LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 22 ordinario (28/08/11)

DOMINGO XXII ORDINARIO  -  CICLO A


Primeira Lectura     Xer 20, 7-9
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA XEREMÍAS
A palabra do Señor volveuse escarnio para min

            Señor, seducíchesme e deixeime seducir;
collíchesme e puideches comigo.
            Sirvo a cotío de burla;
a destrución é o meu pan.
            Sempre que falo, teño que proclamar: Desastre!;
teño que clamar: Destrución!
            A palabra do Señor volveuse para min un escarnio, unha burla continua.
            Se digo: "Non me vou acordar máis del,
non falarei máis no seu Nome",
entón a súa palabra vólvese coma un lume abrasador no meu corazón,
un lume prendido nos meus ósos;
fago forza por apagalo, pero non son capaz.

            Palabra do Señor                                         
            R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 62, 2. 3-4. 5-6. 8-9

R/.  (2b):  De ti ten sede a miña alma, Señor, meu Deus.

Deus, o meu Deus es ti, por ti madrugo,
de ti ten sede a miña alma,
por ti devece o meu corpo,
coma terra reseca, sedenta, sen auga.

Miro cara a ti no santuario,
para ver o teu poder e a túa gloria.
A túa misericordia é preciosa máis cá vida,
lóante os meus labios.
Toda a miña vida hei bendicirte
levantando no teu nome as miñas mans.
Coma de graxa e manteiga, hei quedar satisfeito,
han loarte xubilosos os meus labios.

Ti es o meu auxilio,
á sombra das túas ás estou contento.
A miña alma está unida a ti,
abrigoume a túa destra.


Segunda Lectura           Rm 12, 1-2
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Ofrecede os vosos corpos como oblación vivente
  
            Rógovos, irmáns, pola misericordia de Deus, que ofrezades os vosos corpos como sacrificio vivo, santo, grato a Deus: coma o voso culto espiritual.
            E non vos axustedes ao mundo presente: máis ben, transformádevos, pola renovación da mente, para que poidades coñecer cal é a vontade de Deus: o bo, o que lle agrada, o perfecto.
           
                        Palabra do Señor                             
                        R/. Grazas a Deus


ALELUIA  Cf. Ef 1, 17-18
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Que o Pai do noso Señor Xesús Cristo
ilumine os ollos do voso corazón
para que saibamos cal é a esperanza da nosa vocación.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 16, 21-27
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Se alguén quere vir comigo, renegue de si mesmo

            Naquel tempo, comezou Xesús a aclararlles aos seus discípulos que tiña que ir a Xerusalén, e que alí o ían facer padecer moito os anciáns, os sumos sacerdotes e os letrados; que o ían executar e que ao terceiro día había resucitar.
            Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifar con el, dicindo:
            ‑ Deus te libre, Señor; a ti non che pasará nada diso de maneira ningunha.
            Pero el, volvéndose, díxolle a Pedro:
            ‑ Arreda de min, Satanás! Ti es un tentador para min, porque non te deixas guiar por Deus senón polos homes.
            Entón díxolles Xesús aos seus discípulos:
            ‑ Se alguén quere vir comigo, renegue de si mesmo, cargue coa súa cruz e sígame. Porque quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen a perda por min, encontraraa.
            Pois de que lle serve ao home gañar o mundo enteiro se arruína a súa vida? E que pode dar un home en troco pola súa vida?
            Porque o Fillo do Home ha vir na gloria de seu Pai cos seus anxos; entón pagará a cadaquén conforme á súa conduta.
           
                        Palabra do Señor                             
                       R/. Loámoste, Cristo



QUERO IR CONTIGO, XESÚS

Quero ir contigo, Xesús,
no medio das cousas todas da miña vida,
cos problemas e coas alegrías da familia, da parroquia,
quero camiñar ó teu lado.

Quero ir contigo, Xesús,
e por iso quero aprender a renunciar contigo a min mesmo,
aos meus intereses persoais
que me fagan insensible a Deus e á comunidade.

Quero ir contigo, Xesús,
e por iso quero aprender contigo a cargar coa miña cruz,
cos traballos, coas ansias e coas preocupacións,
cos sufrimentos, coas murmuracións e cos insomnios
que me veñan por andar contigo.

Quero ir contigo, Xesús, quero seguirte,
por onde vaias hoxe, por onde me leves hoxe.

Quero ir contigo, Xesús,
e contigo aprenderei pouco a pouco a gardar a miña vida
expoñéndoa por ti, pola familia e pola comunidade.
Quero ir contigo, Xesús.
               
                               M. Regal. Co evanxeo pola man, páx. 280


TODOS NECESITAMOS UN POUCO DE SUR PARA PODER VER O NORTE
PÓRTICO
Vivimos nunha sociedade que se caracteriza pola incapacidade para o sufrimento e a renuncia. A nosa civilización do confort e da comodidade non quere escoitar falar diso. Pero, que pensar dunha sociedade que evita, esconde e rexeita determinados xeitos de sufrimento?. Que dicir dunha sociedade que saca rapidamente de casa os inválidos e anciáns e que borra da súa memoria rapidamente o recordo dos mortos? Que dicir dunhas xeracións de pais e fillos que cortan o máis axiña posible a comunicación entre eles, aínda que vivan xuntos, para evitar conflitos e vivir con maior tranquilidade? Que dicir de quen non se detén diante dos dereitos máis elementais das persoas e actúan sen ningún escrúpulo, movidos só polo éxito económico, polo triunfo social ou polas ansias de posuír? Que dicir dunha sociedade incapaz da máis mínima renuncia cando contempla na beirarrúa de enfronte a millóns de persoas que non teñen o básico para vivir? Non estaremos estragando a nosa propia vida? As palabras de Xesús “Quen queira vir comigo, que renegue de si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga”, moitas veces rexeitadas e desprezadas coma unha moral de escravos, poden cobrar de novo toda a súa actualidade e Boa Nova. Que a celebración que agora comezamos nos axude a abrírmonos a Aquel que quere motivar os nosos retos e proxectos.

O PERDÓN
Porque non convertemos a túa Palabra en cerne para a nosa vida, senón que facemos dela interese individualista, SEÑOR, QUE NON NOS NEGUEMOS A SEGUIRTE.
Polas veces en que xustificamos o nosos actos, os nosos silencios e as nosas omisións nunha falsa imaxe dun Deus feito á nosa medida, CRISTO, QUE NON NOS NEGUEMOS A SEGUIRTE.
Porque non temos sede de ti, senón de canto nos converte en consumistas e estragadores, SEÑOR, QUE NON NOS NEGUEMOS A SEGUIRTE.

REMUÍÑO
Poucos aspectos do Evanxeo foron e son tan distorsionados e desfigurados coma a chamada de Xesús a “tomar a cruz”. E é que son moitas as persoas que teñen ideas confusas sobre a actitude cristiá a adoptar diante do sufrimento. “Todo o bo da vida é inmoral, ilegal ou engorda”, dise moitas veces, querendo facer fincapé nisto que vimos de falar: fe e felicidade só teñen en común a sílaba pola que ámbalas dúas palabras comezan, máis nada, pois como todo o mundo ben coñece, relixión e felicidade son case termos antónimos, nunca sinónimos. Por iso, o que vimos de escoitar da cruz no evanxeo de hoxe, é unha ocasión bárbara para facer caer na conta de que, como se dicía naquela serie de televisión “a fama (neste caso a salvación) custa, e aquí é onde ides empezar a suar”. Xa está ben de medias tintas, se ata o mesmo Xesús di que hai que cangar coa cruz! Este é o argumento que esgrimen as moitas persoas que entenden relixión como renuncia, sacrificio.... e nunca como felicidade e sorriso.
Porén, se queremos seguir a Xesús con fidelidade non podemos esquecer que nel non atoparemos ese sufrimento que tantas veces nos acompaña e que nace da nosa envexa, do baleiro interior ou do egoísmo... e que debemos ir suprimindo se queremos seguilo. Por outra banda, Xesús non ama nin buscar arbitrariamente o sufrimento, nin para el nin para os demais, coma se este encerrase algo especialmente grato a Deus. É un erro crer que unha persoa segue máis de cerca a Xesús se busca sufrir sen necesidade ningunha, pois o que lle agrada a Deus non é o sufrimento senón a felicidade.

Pero hai sufrimentos, rexeites, conflitos ou mesmo cruces que temos que asumir e axudar a levar. Velaí a cuestión. E é como ben di un anuncio que está de moda, “todos necesitamos un pouco de sur... para poder ver o norte”. A pesar de que se nos queira vender o contrario, vivimos nun mundo cheo de cruces, no que hai moitas persoas crucificadas, mesmo moi preto de nós: parad@s, maiores, enferm@s, inmigrantes, mulleres maltratadas, nen@s prostituíd@s, explotad@s... Non é de recibo que nós, que temos a sorte de ter nado no norte, na parte da opulencia e da riqueza, lle deamos as costas a todas estas persoas, irmás nosas, que viven nun calvario permanente. Porque moitas veces buscamos unha vivencia cómoda da fe, collemos o que nos interesa e rexeitamos o que nos complica a vida. Por iso entendemos a actitude de Pedro, a quen, coma a nós, lle gustan os aspectos amables do seguimento, pero non o sacrificio. Gústalle o Tabor, pero non o Calvario. A nós, pásanos o mesmo: gústannos os aspectos folclóricos da fe: a festa do patrón, as cerimonias sociais, as procesións.... pero cando se nos pide coherencia, cando se nos ofrece formación, cando se nos di que temos que ser cristiáns adultos, cando se trata de encarnar a fe..... entón a cousa cambia e dicimos: que pase de min este cáliz. Por iso, as palabras que escoitamos hoxe deben resoar nos nosos oídos e tocar o noso corazón: temos que cargar coa cruz e seguir a Xesús. E esa cruz ten nome: coherencia, a coherencia dunha fe que, vivida dun xeito responsable, vainos conducir cara á felicidade verdadeira. Velaí o cerne da cuestión.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Poñémonos agora nas mans de Deus, que nos ama e digámoslle:
QUE NA NOSA VIDA A FE SEXA MOTOR E NON PESADA CRUZ
Para que na Igrexa non renunciemos nunca ao compromiso ético de defender sempre a dignidade das persoas, por riba de credos relixiosos, políticos ou económicos, OREMOS.
QUE NA NOSA VIDA A FE SEXA MOTOR E NON PESADA CRUZ
Polas nosas comunidades, para que pouco a pouco vaiamos desbotando tantas ideas e concepcións dun Deus feito á medida do que nós queremos e do que nós buscamos, en favor do verdadeiro Deus, que nos chama a tod@s a descubrilo en Xesús, OREMOS.
QUE NA NOSA VIDA A FE SEXA MOTOR E NON PESADA CRUZ
Por tantas e tantas persoas crucificadas no mundo de hoxe: @s famentos, as mulleres maltratadas e tratadas coma obxectos, @s nen@s escrav@s, @s vell@s abandonad@s, @s que non teñen saúde, traballo ou vivenda digna… para que sexamos quen, desde a nosa opción por Xesús, de axudarlles a levar a súa carga, descubrindo que todos precisamos un pouco de sur para poder ver o norte, OREMOS.
QUE NA NOSA VIDA A FE SEXA MOTOR E NON PESADA CRUZ
Grazas, Señor, por quereres que a fe sexa a luz que alume o noso camiño e non un conxunto de normas inútiles que constitúan unha pesada cruz sobre os nosos ombreiros. PXNS. Amén.

REFLEXIÓN
Permíteme orar,
non para obter protección contra os perigos,
senón para afrontalos sen temor.
Permíteme pedir,
non alivio á miña dor,
senón o valor de superala.
Permíteme buscar no campo de batalla da vida,
non aliados,
senón a propia fortaleza.
Permíteme non suplicar, temeroso, pola miña salvación;
pero si ter paciencia para conseguir a miña liberdade.
Concédeme,
que non sexa covarde,
sentir a túa misericordia no meu triunfo soamente;
pero deixa que, no meu fracaso,
atope a aperta da túa man. Amén.


CANTOS
ENTRADA: Andarei na presenza do Señor
LECTURAS: Canta aleluia
OFERTORIO: Sementar, sementarei
PAZ: Que veña a paz
COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos


Comentarios

Publicacións populares