Domingo 29 de Ordinario B

DOMINGO XXIX ORDINARIO  -  CICLO B


Primeira Lectura     Is 53, 10-11
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS
Se entrega a súa vida en expiación, verá unha descendencia lonxeva

             O Señor quixo esmagalo co seu sufrimento:
            Si, entrega a túa vida en expiación polo pecado.
Pero el verá descendencia, alongará os seus días
e por medio del cumprirase a salvación do Señor.
            Polos traballos da súa vida verá a luz,
alcanzará a sabedoría.
            O Xusto volverá xusto o seu Servo
para o ben de moitos
e as iniquidades destes el soportará.

  Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 32, 4-5. 18-19. 20 e 22
 R/.  (22):  Veña a nós, Señor, a túa misericordia, como de ti o esperamos.

A palabra do Señor é recta
e todas as súas obras son leais:
el ama o dereito e a xustiza,
a súa misericordia enche a terra.

Os ollos do Señor están postos nos que o temen,
nos que esperan na súa misericordia,
para librar as súas vidas da morte,
para os manter no tempo da miseria.

Nós agardamos o Señor:
El é o noso socorro, o noso escudo.
Veña a nós, Señor, a túa misericordia,
como de ti o esperamos.


Segunda Lectura     Heb 4, 14-16
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Acheguémonos con confianza  ao trono da graza
  
            Irmáns:
            Xa que temos un Sumo Sacerdote grande que penetrou no ceo, Xesús, o Fillo de Deus, manteñamos a esperanza que profesamos.
            Pois non temos un Sumo Sacerdote incapaz de se compadecer das nosas debilidades, senón un Sumo Sacerdote probado en todo coma nós, fóra do pecado.
            Acheguémonos pois, con liberdade,  ao trono da graza, para conseguirmos misericordia e acadar a graza para unha axuda no tempo debido.

    Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA    Mc 10, 45
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
O Fillo do Home veu para servir,
e para dar a súa vida en redención por moitos.
Aleluia.


Evanxeo     Mc 10, 35-45 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
O Fillo do Home veu para dar a súa vida en redención por moitos

             Naquel tempo, achegándose a Xesús os fillos de Zebedeo ‑Santiago e mais Xoán‑, dixéronlle:
            ‑ Mestre, nós queriamos que nos fixeses o que che imos pedir.
            El preguntou:
            ‑ E logo, que é o que queredes que vos faga?
            Contestáronlle:
            ‑ Concédenos que na túa gloria sentemos un á túa dereita e outro á túa esquerda.
            Respondeulles Xesús:
            ‑ Vós non sabedes ben o que pedides. Seredes capaces de beber o cáliz que eu teño que beber, e recibir o bautismo que eu teño que recibir?
            Respondéronlle:
            ‑ Somos.
            Xesús replicou:
            ‑ O cáliz que teño que beber, si que o beberedes, e tamén recibiredes o bautismo que eu teño que recibir, pero o sentardes á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min o concedelo, senón que é para os que está reservado.
            Ó escoitaren isto, os outros anoxáronse con Santiago e con Xoán. Entón Xesús chamounos e díxolles:
            ‑ Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos, quen queira ser importante, que sirva os outros, e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis servizal. Que o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir, e a entregar a  súa vida en rescate por todos.

  Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


Ou:  42-45 (máis breve)

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

            Naquel tempo, chamando Xesús aos doce, díxolles:
            ‑ Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos, quen queira ser importante, que sirva os outros, e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis servizal.
            Que o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir, e a entregar a  súa vida en rescate por todos.


    Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo    


Construamos unha Igrexa universal enchoupada de misericordia -   29º TOB 2015
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/

POWER POINTS

RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS
ENTRADA: Eu soñei              
LECTURAS:  Grazas, Señor, graciñas
OFERTORIO: Misioneiro serás
COMUÑÓN:  Ide e pregoade

OLLOS ABERTOS
Hoxe é o día no que en toda a Igrexa celebramos a Xornada pola evanxelización dos pobos. Evanxelizar é facer da Boa Nova, do Evanxeo, proposta de vida para nós e para aqueles que, a través do noso testemuño, se ven sorprendidos pola nosa coherencia no actuar, a nosa honestidade no traballar e a nosa caridade no acoller.
Evanxelizar é tamén un verbo que expresa movemento, acción, dinamismo. Tres realidades que integramos na nosa vida cada día, desde que nos erguemos ata que nos deitamos, para poñelas na man de Deus e ofrecérllelas convertidas en obras que van poñendo nos ollos, beizos e corazón das persoas paz, igualdade e misericordia. Por iso esta Xornada non debe ser só para facer unha colecta e enviárllela aos máis pobres. Iso terá sentido e razón de ser se somos capaces de converter o anterior en maneira de estar cos outros e de facer as cousas. De nada nos valería poñer moitos cartos nos sobres se seguimos sendo inxustos, desconfiados, violentos, racistas ou deslinguados. Os cartos non cambian o corazón, senón que han ser expresión dese cambio.
Que a celebración que agora imos comezar remova a nosa conciencia, nos axude a descubrir o que temos que cambiar e alente en cada un de nós ese cambio. É esta a mellor maneira de facer da nosa vida verdadeira misión evanxelizadora.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
·         Polas veces nas que no canto do cambio de corazón só poñemos cartos, SEÑOR, QUE NON NOS INSTALEMOS NUNHA FE DESCONECTADA DA VIDA.
·         Porque non acabamos de convencernos que a fe só é crible polo testemuño que deamos, non polo moito tempo botado dentro dos templos, CRISTO, QUE NON NOS INSTALEMOS NUNHA FE DESCONECTADA DA VIDA.
·         Para que non morramos de éxito pensando que nós somos os bos, e os demais malos e irrecuperables, SEÑOR, QUE NON NOS INSTALEMOS NUNHA FE DESCONECTADA DA VIDA.

PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN
·         Hoxe, no día no que se nos invita a tomar conciencia de que todos os que buscamos vivir a fe con responsabilidade estamos chamados a ser MISIONEIROS. E a misión, en palabras de Xesús, sintetízase na tarefa de pasar buscando servir e non ser servido. Un servizo ao que se lle vai poñendo mans, corazón e rostro: o/s outro/s: os que están preto; os que están afastados; os que aínda non están, pero algún día quizais estean... O servizo ao que nos chama Xesús é un servizo incluínte, humanizador, dialogante, cordial. Desenvólvese na lóxica da presenza activa e colaboradora, non na imposición normativa e excluínte. Isto fai que o servizo que sempre debemos prestar os cristiáns, respondendo á misión, sexa xenuína solidariedade enchoupada de entrega xenerosa: escoitar, acompañar, dar.


·         Cal é a fonte na que temos que beber para que isto poida ser así? A Carta aos Hebreos vén na nosa axuda para clarificarnos: Cristo, o Señor. El pasou facendo o ben. Non quedou quieto, non se converteu en figura de barro, como lle pasou aos parentes de Lot, senón que poñéndose en camiño foi capaz de avanzar. Non mirou atrás, venceu a tentación do inmobilismo tan presente na Igrexa deste momento, á que lle custa, por este motivo, seguir o dinamismo do papa Francisco. Unha Igrexa á que lle custa deixar de mirar atrás e perder o medo. Unha Igrexa á que lle custa abandonar o laio para facerse presente saíndo ao encontro e ofrecéndose como man que acolle e acompaña. No Cristo que mirou sempre cara adiante, cara á esperanza que supera o derrotismo do que ten medo, podemos atopar a misericordia á que sempre estamos chamados e que temos que levarlle a quen se ve necesitado dela. Esta é a Igrexa que El quere, unha Igrexa de misericordia, de esperanza, de saída, de compromiso social por transformar o mundo. Porque só desde a misericordia que imos aprendendo de Xesús somos capaces e entender que o Evanxeo non é pasado senón presente; non é dar as costas ao mundo, senón saber acompañalo nos seus homes e mulleres, tantas veces con corazón magoado, e necesitados do bálsamos da misericordia, que non condena, pero que si alivia. E pode facelo porque sendo Deus amor, o rostro do seu amor móstrase na misericordia desde a que nós, os seus seguidores vivimos. E aquí está permanentemente a nosa misión.

·         Seguindo, logo, a Xesús, a nosa tarefa está en esforzarnos cada día por ser misioneiros da misericordia, tal e como nos lembra Francisco na carta de convocatoria deste ano da misericordia que comezaremos o primeiro domingo de Advento. Misioneiros de acción e oración; de contemplación e compromiso; de esforzo e acompañamento; de diálogo e escoita. Misioneiros sempre, e non só de cartos, senón de vivir e actuar seguindo a tarefa encomendada por Xesús. E sabéndonos todos/as misioneiros/as, hoxe na nosa oración debemos ter moi presente o traballo solidario, xeneroso e de gratuidade de todos os misioneiros que, en distintas partes do mundo e seguindo a Xesús, queren facer da súa presenza alí tarefa permanente de misericordia.

FRATERNIDADE ORANTE
Damos grazas a Deus por invitarnos e axudarnos a tomar conciencia de que camiñar na misericordia é o mellor agasallo para poder ser persoas felices. Por iso dicimos xuntos:
QUE FAGAMOS DA NOSA VIDA GRATITUDE E MISERICORDIA
·         Para que a Igrexa ofreza sempre acollida e non medo nin sometemento, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA NOSA VIDA GRATITUDE E MISERICORDIA
·         Para que o noso actuar nas parroquias se deixe guiar pola forza da cordialidade, do tempo compartido e do sorriso ofrecido a quen necesite deles, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA NOSA VIDA GRATITUDE E MISERICORDIA
·         Para que nós saibamos facernos preguntas que nos axuden a non a vivir de costas aos problemas que temos ao noso lado, senón a ser capaces de descubrir como estar preto das persoas que os están a sufrir, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA NOSA VIDA GRATITUDE E MISERICORDIA
·         Por tod@s cantos conformamos a Igrexa, para que nos esforcemos por ser unha Igrexa de misión. Hoxe temos especialmente presentes ás persoas que dan o mellor de si na misión de levar o Evanxeo da dignidade ás persoas dos países máis empobrecidos, tal e como nos invita Xesús, ofrecendo o agasallo do amor de Deus como o mellor dos tesouros, OREMOS.
QUE FAGAMOS DA NOSA VIDA GRATITUDE E MISERICORDIA
Acompaña, Señor, esta oración que un día máis poñemos na túa man. PXNS.

 Odres Nuevos Evangelio 18 de octubre 2015 color
OÍDOS ATENTOS
A alegría do Evanxeo que enche a vida da comunidade dos discípulos é unha alegría misioneira. Experiméntana os setenta e dous discípulos, que retornan dunha misión chea de alegría (cf. Lc 10,17). O Xesús que se alegra no Espírito Santo e loa ao Pai porque a súa revelación alcanza aos máis pobres e pequenos (cf. Lc 10, 21) vive. Séntena cheos de admiración os primeiros que se converten ao escoitar predicar Apóstolos "cada un na súa propia lingua" (Feit 2,6) o día de Pentecoste. Esa alegría é un sinal de que o Evanxeo foi anunciado e está dando froitos. Pero sempre ten a dinámica do éxodo e don de saír fóra de si, do camiñar e sementar sempre de novo, sempre máis aló. O Señor di:"vaiamos a outro lugar predicar tamén nas cidades veciñas, porque para iso vin" (Mc 1,38). Cando a semente é plantada nun lugar, xa non se detén para explicar mellor ou facer máis sinais alí, senón que o Espírito móveo a saír cara outros pobos.(E. G. 21)

Comentarios

Publicacións populares