Unxiuno Deus co Espírito Santo - Feit 10, 34-38

Bautismo do Señor - ciclo B


BAUTIZADO NO NOME DE XESÚS


A palabra «bautismo» foi vulgarizada, como outras moitas. 
Xa non é ilusionante, nin atractiva, nin rompedora, nin definitiva.

Bautízanse os barcos cando se lles pon nome; 
bautízanse as prazas en recordo dun prohome; 
bautízanse os que entran nunha hermandade, 
bautízanse os romeus neófitos no seu camiñar.

Xa non se bautiza con auga pura, limpa, corrente. 
Auga que é don do ceo, 
peneirada polas areniscas da terra. 
Hai bautizos, con viño, con cava...

Volvamos ao evanxeo. 
Unha lectura sinxela, simple, 
coma se non o coñecésemos.

Xoán chamou a un bautismo xeral. 
Pedíalles que cambiasen de vida. 
Xoán estaba xunto ao Xordán,
onde se remansaba a auga doce 
antes de perderse no salgado Mar.


Xoán chamaba a todos os que quixesen oír. 
Xudeus de Xudea e de Galilea
non facía problemas nin poñía pegas.

Un día apareceu un galileo, do norte, Xesús. 
E Xoán recoñeceuno: é el, 
o Servo anunciado, o Mesías esperado.
A escena podería pasar sen pena nin gloria. 
Dous homes do pobo que se recoñecen. 
A voz do ceo rompe e confirma:
Non, non é calquera, é o Fillo amado.

E o noso bautismo? Por que e para que
somos bautizados? Si, volvamos ao fundamental: 
Somos bautizados en Xesús, na súa vida e na súa morte, 
na súa causa e na súa misión.
Somos bautizados no seu corpo, na Igrexa,
Como discípulos do Señor, como testemuñas do seu amor.
  

                                   Pedro Frade



Comentarios

Publicacións populares