado e a fachenda, a inxustiza, o odio e a guerra.
Xesús foi así rei amigo da
vida, rei santo, rei amoroso e pacífico desde o berce do Nadal ata a cruz do
venres santo. Os reis magos preguntaban xa en Xerusalén polo “rei dos xudeus”
que acababa de nacer. Deste xeito, este título acompañarao desde o nacemento
ata a morte. Un rei, polo tanto, distinto, que nace como pobre entre os pobres
e morre flanqueado por dous pobres axustizados. E, malia todo isto, continúa a
ser verdadeiro rei, tal como o souberon representar artisticamente algunhas
imaxes románicas de Cristo crucificado coa coroa rexia sobre a súa cabeza.
A maioría dos reis actuais
-grazas a Deus (poderiamos dicir)- non dispoñen xa do seu antigo poder. De aquí
vén aquel dito de que “o rei reina, mais non goberna”. En cambio, de Xesús si
podemos dicir non só que é rei e que “reina”, senón que tamén “goberna”, aínda
que de xeito moi distinto, claro está, ó dos gobernantes deste mundo. Pola
forza do seu Espírito, o Espírito Santo que nos mandou en Pentecoste, el é, si,
“distinto” dos demais reis, mais non “distante”. Porque el habita no máis
íntimo de nós mesmos, axudándonos, fortalecéndonos, consolándonos, amándonos.
Isto si que é verdadeiro, fondo e íntimo “goberno”, un goberno baseado non no
poder, senón na suavidade do amor e do interno convencemento e comprensión.
Neste
sentido, cando Xesús lle responde a Pilato que si, que el é verdadeiro “rei” e
que veu ó mundo para “dar testemuño da verdade”, engade a isto unha frase que a
min sempre me chamou moito a atención: “todo o que está aberto á verdade,
escoita a miña voz”. Decatádevos, polo tanto, de que o que se precisa non é
estar na posesión da verdade, porque a verdade total, absoluta, definitiva, non
nos cabe a ninguén na nosa pequena cabeciña. Esa verdade supéranos
absolutamente a todos e cada un de nós. Ninguén pode dicir de verdade que el é
“a verdade”. Só Xesús o podería dicir de si mesmo: “Eu son o camiño, A VERDADE
e a vida”. O que se nos pide é só que esteamos “abertos” á verdade. Porque
estar “abertos” á verdade significa para Xesús que estamos xa escoitando a súa
voz. Unha voz que non se expresa a berros nin de maneira impositiva (á maneira
dos reis tradicionais deste mundo), senón na paz e na respectuosa e amiga
fraternidade.
De
maneira semellante a aquel marabilloso encontro de Elías na montaña con Deus.
Elías aprendeu alí a non ver a Deus en relación co “rexo furacán”, co “tremor
da terra” ou co “gran lume”. Nestes fenómenos –dísenos no texto do Antigo
Testamento- ”non estaba o Señor”. Si estaba, en troques, o Señor no silencio
que fala, ou –como se di alí no mesmo texto- no “murmurio dunha airexadiña
suave”. Como esa suave brisa que pode virnos do mar despois do solpor dun bo
día de verán.
Este -e non outro- é o estilo,
a marca, da realeza do noso Rei do Universo.
ORACIÓN DOS FIEIS:
Dirixámoslle as
nosas oracións a Deus, Pai noso, para que o seu Reino estea cada vez máis
presente no noso mundo, pregándolle: VEÑA O TEU REINO.
TODOS: VEÑA O TEU REINO.
-Pola Igrexa. Para
que dea sempre testemuño de esperanza, de espírito de concordia, de servizo ós
pobres.
TODOS: VEÑA O TEU REINO.
- Polos
gobernantes de todo o mundo. Para que camiñen polos vieiros da xustiza, da solidariedade
e do ben común das persoas.
TODOS: VEÑA O TEU REINO.
- Polos máis
necesitados, polos que pasan fame, polos forasteiros, polos enfermos, polos
presos. Para que poidan experimentar o amor do reino de Deus nas nosas boas
obras.
TODOS: VEÑA O TEU REINO.
- Por todos nós.
Para que a Eucaristía que estamos a celebrar nos axude a vivirmos a cotío máis
unidos a Xesús Cristo e ós nosos próximos para formarmos así entre todos o
verdadeiro reino de Deus.
TODOS: VEÑA O TEU REINO.
Pedímoscho a ti,
Pai noso, por medio de Xesús Cristo, Rei do Universo. AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario