Festividade de Cristo Rei - Domingo 34 de ordinario B


 34º FESTIVIDADE DE CRISTO REI - CICLO B


Primeira Lectura    Dn 7, 13-14
LECTURA DO LIBRO DE DANIEL
O seu poder é eterno

            Proseguín ollando as visións nocturnas, e, velaquí, sobre as nubes do ceo viña alguén semellante a un fillo de home, que se dirixiu cara ao ancián e se presentou diante del.
            Foille outorgado poder, maxestade e imperio, e servírono todos os pobos, nacións e linguas.
            O seu poder é un poder eterno, que non pasará nunca, e o seu reino endexamais será destruído.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 92, 1ab. 1c-2. 5
R/.  (1a):  O Señor reina vestido de maxestade.

O Señor reina, vestido de maxestade;
o Señor está vestido e cinguido de poder.

O mundo está firme e non abalará.
Consolidado está o teu asento desde sempre,
ti es desde a eternidade.

A revelación do Señor é verdadeira,
a santidade é o ornato da túa casa,
polos séculos, Señor.


Segunda Lectura     Ap 1, 5-8
LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE DE SAN XOÁN
O soberano dos reis da terra constituíunos en reino, sacerdotes para o noso Deus

            Xesús Cristo é a testemuña que merece fe, o primeiro en renacer da morte e soberano dos reis da terra.
            A aquel que nos ama, que nos liberou dos nosos pecados co seu sangue e que nos converteu nun reino, en sacerdotes para o seu Deus e Pai: a el a gloria e mais o poder polos séculos dos séculos. Amén.
            Velaquí vén nas nubes,
e todo ollo o verá,
mesmo aqueles que o traspasaron:
por el baterán no peito todas as razas da terra.
Certo. Amén.
            Eu son o Alfa e o Omega, di o Señor Deus, o que é, o que era e o que está a vir, o que todo o sostén.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Mc 11, 9. 10
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Bendito o que vén no nome do Señor!
Bendito o Reino do noso pai David que vén!
Aleluia.


Evanxeo     Xn 18, 33b-37
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Ti dis que eu son rei

            Naquel tempo, díxolle Pilato a Xesús:
            ‑ Es ti o Rei dos Xudeus?
            Xesús respondeu:
            ‑ Dilo ti pola túa conta ou dixéroncho outros de min?
            Pilato replicou:
            ‑ E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min: que fixeches?
            Xesús contestoulle:
            ‑ O meu reino non é deste mundo; se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase aos xudeus; pero o meu reino non é de aquí.
            Díxolle entón Pilato:
            ‑ Logo ti es Rei?
            Xesús respondeu:
            ‑ Tal como o estás dicindo, eu son Rei: para iso nacín e para iso vin ao mundo, para dar testemuño da verdade; todo o que está aberto á verdade, escoita a miña voz.

                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo        


  DESPOIS DE TANTO TEMPO,  AÍNDA SEGUIMOS DESCOLOCAD@S POLA SÚA REALEZA: UN REINADO PARA E DENDE O SERVIZO
TOMADO DE: remoldapalabra.blogspot.com

PÓRTICO
Resulta irónico que neste momento socialmente tan difícil que estamos a vivir, falemos de reinado de Deus. Porén, se nos fixamos nas palabras que acompañan o participio reinado, darémonos conta de que ao que nos referimos non é a unha cuestión física (un territorio), nin tampouco unha cuestión política (a institución de goberno dun país). Non, ao que nos referimos, coas palabras xustiza e paz, é a dous dos grandes valores que sempre foron unidos ao actuar e predicar de Xesús. Por iso o seu reinado baséase na realización daquelas actitudes que conformen a defensa do ser humano e a construción de comunidades humanas asentadas sobre os valores que fan que as persoas, e non os resultados nin os intereses, sexan o primeiro e o principal. E iso é o que hoxe os cristiáns e as cristiás de todo o mundo celebramos, reuníndonos para compartir a fe e participar das nosas celebracións, ao dicir que hoxe é o domingo de Cristo Rei. Só se tomamos en serio esta maneira de facer as cousas, lograremos ser no mundo testemuñas daquel en quen cremos, á vez que, ese xeito de actuar, encherá a nosa vida de sentido e felicidade.
            Unámonos logo nesta celebración para que canto aquí vivamos nos dea azos para ser persoas activas e construtoras dunha sociedade rexida polo compromiso de non tripar nunca ás persoas, imaxe e semellanza do Deus amor.

O PERDÓN
●      Para que tomemos en serio a invitación de ser sempre favorecedores de paz e xustiza, SEÑOR, QUE O TEU REINADO ALENTE A NOSA VIDA.
●      Para que nestes momentos tan difíciles e duros, nos que crece a sensación de desesperanza, saibamos dar razón da nosa esperanza, CRISTO, QUE O TEU REINADO ALENTE A NOSA VIDA.
●      Para que na nosa vida persoal non deixemos que aniñe a sensación de impotencia nin as actitudes violentas, SEÑOR, QUE O TEU REINADO ALENTE A NOSA VIDA.

REMUÍÑO
Celebramos hoxe a festa de Cristo Rei, que pecha o ano litúrxico. Xesús acepta o cualificativo de Rei cun sentido totalmente distinto ao dos romanos e xudeus. Para os romanos, rei era sinónimo de emperador ou xefe, con todos os poderes. Para os xudeus, o Mesías era o rei esperado que instauraría o reino de Israel. Porén, a realeza de Xesús responde ao proxecto de Deus sobre as persoas e a sociedade, no que o rei é defensor do pobo, o que imparte xustiza e defende os débiles.
            Por iso Xesús é rei ao longo do evanxeo, porque alimenta os pobres, cura os enfermos, practica o servizo, rexeita o dominio e a violencia, dá testemuño da verdade, implanta xustiza e entrégase ata o final pola causa do Reino. Inverte así os valores da súa sociedade... e tamén da nosa. Temos que recoñecer e aceptar, dunha vez por todas, que o Reinado de Cristo non é un reinado etéreo, senón que é unha realidade que quere conseguir a transformación radical do mundo. Cristo é un Rei Liberador, porque nos libera de todo aquilo que nos impide ser realmente persoas:
§  Fronte ao afán consumista que nos desvela e nos impide vivir, Xesús lémbranos que os ricos xa recibiron o seu consolo, que quen pon o valor da súa vida no que posúe é un insensato. A persoa vale por si mesma, pero se se ata ás cousas que se pagan, o seu prezo serán os cartos.
§  Fronte das estruturas que intentan reducir as persoas a un produto en serie, Xesús deixa ben claro que leis e estruturas están ao servizo da persoa e non ao contrario. O testemuño evanxélico non se dá a base dunha boa organización; o Espírito e a liberdade, non as leis, son a base da nosa actuación.
§  Fronte aos prexuízos que destrúen a paz das persoas, Xesús non ten inconveniente en comer con publicanos e pecadores, sen facer caso das críticas “dos bos”, en falar cos samaritanos, ou cos estranxeiros e en tratar con naturalidade as mulleres.

§  Fronte á violencia, que sementa sangue na xeografía do noso mundo, Xesús propón a liberdade daquel que é quen de romper a espiral de violencia, que nunca remata, e devolve ben por mal. A xenreira e a violencia son escravitudes das persoas.
§  Fronte ao medo, que nos paraliza e nos converte en monicreques, Xesús propón a liberdade do amor: nin medo a Deus, porque é Pai - Nai; nin medo ás persoas, porque son irmáns e irmás. Non ter medo a nada, confiando en Deus, que dirixe a historia cara á súa plenitude.
§  Fronte á escravitude de buscar o éxito doado, tan de moda no noso tempo, Xesús propón buscar o único éxito que paga a pena: o do Reino de Deus. Diante da posibilidade de converter pedras en pan, Xesús recorda que non só de pan vivimos, senón da Palabra de Deus.
§  Fronte a escravitude do mal, Xesús preséntase coma o liberador que trae o Reino do ben e que nos encarga a nós, seguidores e seguidoras súas, a posibilidade de facer o ben: pecado, enfermidades, demos, soidades... de todo iso vémonos libres se entendemos que a relixión é unha proposta que dá sentido á vida.
§  Fronte á escravitude de ver o mundo sen futuro, sen saída, nós afirmamos que Xesús xa deu comezo a un mundo novo no que non haberá loito, nin choros, nin dor.
            Xesús é o liberador soberano e universal; o seu Reino é un Reino de liberdade e vida. Nós, os seus discípulos, non podemos reducir a súa misión, a súa tarefa, a súa mensaxe, a un simple culto externo; somos responsables de espallar a Boa Nova e de traballar por facer presente o seu Reino de amor no mundo de hoxe, aquí e agora. Con frecuencia, a frase “o meu reino non é deste mundo”, que vimos de escoitar no evanxeo de hoxe, serviu para reforzar unha visión do cristianismo espiritualista, coma se fose unha relixión que non debe preocuparse polas cousas deste mundo. Moitos cristiáns pensan, de xeito erróneo, que canto máis entregado se vive á tarefa do Reino, menos deben comprometerse en asuntos sociais, económicos ou políticos. Porén, a frase que pronuncia Xesús comporta unha distancia e unha ruptura, pero non entre o relixioso e o temporal, senón entre a dominación e o servizo. O Reino de Xesús non é un reino de arbitrariedade, privilexios e dominación, senón un reino de xustiza e de servizo que estamos chamados a facer medrar no medio das persoas, das institucións, da sociedade enteira.
            A sentencia “o meu reino non é deste mundo”, non debe levarnos á despreocupación e á evasión, senón ao inconformismo. Unha igrexa preocupada por non ser deste mundo deberá estar atenta a tomar distancia dos poderes influentes e a non caer na falsa ilusión de fortalecer o reino de Cristo con diplomacia, poder, cartos... Pero, ao mesmo tempo, se quere estar no mundo, coma Xesús, deberá asumir que “onde estea a persoa sufrindo dor, inxustiza, pobreza ou violencia, alí debe estar a voz da Igrexa, a nosa voz”. Oxalá sexa así.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Diante de Ti, Señor, mostramos as nosas angueiras, tamén as nosas frustracións, sabendo que a pesares de todo non nos deixas da túa man. Por iso dicimos:
GRAZAS POLO TEU REINADO DE AMOR
Para que, como Igrexa en camiño que somos, nunca cansemos de confiar uns nos outros, e así unindo esforzos vaimos facendo posible e visible o teu reinado no aquí do noso tempo, OREMOS.
GRAZAS POLO TEU REINADO DE AMOR
Para que aprendamos a sementar nas nosas parroquias valores que levan a non esquecer que as persoas nos queremos polo que somos, fillas de Deus, e non polo que temos ou o poder do que dispoñamos, OREMOS.
GRAZAS POLO TEU REINADO DE AMOR
Para que non nos deixemos vencer polas dificultades que neste momento estamos a vivir e que levan a moitas persoas ao desespero; o que pide de nós espertar do sono que diminúe a forza da fe para afrontar as dificultades sen deixarse vencer pola desesperanza, OREMOS.
GRAZAS POLO TEU REINADO DE AMOR
No día contra a violencia de xénero, queremos ter presentes na nosa oración dun xeito especial a todas aquelas mulleres asustadas, reprimidas, esquecidas, abatidas, maltratadas física e psicoloxicamente; para que nunca calemos diante destas situacións, pois sementar o Reino esixe de nós igualdade, xustiza e fraternidade, OREMOS.
GRAZAS POLO TEU REINADO DE AMOR
Grazas, Señor, porque o teu reinado de amor, paz e xustiza é unha mostra máis de que é posible crer nun mundo marcado pola fraternidade e non polos mercadores que todo o compran e o venden. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Non pedimos nada Señor, ben sabes que non che pedimos nada.
Non che pedimos que nos abras as portas do teu ceo,
porque de Ti para nós sempre están abertas.
Non che pedimos que nos libres de nada nin de ninguén,
porque sería dubidar da fidelidade que sempre nos tes.
Ti estás totalmente por nós, e nós queremos atoparnos vivindo en Ti.
Nós só queremos vivir á sombra do teu corazón e da túa palabra,
en harmonía coa túa vontade salvadora,
Abertos á túa voz espallada polo mundo,
pola terra, pola xente, polos pobres.
E máis nada.
Nós, Señor, non che pedimos nada.
(Manolo Regal, Chorimas, 59)

CANTOS
ENTRADA: 
Que ledicia a miña
LECTURAS: 
Veña o teu Reino
OFERTORIO: 
Déixate querer
COMUÑÓN: 
Acharte presente na vida 

POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares