LECTURAS DA MISA EN GALEGO - Domingo 19 de ordinario

DOMINGO XIX ORDINARIO  - CICLO A

                                                          
Primeira Lectura     1 Re 19, 9a. 11-13a
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
Mantente no monte diante do Señor


            En chegando Elías ao monte de Deus, o Horeb, abrigouse nunha cova.
            Díxolle o Señor:
            - "Sae de aí e fica de pé no monte, diante do Señor. Porque o Señor vai pasar".
            Nisto veu un rexo furacán, que fendía os montes e cuarteaba os penedos diante do Señor. Mais non estaba o Señor no furacán.
            Despois do furacán houbo un tremor de terra; mais tampouco no tremor de terra estaba o Señor.
            Despois do tremor de terra veu un gran lume; mais non estaba no lume o Señor.
            Despois do lume oíuse o murmurio dunha airexiña suave. En canto Elías o sentiu, tapou a cara co manto, saíu fóra e ficou en pé, na entrada da cova.

Palabra do Señor                            
R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 84, 9ab-10. 11-12. 13-14

R/.  (8):  Amósanos, Señor, a túa misericordia e dános a túa salvación.

Escoitarei o que di o noso Deus:
certamente o Señor fala de paz
para o seu pobo e os seus amigos.
A salvación está xa preto dos que o temen,
a gloria habitará na nosa terra.

A misericordia e a fidelidade atoparanse,
abrazaranse a xustiza e mais a paz.
Na terra xermolará a fidelidade,
a xustiza ollará desde o ceo.

O Señor ha dar o seus bens,
e a nosa terra vai dar os seus froitos.
A xustiza camiñará diante del,
e a salvación seguirá as súas pegadas.


Segunda Lectura     Rm 9, 1-5
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO aos ROMANOS
Optaría por ser anatema polos meus irmáns


            Irmáns:
            Como discípulo de Cristo digo a verdade, non minto, e dáme disto testemuño a miña propia conciencia, alumada polo Espírito Santo: que teño moi grande dor e o meu corazón sofre seguido.
            Quixera ser eu mesmo maldito, apartado de Cristo, por mor dos meus irmáns, os meus parentes de estirpe.
            Eles son israelitas e a eles pertencen a adopción filial, a gloria e as alianzas, a lexislación, o culto e as promesas; a eles pertencen os patriarcas; e deles vén Cristo como home, que está por riba de todo, e que é Deus bendito polos séculos. Amén.

Palabra do Señor                                        
R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Sal 129, 5
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, Aleluia.
Espero no Señor,
espero na súa palabra.
Aleluia.


Evanxeo    Mt 14, 22-33
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Mándame que vaia onda ti, camiñando pola auga


            Despois de que a multitude comera a fartar, de seguida mandou Xesús aos seus discípulos que embarcasen e que fosen diante para a outra banda do mar, mentres el despedía a xente. Así que a despediu, subiu ao monte para orar el só, e alí colleuno a anoite­cida.
            Entrementres, a barca xa se arredara da ribeira moitos estadios e, como tiña o vento en contra, as ondas sacudíana.
            Ao riscar o día, Xesús foi cara a eles camiñando polo mar.
            Cando os discípulos o viron camiñar polo mar, dicían asusta­dos: "é unha pantasma"; e, cheos de medo, empezaron a berrar.
            De seguida faloulles Xesús dicindo:
            Tranquilos, que son eu. Non teñades medo.
            Respondeulle Pedro:
            ‑ Señor, se es ti, mándame que vaia onda ti, camiñando pola auga.
            El díxolle:
            ‑ Ven.
            Baixou Pedro da barca, e púxose a camiñar pola auga, di­rixíndose a Xesús. Pero, ao sentir o vento forte, colleu medo, e cando empezou a afundirse, púxose a berrar:
            ‑ Señor, sálvame!
            Axiña Xesús, dándolle a man, agarrouno e díxolle:
            ‑ Home de pouca fe, por que dubidaches?
            Ao subiren eles á barca, quedouse o vento. Os que estaban na  barca, prostráronse perante el dicindo:
            ‑ Realmente ti es Fillo de Deus.

Palabra do Señor                            
R/. Loámoste, Cristo



NA XORNADA MUNDIAL DA MOCIDADE

Oremos a Deus para que o encontro do Papa cos mozos en Madrid sexa un momento de graza  para todos os que participen nel:
 Amigo e Señor noso Xesucristo, que grande es!
Coas túas palabras e as túas obras nos revelaches quen é Deus,
Pai teu e Pai de todos nós
e quen es ti: o noso Salvador.
Chámasnos a estar contigo.
Queremos seguirte a onde vaias.
Dámosche grazas pola túa Encarnación;
es o Fillo eterno de Deus,
pero non che importou rebaixarte e facerte home.

Dámosche grazas pola túa morte e resurrección;
obedeciches a vontade do Pai ata o final
e por iso es Señor de todos e de todas as cousas.

Dámosche grazas porque na Eucaristía quedaches entre nós;
a túa presenza, o teu sacrificio, o teu banquete
invítannos sempre a unirnos a ti.

Chámasnos a traballar contigo.
Queremos ir onde ti nos envíes a anunciar o teu nome,
a curar no teu nome,
a acompañar os nosos irmáns ata ti.


Dános o teu Espírito Santo que nos ilumine e fortaleza.
A Virxe María, a Nai que nos deches na cruz,
anímanos sempre a facer o que ti nos dis.
Ti es a Vida. Que o noso pensamento, o noso amor
e noso obrar teñan as súas raíces en ti!
Ti es a nosa Rocha. Que a fe en ti sexa
o fundamento sólido de toda a nosa vida!
Pedímosche polo papa Bieito XVI, polos bispos
e por todos os que preparan a próxima Xornada Mundial
da Mocidade en Madrid.

Pedímosche polas nosas familias e os nosos amigos,
e en especial polos mozos e mozas que te van coñecer
nese encontro, polo testemuño firme e gozoso da fe.

(Oración oficial da XMM  2011)


SUPERAR A SOBERBIA DO FARAÓNICO, AXÚDANOS A VER A DEUS NO PEQUENO E SINXELO

Pórtico
                A sociedade occidental, á que nós pertencemos, é unha sociedade marcada fundamentalmente por dous elementos: a dúbida diante de todo e todos e o afastamento de Deus. E a pouco que o pensemos, as dúas están en moi estreita relación; xa que se sobre todo se dubida e nada hai de certo sobre o que asentar principios, valores ou actitudes; e se non temos certezas, se os principios están ao servizo do que conveña ou non en cada momento, e se as actitudes todas son iguais e valen o mesmo, para que ter a Deus como referente? Xa nos valemos nós mesmos para facer, desfacer, alentar ou desalentar momentos, situacións e circunstancias. Este escepticismo que respiramos en occidente vai facendo que crezamos planos e sen horizontes. E xa sabemos, se na vida non hai horizontes máis alá do que vemos e tocamos, todo se nos volve sen sentido e innecesario.
Porén, no Evanxeo de hoxe, Xesús invítanos a non deixarnos afogar polo presentismo nin polos acontecementos faraónicos, senón a descubrilo no pequeno, no cotián, no sinxelo. Verdade que paga a pena? Verdade, entón, que non todo vale nin dá o mesmo? Verdade que a nosa tarefa é descubrilo no que facemos? Aprendamos logo a encher a vida de sentido, entusiasmo e esforzo por cambiar para ben.


Perdón
●      Para que nunca esquezamos que a túa misericordia invítanos a valorar a quen está ao noso lado e a tenderlle a man cando o necesite, SEÑOR, QUE OS IRMÁNS SEXAN O PRIMEIRO.
●      Para que non renunciemos nunca a poñer o noso esforzo para axudar a quen preto de nós está e se sente necesitado, CRISTO, QUE OS IRMÁNS SEXAN O PRIMEIRO.
●      Para que nunca deixemos afundir a quen se sinta triste, desacougado e sen esperanza, SEÑOR, QUE OS IRMÁNS SEXAN O PRIMEIRO.

Remuíño
●      Nun tempo de relacións humanas tan difíciles e marcadas, moitas das veces, pola rixidez, a dureza e o simple interese material, achegarse á Palabra de Deus volve ser un momento de acougo e alento no camiño cotián de ir facendo da vida unha experiencia de encontro e solidariedade. Non é entón de estrañar a invitación do Salmo a esforzarnos por atopar no medio deste mundo complexo a misericordia e a salvación que Deus nos ofrece, e que vai manifestando a través do actuar, honesto e desinteresado, de tantas persoas que non están dispostas a deixarse manipular e para as que a indignación diante dos que queren convertelas en cousas inertes e manexables, pasa a volverse acción e compromiso para non quedar pasivos ante os abusos e enganos; ao contrario, espoldrarse e unirse a cantos non están dispostos a que as cousas as sigan marcando os de sempre: os que mandan, os ricos e poderosos. Só desde esta iniciativa seremos capaces de descubrir como a misericordia e a salvación de Deus se van esparexendo no bo facer limpo e liberador de tantas persoas nas nosas parroquias, nos nosos centros de traballo ou nos nosos contornos. Por iso, o mesmo que o salmista, tamén nós podemos loar e agradecer a misericordia e a salvación do Deus ao que lle rezamos e en quen confiamos.

●      E engadimos esta idea do compromiso e a acción por cambiar e mellorar, desenmascarando enredos e enganos, coas palabras de Apóstolo Paulo na súa carta aos romanos. Todo paga a pena cando se fai a prol e ao servizo dos demais. Non por tranquilizar a conciencia ou por romper a nosa comodidade, non; a razón é moito máis fonda: porque compartimos a mesma irmandade, e polo tanto é o mesmo Deus o que nos une e serve de tronco e raíz común, desde a que facer as cousas que nos fan medrar coma persoas e facilitan unha vida moito máis humanizadora e gozosa aos demais, que na visión cristiá se chama: fraternidade. Só desde a fraternidade de quen sabe que é o mesmo Deus o que alenta e acompaña, podemos atopar razóns que nos leven a minguar nós, para que crezan os demais. Morrer ao noso eu, para que medre a alteridade, que nos leva a pensar e actuar desde o nós.

●      Deste xeito xa non nos pasará coma aos Apóstolos, a quen a dúbida e a desconfianza levábaos ao fracaso dos seus plans, dos seus proxectos, de canto facían. Do mesmo xeito pasa con nós, e así, cando as nosas seguridades esmorecen, os proxectos xa non son cribles porque nos falta confianza neles, polo que a posibilidade de levalos adiante é escasa. O Evanxeo de hoxe chámanos a poñer a nosa convición en quen non esmorece nin pasa coas modas, senón que é raíz e tronco: Xesús. Sabéndoo e confiando, as cousas teñen outros horizontes e outro sentido. O que ocorre é que a nós, coma os Apóstolos, tamén a dúbida acaba ocupando máis espazo que a confianza, polo que a nosa inseguridade nos impide vivir con gozo as nosas capacidades, e o noso esforzo por saír da rutina e traballar pola creatividade de evanxelizar para que se nos entenda cando falamos e actuamos, superando a tentación de seguir vivindo do pasado, da tradición, do que foi, esquecendo que a evanxelización hoxe pasa polo aquí e agora da presenza salvífica e misericordiosa de Deus entre nós. A mensaxe é a mesma, pero ás veces esquecemos que a maneira de presentala cambia, porque cambian os tempos e máis as persoas. Se o entendemos, seguro que superaremos a tentación da dúbida e desconfianza, para poñernos a camiñar na solidariedade confiada de quen se compromete por facer do lugar onde estea un berce de esperanza.


Oración da comunidade
                Falar de misericordia é falar de corazón grande e sinxelo. Que aprendamos a vivir con grandeza e sinxeleza de corazón cada día e en todo momento, por iso dicímosche:
QUE TE RECOÑEZAMOS CAMIÑANDO SOBRE AUGAS REVOLTAS DO NOSO MUNDO
●      Que a Igrexa se esforce cada día non en organizar grandes acontecementos nin construír obras faraónicas, senón en traballar cóbado con cóbado con quen se pon ao servizo dos pequenos e excluídos do noso mundo, Oremos.
QUE TE RECOÑEZAMOS CAMIÑANDO SOBRE AUGAS REVOLTAS DO NOSO MUNDO
●      Que nas nosas comunidades non esquezamos nunca que facer as cousas ben, con compromiso e actitudes éticas, non é ser parvos nin mexericas, senón persoas que saben poñer a honradez e a honestidade ao servizo do ben común, Oremos.
QUE TE RECOÑEZAMOS CAMIÑANDO SOBRE AUGAS REVOLTAS DO NOSO MUNDO
●      Por  nós, para que saibamos beber na fonte da túa Palabra, Palabra de alento, xustiza e liberdade, para poder levarlla a quen é perseguido inxustamente, a quen é excluído por non ceder ás presións dos máis fortes, a quen e esquecido por non querer entrar no xogo da corrupción e o engano, Oremos.
QUE TE RECOÑEZAMOS CAMIÑANDO SOBRE AUGAS REVOLTAS DO NOSO MUNDO
Señor, que sempre deixemos que agrome en nós o compromiso de aprender a camiñar sobre as augas que non nos deixan na dúbida, o desconcerto e a falta de valores, para deste xeito sentirte como amigo e compañeiro da nosa andaina de cada día.Por Xesucristo o noso Señor. Amén.

Reflexión
Pai/Nai, santificado sexa o teu nome sempre, pero especialmente:
●      Cando non cedo ás presións da corrupción.
●      Cando non cedo á xustificación do engano e a mentira.
●      Cando non cedo á negación de canto axuda a acompañar a quen está solo e triste.
●      Cando non cedo á tentación de defender a quen é agredido, enganado ou utilizado por quen ten poder.
●      Cando non me avergoño de manifestar a miña fe cos meus feitos e as miñas palabras,

Diante de quen:
●      Abusa dos máis débiles
●      Engana aos indefensos
●      Explota aos pobres
●      Atemoriza aos sinxelos
●      Violenta aos pequenos
●      E se ri de cantos coa súa solidariedade fan que o sorriso poida chegar aos beizos dos que menos teñen e máis necesitan. Amén.


Cantos
●      ENTRADA: Amigos nas penas e na festa amigos
●      LECTURAS: Sede o sal
●      OFERTORIO: Cantádelle ao Señor unha cantiga nova
●      COMUÑÓN: Non leves para o camiño


Comentarios

Publicacións populares