Domingo 25 de Ordinario C

25º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO C


Primeira Lectura     Am 8, 4-7
LECTURA DO LIBRO DE AMÓS
Contra aqueles que teñen sometidos polo diñeiro aos necesitados
  
            Escoitade isto, vós que asoballades o pobre
e exterminades a xente humilde do país;
vós que dicides:
            "Cando pasará o festivo da lúa nova para vendermos o trigo
e o sábado para fornecer o gran
traficando ata co farelo,
para minguar a medida,
aumentar o prezo
e defraudar con balanza falsa,
para mercarmos por diñeiro o mendigo
e o pobre pola débeda dun par de sandalias?"
            Xura o Señor pola soberbia de Xacob:
            "Endexamais esquecerei os seus delitos”.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 112, 1-2. 4-6. 7-8
R/. (cf. 1a e 7b): Loade o Señor, que levanta os pobres.
Ou: Aleluia.

Loade, servos do Señor,
loade o nome do Señor.
Bendito sexa o nome do Señor,
agora e por sempre.

Sobre todos os pobos é excelso o Señor,
sobre o ceo a súa gloria.
Quen se compara  ao Señor, noso Deus,
que habita nas alturas
e se inclina para mirar
polo ceo e pola terra?

El ergue do po os indixentes,
levanta da varredura os pobres,
para lles dar asento cos príncipes,
cos príncipes do seu pobo.





Segunda Lectura     1 Tim 2, 1-8
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Fáganse oracións por todos os homes a Deus, que quere que todos os homes se salven

            Benquerido irmán:
            Rogo primeiro de todo que se fagan peticións, oracións, súplicas, accións de grazas en favor de toda a xente, polos reis e por todos os que ocupan altos cargos, para que poidamos ter unha vida calma e serena baseada na piedade e na decencia.
            Isto é fermoso e grato a Deus noso Salvador. El quere que todos os homes se salven e cheguen  ao coñecemento da verdade.
            Porque hai un único Deus e un único mediador entre Deus e os homes: o home Cristo Xesús, que se entregou como rescate por todos.
            Tal é o testemuño dado no tempo oportuno. A min fíxome o seu pregoeiro e apóstolo ‑ digo a verdade e non minto ‑, mestre dos xentís na fe e na verdade.
            Por iso quero que en todos os sitios recen os homes levantando as mans limpas, sen ira nin discusións.
                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA     2 Cor 8, 9
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Xesús Cristo fíxose pobre sendo rico,
para que vós vos fixésedes ricos coa súa pobreza.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 16, 1-13 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Non podedes servir a Deus e á riqueza
  
            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            ‑ Dunha vez había un home rico que tiña un administrador, do que lle foron contar que estaba a lle acabar cos bens. Chamou por el e díxolle: "Que é iso que sinto falar de ti? Dáme conta da túa administración, que quedas despedido".
            O administrador púxose a cavilar: "E agora que vou facer, que quedo sen traballo? Cavar, non podo; e botarme a pedir, dáme vergonza. Ora! Xa sei o que vou facer para que cando me despidan haxa quen me acolla na súa casa!".
            Vaise, e chama por cada un dos debedores do seu amo e pregúntalle  ao primeiro: "Ti canto lle debes  ao meu amo?". El respondeulle: "Débolle cen bocois de aceite". El díxolle: "Pois colle o teu recibo e escribe axiña cincuenta".
            Despois preguntoulle  ao segundo: "Ti canto debes?". Respondeulle: "Debo cen ferrados de trigo". Díxolle el: "Pois colle o teu recibo e escribe oitenta".
            O amo loou a aquel administrador inxusto pola astucia con que actuara, pois os fillos deste mundo son máis asisados nas cousas deles cós fillos da luz.
            Por iso eu avísovos:
            ‑ Facede amigos coas riquezas inxustas, para que cando vos falten, vos acollan nas moradas eternas. Quen é fiel no pouco, tamén será fiel no moito; e quen é inxusto no pouco, tamén será inxusto no moito.           Pois, se coa riqueza inxusta non sodes fieis, quen vos vai confiar a verdadeira? E se no alleo non sodes fieis, quen vos vai confiar o voso? Ningún criado pode servir a dous amos, porque ou lle ten xenreira a un e ama o outro; ou ben atende a un e menospreza o outro. Non podedes servir a Deus e mais o diñeiro.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

______________________________________________________________________

Ou:  10-13 (máis breve)

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            Quen é fiel no pouco, tamén será fiel no moito; e quen é inxusto no pouco, tamén será inxusto no moito. Pois, se coa riqueza inxusta non sodes fieis, quen vos vai confiar a  verdadeira? E se no alleo nos sodes fieis, quen vos vai confiar o voso? Ningún criado pode servir a dous amos, porque ou lle ten xenreira a un e ama o outro; ou ben atende a un e menospreza o outro. Non podedes servir a Deus e mais o diñeiro.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo






 NON É MÁIS FELIZ A PERSOA QUE MÁIS TEN, SENÓN A QUE MENOS PRECISA

PÓRTICO
Ata hai ben pouco tempo o noso ritmo atolado de vida fíxonos crer que nada se nos podía negar, que os cartos eran a solución para todo. E entón, cando ninguén o esperaba, chegou a crise, maldita crise! Unha crise que vai deixando a moitas persoas nas beiras, sen traballo e polo tanto sen poder pagar as súas débedas, sen ilusións, sen esperanza. Unha crise que nos pillou co pé cambiado. Unha crise que nos fai tomar conciencia de que non é no ter onde atopamos sentido, senón na solidariedade que nos abre aos demais e na sinxeleza de quen busca vivir con dignidade e ser feliz vivindo co necesario, sentindo que as pequenas cousas seguen a ser importantes.

O PERDÓN
ö  Por non termos sabido descubrir e transmitir o que significa a austeridade, SEÑOR, QUE SÓ DERROCHEMOS AMOR.
ö  Polas veces nas que nos creamos falsas necesidades que nos invitan a comprar, a acaparar, a posuír cousas que en realidade non precisamos, CRISTO, QUE SÓ DERROCHEMOS AMOR.
ö  Porque seguimos equivocados, pensando que a fe tamén é reducible a un negocio no que se paga polos favores recibidos, esquecendo a gratuidade e o amor, SEÑOR, QUE SÓ DERROCHEMOS AMOR.

REMUÍÑO
*    No noso mundo parece que todo ten un prezo. Todo pode comprarse, tamén as persoas, e se cadra aínda máis nestes tempos de crise: económica, moral, de valores.. Como nos tempos de Amós, moitos tamén seguen preguntándose cando pasará esta maldita crise para poder vender con xuros, a que país poderemos mandar os cartiños para telos seguros, onde poderemos conseguir man de obra barata, quen estará máis desesperado para facernos este traballo por menos soldo... En definitiva, estamos pagando as consecuencias de facer sinónimos cartos e felicidade, de axeonllarnos diante do deus mercado, de deshumanizar a economía...e iso fai que pouco a pouco o noso corazón se vaia corrompendo e busque escusas para venderse ao mellor ofertante. Xa non hai ideais, xa non hai coherencia, xa non hai honestidade, xa non hai…. Vendemos todo! Unha meirande parte dos nosos representantes públicos non se decata de que son simples xestores, e malgastan ou estafan os cartos que son de todos, recortando logo drasticamente en asuntos sociais nos que non cabe recortar. Quen sae prexudicado? Pois, coma sempre, os máis débiles.

*    E a esta compra-venda tampouco é allea a nosa Igrexa, que en demasiadas ocasións esquece que o seu é vivir na gratuidade e na austeridade. E é que no fondo todos temos algo de comerciantes, e é tan tentador vivir en pecado!. Parécenos que a Eucaristía na que rezamos aos nosos defuntos ten máis valor se nos cobran o estipendio correspondente e se é unipersoal ou unifamiliar; cremos que se chega antes ao ceo se no funeral hai tres ministros en vez dun só; pensamos que somos mellores se poxamos por levar aquel santo na procesión....E, pola banda dos que mandan, a cousa non está mellor. Pagámoslle a un compañeiro porque nos vén presidir unha celebración o día da festa, cobramos estipendios abusivos, pensamos que é unha boa parroquia aquela na que os seus fregueses teñen un bo nivel económico, estamos dispostos a presidir celebracións coma churros se nos pagan convenientemente. Pararnos, falar coa xente, escoitar.... parvadas! O único importante é o culto, sobre todo ao deus mercado, que fai medrar a nosa conta corrente. En resumo, cremos que se pagamos polos servizos relixiosos, estamos mellor xustificados e temos máis dereitos.

*    Por iso que ben nos vén repetir o que o Señor nos lembra no evanxeo; aquilo de que non podemos servir a Deus e aos cartos, porque amaremos a un e aborreceremos ao outro. E isto é o que está a pasar na nosa igrexa: non só que o deus son os cartos, senón tamén que os “representantes de Deus” fixeron un becerro de ouro, o dos cartos, diante do que se prostran esquecendo que son a gratuidade, o amor e o servizo, os camiños que temos que andar.

*    Unha vez máis, a Palabra chámanos a sermos coherentes, a non deixarnos corromper, a sermos fieis e responsables no pequeno, nesas cousas miúdas que van tecendo a nosa vida, a non esquecermos que os cartos non dan a felicidade. Axúdanos, Señor, para que a corrupción, ningún tipo de corrupción, aniñe no noso corazón.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Presentámosche agora as nosas peticións comunitarias dicindo:
SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á TÚA XUSTIZA
ð  Pola Igrexa (xerarquía, relixiosos e leigos), para que nunca esquezamos que só teremos autoridade moral cando abandonemos o comercio para sermos servidores de todos, cando poñamos o que somos e temos ao servizo dos demais, cando sirvamos aos máis necesitados, cando descubramos nas outras persoas (aínda que non sexan dos nosos) a Deus, OREMOS.
SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á TÚA XUSTIZA
ð  Polas nosas comunidades, para que entendan que no amor, na entrega, no diálogo, na dispoñibilidade, e no servizo ás persoas de todo credo, ideoloxía ou raza, está a esencia da súa fe, OREMOS.
SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á TÚA XUSTIZA
ð  Por cada un e cada unha de nós, para que entendamos que cos capitais de Deus non se especula nin se comercia, senón que somos amados para amar, somos servidores para servir, somos regalados para compartir, OREMOS.
SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á TÚA XUSTIZA
                Deus, que en Xesús pronuncias unha palabra radical sobre a imposibilidade de servirte a Ti e aos cartos, axúdanos a sermos radicais tamén e a traballar por unha economía sometida ás leis da ética e do amor. PXNS.

PARA A REFLEXIÓN
Xesús, Mestre bo,
ensínanos o camiño para vivir solidariamente.
Axúdanos a converter o noso corazón duro
nun corazón sensible e cércano a todas as persoas que sofren.
Ensínanos a saber descubrir a dor, o sufrimento e as necesidades dos demais.
Danos a sinxeleza precisa para conmovernos diante do próximo
e para acudir na súa axuda.
Que non sexamos mesquiños na nosa entrega,
que aprendamos a dar todo o que temos:
as nosas cousas, o noso tempo, o noso esforzo, a nosa vida enteira,
para que os outros vivan máis e mellor.
Axúdanos a ter compaixón, que non é mágoa,
senón solidariedade activa e compromiso co outro.

 

CANTOS

ENTRADA:
Que ledos hoxe estamos
LECTURAS:
Xesús chamado amigo
OFERTORIO:
Benaventurados
COMUÑÓN:
Pan do ceo

 

POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares