Ficha e Lectio - Domingo 4 de Advento B

FICHAS ANTERIORES:

FICHAS DE 
CATEQUESIS DE GALICIA:



LECTIO:

DOMINGO IV DE ADVENTO 
(Ciclo B: 24 de decembro de 2017)

       Hoxe podemos ser algo máis breves ca outras veces. E por dúas razóns distintas.
       A primeira, aínda que poida semellar algo simple, é porque se dá a circunstancia de que o texto do evanxeo de hoxe é o mesmo có da festa da Inmaculada Concepción que celebramos hai só poucos días, o día 8 deste mes de Nadal. Comentámolo xa entón e cómpre non volver tan axiña sobre o mesmo, deixando que a semente da palabra caída en terra nese día continúe tranquilamente o seu proceso.
       A segunda razón é semellante. Porque resulta que o 4º domingo de Advento que hoxe estamos aquí a celebrar cadra moi próximo (o máis próximo posible) á festividade do Nadal do Señor, que é xa mañá.  Por iso esperamos celebrar xa hoxe tamén coas nosas familias o tradicional e entrañábel encontro de Noite Boa. Un encontro no que conflúen tamén moitas saudades e lembranzas. Festa ou reunión familiar, presidida polas imaxes populares e tradicionais do nacemento do Neno Xesús, dos pastores, etc. ou pola árbore do Nadal.
       É a festa na que a Palabra con maiúscula e tamén con minúscula teñen o seu verdadeiro lugar. Falaremos e compartiremos amizade e fraternidade á beira de quen é a Palabra feita carne, a Palabra con maiúscula. Pois, como nos di o evanxelista Xoán, “a Palabra fíxose carne e puxo a súa tenda entre nós”.
       Ante a presenza desta Palabra con maiúscula sobran case outras palabras menores, con minúscula, aínda que sexan coa loábel intención de falaren sobre ela. Polo tanto podemos dicir que sobran tamén en certo modo estas palabras miñas. Así como ante a presenza do sol, polo día, as estrelas se retiran modestamente da escena, así tamén tódalas pobres palabras nosas deberán desaparecer ante quen é a Palabra. Ante esa Palabra humano-divina coa que Deus fala ó mundo e á que lle damos o nome de Xesús. Unha palabra que lles fala ós grandes (pensemos nos que chamamos os Reis Magos), pero de maneira especial ós pequenos, representados popularmente non só naturalmente por María e Xosé, senón tamén polos pastores, é dicir, polos sinxelos e humildes, tranquilamente achegados á terra nai.
       Son estes días, os que preceden ó nacemento do Señor da Noite Boa, un tempo no que non nos deberiamos deixar abouxar por tanto ruído ou balbordo que nos chega desde tantos sitios: propagandas, anuncios, entretementos ou diversións... Porque é posíbel que todo iso non nos deixe oír nidia a Palabra que vén de arriba, mais que aparece aquí abaixo, na terra. Palabra tenra e balbucinte, mellor dito, Palabra que nin sequera sabe falar cos seus pequerrechos beizos. Porque é unha Palabra in-fante, é dicir, que non fala. A Palabra é un Neno que acaba de nacer, mais que está aí de feito realizando un potente e programático discurso coa súa soa presenza. Unha presenza tan desconcertante como ben clariña. Deus fala dende a febleza, dende a proximidade, dende o silencio da noite. Por iso, para oílo e velo ben, temos que achegarnos moi preto del.
       As noites son boas para pensar, para meditar, para lles dar voltas ás cousas, para falar con sinceridade e amor coas persoas, tamén para escoitar a Deus... Seguramente iso é así porque a Noite Boa é a Nai de tódalas noites. Da bondade da Noite Boa participan tódalas nosas noites. Desa Noite Boa na que María, despois de concibir  no seu seo o desexado de tódalas nacións, nolo deu a luz para a nosa alegría e felicidade. Tamén nós deberiamos aprender desta Nai de Deus a sabermos concibir e amar a Deus nos nosos corazóns e ofrecerllo, coas nosas palabras e as nosas boas obras, ó mundo. Como María na Noite Boa. Pois o mundo precisa disto.
       Na primeira Lectura de hoxe dísenos que o rei David tivo unha feliz idea. El vivía, para entendérmonos, nun bo chalé, nunha “casa de cedro” (que non estaría nada mal) e parecíalle que non estaba ben que o Señor, que se facía presente na Arca da Alianza, non tivese como casa máis ca unha pobre tenda. Tampouco ó profeta Natán, ó que David lle comunicou tan xenerosa idea, lle parecía mal en principio o proxecto do rei para a Arca da Alianza. Mais de noite (unha vez máis nunha noite “boa”) o profeta cambiou de idea. E Natán faloulle ó rei David dun futuro Reino, despois do seu, no que un descendente seu reinaría para sempre. Ese futuro rei sería Xesús, que tampouco tería casa para nacer, nin de cedro nin doutra cousa. Iso si, tería un colo quente e cheo de agarimos dunha muller que o querería e amaría como ningunha outra muller o sabería facer.
       A Noite Boa, co Neno Xesús, con María, con Xosé, cos mansos e humildes animais que lles fan tamén compaña e lles dan calor, é un modelo perpetuo de como se pode sentir felicidade aínda que se viva en épocas de carencias e de crises.
       Do que, en calquera caso, non podemos prescindir é do amor: de sentírmonos queridos e de ofrecermos pola nosa parte axuda e amor a cantos non se senten queridos nin respectados na súa inalienábel dignidade de fillos de Deus e irmáns nosos. Feliz NOITE BOA!!

CREDO

   ORACIÓN DOS FIEIS

            Unimos as nosas oracións neste último domingo de Advento (e véspera xa de Nadal) para lle pedir a Deus Pai que nos aprenda a recoñecer en Xesús a derradeira e definitiva Palabra que el amorosamente dirixe á humanidade toda, dicindo: Escóitanos, Pai. 
Todos: Escóitanos, Pai.

            - Dános, Pai, luz para sabermos ver no teu fillo Xesús o amor que ti mesmo ofreces a todos. 
Todos: Escóitanos, Pai.
            - Concédenos, Pai, a túa graza para podermos descubrir en tódolos necesitados do mundo a imaxe viva do teu fillo Xesús, que neles se fixo próximo a todos nós. 
Todos: Escóitanos, Pai.
            - Fai, Pai, que celebremos hoxe a Noite Boa co desexo de que tódalas familias do mundo poidan experimentar o espírito de amor, comprensión e mutua solidariedade que ti nos manifestas no nacemento do teu fillo Xesús. 
Todos: Escóitanos, Pai.

            PEDÍMOSCHO, PAI, POR XESÚS CRISTO, FILLO TEU E SEÑOR NOSO. AMÉN.


Manuel Cabada Castro



VER MÁIS:

Comentarios

Publicacións populares