No aniversario do Concilio 7-Pobres e enfermos e á mocidade
AOS
POBRES, ENFERMOS E A TODOS OS QUE SOFREN
Para todos vós, irmáns que
sufrides, visitados pola dor nos seus diferentes modos, o Concilio
ten unha mensaxe moi especial. Sente os vosos ollos fixos sobre el,
brillantes pola febre ou abatidos pola fatiga; miradas interrogantes
que buscan en balde o porqué do sufrimento humano e que se preguntan
ansiosamente cando e de onde virá o consolo.
Irmáns moi queridos: nós
sentimos profundamente nos nosos corazóns de pais e pastores os
vosos xemidos e queixumes. E a nosa pena aumenta ao pensar que non
está no noso poder o concedervos a saúde corporal, nin tampouco a
diminución das vosas dores físicas, que médicos, enfermeiros e
todos os que se consagran aos enfermos se esforzan en aliviar.
Pero temos unha cousa máis
profunda e máis preciosa que ofrecervos, a única verdade capaz de
responder ao misterio do sufrimento e de darvos un alivio sen engano:
a fe e a unión ao Home de dores, a Cristo, Fillo de Deus,
crucificado polos nosos pecados e a nosa salvación. Cristo non
suprimiu o sufrimento e, ao mesmo tempo, nin quixo desvelarnos
enteiramente o misterio, El tomouno sobre si e iso é abondo para que
nós comprendamos todo o seu valor.
Oh vós, que sentides máis
o peso da cruz! Vós, que sodes pobres e desamparados, os que
chorades, os perseguidos pola xustiza; vós, os pacientes
descoñecidos, tede ánimo; vós sodes os preferidos do reino de
Deus, o reino da esperanza, da bondade e da vida; vós sodes os
irmáns de Cristo paciente e co, se queredes, salvades ao mundo.
Velaquí a ciencia cristiá
da dor, a única que dá a paz. Sabede que vós non estades sós, nin
separados, nin abandonados, nin inútiles; vós sodes os chamados de
Cristo, a súa vivente e transparente imaxe. No seu nome,o Concilio
saúdavos con amor, dávos as grazas, asegúravos a amizade e a
asistencia da Igrexa e bendícevos.
Á MOCIDADE
Finalmente, é a vós, mozos e mozas do mundo enteiro, a quen o Concilio vai dirixir a súa última mensaxe. Porque sodes vós os que tedes que recibir o facho das mans dos vosos maiores e viviredes no mundo no momento das maiores transformacións da súa historia. Sodes vós os que, recollendo o mellor do exemplo e das ensinanzas dos vosos pais e mestres, ides formar a sociedade de mañá; salvarédesvos ou pereceredes con ela.
Á MOCIDADE
A Igrexa, durante catro anos, traballou para rexuvenecer o seu rostro, para responder mellor aos designios do seu Fundador, o gran vivente, Cristo, eternamente novo. Ao final desa impresionante "revisión de vida" vólvese a vós; é para vós, os mozos e mozas, sobre todo para vós, que acaba de alumar no seu Concilio unha luz, unha luz que alumará o porvir, o voso porvir.
A Igrexa está preocupada porque esa sociedade que ides constituír respecte a dignidade, a liberdade, o dereito das persoas, e esas persoas son as vosas.
Está preocupada, sobre todo, porque esa sociedade deixe expandir os seus tesouros antigos e sempre novos, a fe, e que as vosas almas se poidan mergullar libremente nas súas benfeitoras claridades. Ten confianza en que atoparedes tal forza e tal gozo que non estaredes tentados, como algúns dos vosos maiores, a ceder ás filosofías do egoísmo ou do pracer, ou a aquelas outras da desesperanza e da negación, e que fronte ao ateísmo, fenómeno de relaxación e de vellez, saberedes afirmar a vosa fe na vida e no que dá un sentido á vida; a certeza da existencia dun Deus xusto e bo.
En nome deste Deus e do seu Fillo Xesús, exhortámosvos a ensanchar os vosos corazóns ás dimensións do mundo, a escoitar a chamada dos vosos irmáns e a pór ardorosamente ao seu servizo as vosas enerxías. Mozos e mozas, loitade contra todo egoísmo, negádevos a dar libre curso aos vosos instintos de violencia e de odio, que procrean as guerras e o seu cortexo de males. Sede xenerosos, puros, respectuosos, sinceros e edificade con entusiasmo un mundo mellor que o dos vosos maiores.
A Igrexa míravos con confianza e amor. Rica nun longo pasado, sempre vivo nela, e marchando cara á perfección humana no tempo e cara aos obxectivos últimos da historia e da vida, é a verdadeira mocidade do mundo. Posúe o que é a forza e o encanto da mocidade; a facultade de reunirse ao que comeza, de darse sen recompensa, de renovarse e de partir de novo para novas conquistas. Mirádea e veredes nela o rostro de Cristo, o heroe verdadeiro, humilde e sabio, o Profeta da verdade e do amor, o compañeiro e amigo da mocidade. É en nome de Cristo que vos saudamos, que vos exhortamos e vos bendicimos.
Comentarios
Publicar un comentario