Ficha e Lectio - Domingo 3 de Advento B
FICHAS ANTERIORES:
DEBUXOS DE:
FICHAS DE CATEQUESIS DE GALICIA:
LECTIO:
DOMINGO
III DE ADVENTO
(Ciclo B: 17. XII. 2017)
O
próximo domingo é xa o último domingo de Advento, antes da festa
do Nadal e Xoán Bautista segue hoxe tamén a prepararnos para o
encontro co Señor do Nadal.
Viamos
estes días pasados que os profetas eran os que removían as inercias
e pasividades de crentes e non crentes. O evanxeo de Xoán alude hoxe
ós representantes da que poderiamos chamar, para entendérmonos, a
igrexa xerárquica daquel entón: os sacerdotes e levitas do
xudaísmo. Se ve que eles estaban preocupados, se cadra tamén un
pouco molestos, polo feito de que algunhas persoas, non pertencentes
ó estamento oficial e dirixente do xudaísmo, semellasen interferir
dalgunha maneira nas súas funcións. Entre elas Xoán Bautista era
sen dúbida o máis importante. O Bautista non exercía funcións
relacionadas co culto do templo, non era sacerdote nin levita. E, a
pesar diso, predicaba ó pobo, movía a xente a se arrepentiren e
bautizaba os que se achegaban a el coa auga do Xordán,
anunciándolles a próxima chegada do Mesías.
Desde
logo non deixa de ser curioso e tamén algo desconcertante o feito de
que Deus Pai, o Pai do noso Señor Xesús Cristo e Pai noso,
utilizase para preparar a chegada do seu Fillo onda nós, utilizase
–digo- a persoas que estaban máis ben á marxe dos que poderiamos
chamar os seus representantes “oficiais”. Porque Xoán Bautista
vivía no deserto e de forma distinta e tamén bastante distante dos
considerados oficialmente relixiosos. Unha vez máis, amósase Deus
tamén aquí sorprendente. El é meirande cás redes e conceptos cos
que inutilmente queremos entendelo ou comprendelo de modo conceptual.
Ante
o estraño caso do Bautista, ós sacerdotes e levitas do xudaísmo
semella que non lles quedaba outra opción que intentar controlar as
cousas e, en primeiro lugar, mandar intermediarios para se informaren
exactamente sobre quen era el e que era o que facía. “Os xudeus
mandaron de Xerusalén –dísenos no texto de Xoán- sacerdotes e
levitas onda el”, onda o Bautista, para lle facer unha serie de
preguntas.
E
resulta que Xoán Bautista -contra o que eles podían sospeitar- lles
responde, con toda claridade e humildade, que el non é nin o gran
profeta Elías que volvera á vida, nin o Cristo-Mesías, nin posúe
estritamente a categoría de “profeta”.
O
Bautista era, si, tal como se nos di, “testemuña da luz”. Como
de noite a lúa é testemuña do sol que está sempre a vir e que se
reflicte nela. A lúa non é a “luz”. A lúa non é o “sol”.
Mais esa lúa chea, que podemos contemplar tan ben nalgunhas noites,
podería dicir de si mesma, coma o Bautista, que é testemuña do
sol. Porque do sol recibe a lúa a súa luz e, co seu resplandor, por
limitado que sexa, anuncia que o sol está oculto mais existe e vai
nacer axiña co abrente do próximo día.
A
humildade do Bautista é a humildade da lúa, que sabe ben que, se
pode iluminar, ese poder non é seu. Ela non fai máis que actuar
como voceiro ou reflexo do sol. Ela, a lúa, prepáranos para
podermos recibir o sol. Ese sol, cara ó que non poderemos ollar
directamente, porque nos quedariamos cegos, mais que nos posibilitará
camiñar sen tropezos, con seguridade, de maneira libre e alegre e
creando sempre novos horizontes. O sol é, desde logo, un símil moi
axeitado do que Deus é. Coa súa luz, que procede del mesmo,
posibilita a vida, a calor e a capacidade de saber onde estamos e
onde imos.
Pero
en todo isto coido que hai algo moi importante e que está en
relación tamén co texto do evanxeo de hoxe. Vou ver se me aclaro.
O
Bautista di de si mesmo que é “testemuña da luz”. El anuncia e
fai presente, á súa maneira, a luz que só pode proceder de Deus.
Como dicía, non podemos mirar directamente cara ó sol, porque a súa
luz é excesiva e poderiamos incluso quedarmos cegos. De aquí
proveñen as precaucións que debemos tomar se queremos observar unha
eclipse solar.
Pois
ben, resulta que Deus-Pai vai facer un prodixio incríbel para que o
podamos ollar a el sen quedarmos cegos, “sen morrermos”, como se
pode ler no Antigo Testamento cando, despois de ter algún profeta ou
vidente unha experiencia de Deus por medio dun anxo ou doutra
maneira, se di que tiñan medo a morreren porque viran a Deus.
Cal
é ese prodixio? O prodixio non é nin máis nin menos ca Xesús de
Nazaret. Ollando ou contemplando Xesús estamos a ver realmente a
Deus sen quedarmos cegos ou morrermos. Lembrarédesvos unha vez máis
daquilo que dicía Xesús: “quen me ve a min, ve o Pai”. Polo
tanto, se queremos ver a Deus, vexamos, miremos, contemplemos ese
Xesús de Nazaret, imaxe viva e perfecta do Pai, que vai nacer no
Nadal.
O
Bautista mesmo está a anunciárnolo tamén cando no evanxeo de Xoán
se nos di que el, o Bautista, era ”testemuña da luz”. El non é
a luz, mais anúncianos a luz. E aquí está, como digo, o incríbel.
Porque onde está esa luz divina que se poida ver? Cando os enviados
polos xudeus lle fan ó Bautista a última das preguntas, a de por
que entón el bautiza se non é nin Elías, nin o profeta nin o
Cristo, o Bautista responde: “Eu bautizo con auga; mais entre
vós está quen vós non coñecedes, do
que non son merecente de lle desatar o amalló da sandalia”.
É
dicir, a luz visíbel de
Deus está entre nós,
aínda que non a coñezamos. Dado que a luz invisíbel de Deus non
pode ser vista, Deus Pai fíxose visíbel, e de maneira verdadeira e
perfecta en Xesús. Deus está polo tanto realmente “entre nós”.
Agora entendemos por que Xesús é o “Emmanuel”, é dicir, o
“Deus connosco”. E por iso nos resulta difícil recoñecelo,
porque a Deus con frecuencia o imaxinamos estando onde non está (alá
arriba, na estratosfera ou non sei onde). Non. Deus está aquí,
connosco –á maneira dun pequeno vagalume- ó se facer un de nós e
se converter en irmán noso. Agora entendemos tamén por que el, tal
e como o comentabamos hai algúns días, considerará o que lles
fagamos ou deixemos de facer ós nosos irmáns como algo que lle
fixemos ou deixamos de facer a el mesmo.
Neste
sentido, podemos dicir con verdade que, así como Xesús é a luz
visíbel de Deus Pai, así tamén son e serán sempre os pobres e
necesitados a luz visíbel de Xesús, máis alá do tempo histórico
ou biográfico en que el viviu.
CREDO
ORACIÓN
DOS FIEIS
Unimos
as nosas oracións para lle pedir a Deus Pai que nos aprenda a
recoñecer no seu fillo Xesús, identificado cos necesitados da
terra, a face amorosa de Deus, dicindo:
Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.
-
Dános, Pai, luz para vermos no teu fillo Xesús a túa presenza
misteriosa entre nós.
Todos:
Escóitanos, Pai.
-
Concédenos, Pai, a túa graza para podermos considerar a todos como
manifestación visíbel do teu fillo Xesús, que puxo a súa tenda
entre nós.
Todos: Escóitanos, Pai.
-
Fai, Pai, que saibamos ver nos máis pobres e necesitados a presenza
entre nós do teu fillo Xesús que se identificou con eles.
Todos:
Escóitanos, Pai.
PEDÍMOSCHO,
PAI, POR XESÚS CRISTO NOSO SEÑOR. AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario