Ficha e Lectio - Domingo 4 de Coresma B
ADAPTADO DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
DOMINGO IV DE CORESMA
(Ciclo B: 15 marzo
2015)
Nestes
días, nos que estamos xa case a experimentar o abrente da primavera, algunhas bolboretas
empezan xa a curiosear de noite cara a nós, batendo as súas ás nos cristais das
ventás. Este fenómeno acostumado faime lembrar o Nicodemo do evanxeo de hoxe:
esa relevante personalidade do tempo de Xesús que veu de noite a tratar con el
de importantes asuntos relixiosos que lle preocupaban.
Dalgunha
maneira hai un certo parecido entre a muller samaritana do anterior domingo e
Nicodemo. A samaritana, en diálogo a soas con Xesús, preguntáballe a el cal era
o verdadeiro templo no que había que adorar a Deus Pai. Xesús contestáballe
dicindo que agora non fan falla xa “templos”, porque Deus Pai quere só
adoradores que o adoren “en espírito e verdade” e que, se se pretende continuar
a falar aínda de “templos”, os verdadeiros templos son en realidade Xesús
mesmo, no que habita o Pai, e tódolos que cren na súa palabra ou se parecen a
el, os pobres, os doentes, etc.
Como
vedes, Xesús cambia dende a súa mesma raíz a nosa relación con Deus. Na
revelación de Xesús, Deus convértese en Pai, en “papá”. Deus quérenos como
verdadeiro pai e vén salvarnos e darnos vida. Non van facer, polo tanto, xa
falta nin sacrificios rituais nin suntuosos templos de pedra tallada. A imaxe
dun Deus distante, tirano e xuíz imperturbábel, queda superada e desvirtuada
coa súa mensaxe, coa súa Boa Nova. Por iso lle comunica Xesús a Nicodemo que
ten que “nacer de novo”, para así poder experimentar de verdade o que significa
sermos fillos de Deus.
Que
fan os pais cos seus fillos? Darlles vida. E se deles dependese, daríanlles
unha vida que endexamais deixase de selo. É dicir, unha vida “eterna”. Os pais
están aí, non para convertérense en xuíces ou condenadores dos seus fillos,
senón para seren garantes do amor e da felicidade á que os fillos aspiran.
Pois
ben, esta é a imaxe de Deus Pai que Xesús lle presenta a Nicodemo nese diálogo
nocturno con el. Nicodemo era un alto cargo da relixión xudía, pero non podía
negar que a persoa e a mensaxe de Xesús o cuestionaban moito. Xesús dille que
ten que facer un cambio na visión das cousas, unha transformación na súa vida e
tamén no modo de pensar e de vivir a súa propia relixión. Pero tiña medo, por
ser el quen era, de presentarse ante Xesús á luz do día. Por iso, coma as
bolboretas nocturnas, vén onda Xesús de noite.
Nicodemo,
mergullado na escuridade e nas dúbidas que o turban, non ve máis solución ca
presentarse directamente e a soas ante Xesús. Se as bolboretas voan cara á luz,
soas e de noite, Nicodemo fai o mesmo. Xesús dixera en diversas ocasións que el
era “a luz do mundo”. Xoán, o autor do Evanxeo deste domingo, fala noutras
ocasións de que Xesús se consideraba a si mesmo como “luz”: “Eu son a luz do
mundo. Quen me segue non andará ás escuras, senón que terá a luz da vida” (Xoán
8, 12). Tamén o evanxelista Lucas alude varias veces a Xesús como “luz”. Por
exemplo, cando nos anuncia: “Visitaranos o sol que nace do alto, para alumar ós
que viven en tebras e na sombra da morte” (Lc 1, 78-79), “luz para alumar ás
nacións” (Lc 2, 32), etc.
É
moi duro vivir entre dúbidas e escuridades, que provocan golpes e caídas ó non se
saber cara a onde se vai. Podemos supoñer que Nicodemo sairía moi reconfortado
da súa conversa nocturna. Porque Xesús vai liberalo de medos, de angustias e de
dúbidas relixiosas. A mensaxe que lle dirixe a Nicodemo é unha mensaxe de amor
e de vida. Xesús comunícalle a el como é Deus, como é ese Deus co que Xesús
está en íntima relación filial.
Está
claro que esta comunicación nocturna e privada de Xesús ó solitario Nicodemo é tamén
unha comunicación a todos e cada un de nós. E esta nova sobre Deus Pai non pode
ser máis grandiosa e portadora de felicidade. Velaquí o que nos conta Xoán que
Xesús lle comunicou a Nicodemo: “De tal xeito amou Deus ó mundo, que lle deu o
seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña
vida eterna. Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón
para que por el se salve o mundo”.
Como
vedes, Xesús vén comunicarnos que Deus, é dicir, o seu Pai benquerido, é tan
bondadoso e misericordioso con nós que non tivo reparo ningún en darnos o seu
propio Fillo para que nel, convertido para sempre en irmán noso, teñamos plena
garantía de vida e salvación. Que máis podemos querer ou esperar?
Grazas
a Xesús, estamos, pois, libres de xuízo e de condena con só crermos nel e
comportármonos conforme a esa fe.
Ademais,
Nicodemo, como xudeu importante e instruído que era, sabía moi ben cal era o
significado da serpente de bronce que no deserto Moisés erguera na punta dun pau
para que os que a mirasen recobrasen a saúde. A serpente era un símbolo da
saúde e da vida, dado que ó mudar a serpente de cando en vez a pel parecíalles
ós nosos antepasados que se conservaba sempre viva. Por iso aínda hoxe a
serpente é o símbolo distintivo da botica e da profesión médica, dos que loitan
contra a morte. Neste sentido dille Xesús a Nicodemo, facendo referencia á súa
próxima crucifixión: "Como Moisés alzou a serpente no deserto, así debe
ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel teña vida eterna"
(Xoán 3, 14). Cúmprense así desde a cruz as palabras de Xesús, das que dá
testemuño tamén Xoán: “Cando me ergan da terra, atraerei a todos cara a min”
(Xoán 123, 31). Xesús converterase así en luz no medio das tebras, que atrae
cara a el as bolboretas que somos nós.
A
mensaxe de Xesús é, pois, unha mensaxe de vida, de “vida eterna”. E a “vida
eterna” en Xoán non se refire só, segundo ós expertos bíblicos, á vida de
despois de morrermos senón tamén e de maneira importante á vida presente e
actual. Os cristiáns deberiamos intentar desterrar das nosas vidas o medo e as
angustias relacionadas coa nosa morte vindeira. Pola graza de Deus o noso
destino é e será sempre a vida.
CREDO
ORACIONS DOS FIEIS:
Reunidos
en comunidade fraterna, no nome de Xesús, pidámoslle a Deus Pai dicindo: ESCÓITANOS,
PAI.
Que
a Igrexa, sacramento de Cristo, sexa para tódolos homes e mulleres, “rica en misericordia”.
TODOS: Escóitanos, Pai.
Que
cantos se senten desnortados e sen ánimo atopen no sinal vivificador da cruz a luz que mobilice
as súas vidas:
TODOS: Escóitanos, Pai.
Que
academos transformarnos, como Nicodemo, para nacermos así de novo ó evanxeo da
vida:
TODOS: Escóitanos, Pai.
Amosa, Pai, a túa
bondade e misericordia atendendo estas peticións nosas que che presentamos por Xesús Cristo
Noso Señor. AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2015/03/15-de-marzo-domingo-4-de-coresma-b.html
Comentarios
Publicar un comentario