DOMINGO II DESPOIS DE NADAL - CICLO C
LECTIO:
DOMINGO II DESPOIS DE NADAL
(C: 5. I. 2025)
Este
próximo luns é xa o día fermoso e cheo de ilusións da festa dos Reis Magos a
pouco de comezar o novo ano. Celebrabamos ademais a festividade de “Santa María
Nai de Deus” co que comezou tamén unha vez máis o novo ano, que agora se chama
2025. Por todo isto procurarei hoxe ser algo máis breve.
Temos
que abrirlle a Deus Pai as portas do noso interior para que nos fale a todos
por medio do seu Fillo, que é –tal como nos di Xoán no evanxeo de hoxe- a
Palabra, a Palabra de Deus ó mundo, á humanidade toda.
Por
medio desa palabra convertémonos en fillos de Deus, asemellándonos ó fillo
benquerido de Deus, Xesús. Temos que ir aprendendo a concentrármonos naquilo
que é o esencial, o máis fundamental, da mensaxe cristiá. Unha aprendizaxe que
non pode ser só teórica, senón que ha ser sobre todo viva e práctica. Nestas
festas do tempo de Nadal hai moita fondura e misterio. É nelas onde aparece a
nosa irmandade con Xesús e, en consecuencia, a nosa relación filial con Deus
Pai. Esta é a estrutura básica da nosa fe. Ese foi e é desde sempre o
misterioso proxecto de Deus Pai sobre nós.
Paulo
dínolo na súa carta ós Efesios da segunda Lectura. En Xesús -comenta el- estamos
todos “benditos”. Pois foi nel e “por medio” del como Deus Pai nos “escolleu” e
“predestinou” a todos, “antes da creación do mundo”, para “sermos fillos
adoptivos seus”. Isto é algo que ningún pensamento humano podería sospeitar
desde si mesmo se non nos fose revelado por medio dun Xesús que coñece o seu Pai
Deus como fillo “benquerido”, relacionándose xa que logo con el de maneira
intimamente familiar, única.
Este
Deus Pai é para nós absolutamente infinito e resúltanos, en consecuencia,
totalmente imposíbel entendelo e comprendelo directamente. Comunícase por iso a
nós a través do seu Fillo humanizado, feito home. A un neno, a un coma nós, si
que o podemos en certa medida entendelo. Porque participa da nosa común
humanidade. É así como Xesús se converte na Palabra de Deus, sendo ó mesmo
tempo esta mesma Palabra tan divina coma o Pai que a pronuncia, que a dirixe a
nós. Por iso é tan fondo, tan sublime e -por estraño que poida parecer- tan
doado tamén de entender o que se nos di neste, tan famoso, comezo do evanxeo de
Xoán, que acabamos de proclamar e escoitar.
Xesús
é a “palabra” de Deus Pai ó mundo. É Deus mesmo quen nos dirixe a nós esta súa
palabra. Con iso quedamos automaticamente dignificados. Cando un grande -e non
pode haber ninguén meirande ca Deus- lle dirixe a un a palabra, queda un ipso
facto transformado. Entra un nunha relación insospeitada. Pasamos así de ser un
ninguén, unha nada, algo totalmente insignificante, á dignidade e grandeza de
vérmonos convertidos en “fillos de Deus”. Podemos dicir que nacemos de novo.
Xoán dinos que “nacemos” así da “vontade de Deus”. Ó nacermos deste xeito
divino, recibimos –continúa a proclamar Xoán- “o poder de sermos fillos de
Deus”. Tal e como soa. Non desvaloricemos esta gran mensaxe cristiá: “fillos de
Deus”, adoptivos, mais verdadeiros e auténticos.
Por
iso, esa gran mensaxe de Xesús como “Palabra” de Deus a nós e que nos converte
en fillos de Deus ten unha inconcibíbel capacidade vivificadora e iluminadora.
Nesa palabra, dísenos hoxe no evanxeo, está a “luz” e maila“vida”, pois é Xesús
quen nos di sobre si mesmo: “Eu son o camiño, a verdade e A VIDA”. “Eu son a
LUZ do mundo”. Unha vida que é, xa que logo e ó mesmo tempo, “luz dos homes”,
luz contra a que nada poden facer as tebras. “A Palabra –dinos Xoán- era a
verdadeira luz que aluma a toda persoa que vén a este mundo”. Xesús, palabra de
Deus Pai ó mundo, é para Xoán en definitiva ese novo sol que espalla vida,
calor e luminosidade fronte a calquera clase de morte ou escuridade.
Por
todo isto, Xesús como “palabra” non é unha palabra oca, baleira, abstracta. É,
polo contrario, unha palabra con peso, con contido, con
carne. “A Palabra fíxose carne”, dinos Xoán. Da mesma maneira que Deus Pai é en
si mesmo plenitude, riqueza e realidade infinitas, así o é tamén a súa Palabra.
Non podía ser ela doutra forma. Así, por Xesús podemos saber como é Deus. Este
é o resumo e a conclusión da reflexión de Xoán: “A Deus ninguén o viu; o
Unixénito, que está no seo do Pai, foi quen nolo revelou”.
Deámoslle
grazas a Deus por el ter querido manifestársenos no seu fillo Xesús, aparecendo
entre nós, como nos di tamén Xoán, “cheo de graza e de verdade”.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/2-domingo-de-nadal-c-xoan-11-18/
Comentarios
Publicar un comentario