FICHA E LECTIO + ORACIONAL GALEGO: DOMINGO 6 DE ORDINARIO A
FICHAS ANTERIORES:
Grandeza infinita de Deus
(12 febreiro 2023)
O texto do evanxeo foi xa
suficientemente longo ademais de moi rico e variado no seu contido. De modo que
intentarei comentar unicamente algunhas ideas ou reflexións, simples e sinxelas, que
se me ocorren.
Pois ben, unha das funcións
máis importantes dos nosos encontros comunitarios nas celebracións dos domingos
é, como ben sabemos, a de “agradecer”. Agradecerlle ó Señor porque nos deu a
vida; porque estamos aquí cos nosos familiares e outras persoas e familias
cristiás; porque nos deu e nos segue a dar fe, esperanza e caridade; porque nos
dá azos, coa forza do seu Espírito, para seguirmos adiante na confesión e na
práctica da nosa fe; porque nos promete unha vida que endexamais rematará.
Ó sermos así “agradecidos” co
Señor, estamos ó tempo recoñecendo a súa bondade e grandeza. Unha grandeza, a de
Deus, que supera calquera pensamento, por moi grandes e elevadas que sexan
nosas ideas sobre el. Hoxe en día os que se dedican ó estudo da realidade
material, os científicos que intentan afondar nos máis pequenos elementos da
materia ou aqueles que observan e estudan a inmensidade e grandiosidade do
universo ou dos universos, todos eles decátanse con sorpresa de que a realidade
é moito máis grande e misteriosa do que pensaban.
Agora ben, en principio isto
non debería estrañarnos ou abraiarnos, se é verdade que os produtos que saen da
intelixencia e do poder de calquera creador ou artista teñen que levar en si
unha certa semellanza con quen os ideou ou construíu. Quero dicir: se os
estudosos da materia ou da natureza ademais de se dedicaren á súa especialidade
tivesen tempo e capacidades para reflexionar filosófica ou teoloxicamente sobre
a realidade, decataríanse seguramente tamén de que se Deus é absolutamente
infinito, tamén as cousas que saíron das súas mans deberían asemellarse dalgún xeito
ó seu autor. E que, polo tanto, a realidade tería que ser dalgunha maneira ou
en certo sentido tamén “infinita”.
O que vos estou a comentar
vén a propósito do que acabamos de escoitar nas Lecturas primeira e segunda,
nas que se nos fala da grandeza da “sabedoría” de Deus aínda que nun senso máis
antropolóxico ca estritamente cósmico. O autor do Libro do Eclesiástico dinos
por exemplo: “Grande é a sabedoría do Señor. El é potente e egrexio e todo o
dexerga. Os ollos de Deus contemplan as súas criaturas e El penetra as accións
de cadaquén”. Paulo, na súa primeira carta ós Corintios, comunícalles pola súa
parte ós destinatarios que lles anuncia a misteriosa e insondábel grandeza de
Deus. “Nós predicamos –dilles Paulo- unha sabedoría de Deus, misteriosa”. Tan misteriosa
e grandiosa que non terá reparo algún en engadir: “O que o ollo non viu, o que
o oído non sentiu, e o que non pasou pola mente humana: iso preparou Deus para
os que o aman”.
É dicir, o Deus e Pai noso quérenos
tan de verdade e tan de corazón que nin sequera podemos maxinar o que El ten
preparado para nós. Un agasallo tan grande, en correspondencia co amor que nos
ten, que poderiamos dicir que nos deixará seguramente apampados durante toda a
eternidade. Isto vén ser, falando de maneira moi informal, o que os teólogos chaman
a “visión beatífica”, esa felicidade que Deus quere para nós e á que nos
destinou desde sempre e para sempre.
Iso si. Os que xa se
consideran a si mesmos satisfeitos co que cren ser ou co que teñen non dispoñen
xa posibelmente de capacidade para seren destinatarios da bondade, da
“misteriosidade” e da grandeza de Deus. Ó contrario dos humildes, é dicir, dos
que teñen conciencia de non sermos nada sen o poder do Deus que nos creou e que
nos sostén. Xesús así o dicía en agarimoso diálogo co seu Pai Deus: “Bendito es
ti, Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque revelaches os misterios do Reino
ós humildes”.
Esta misteriosidade e
grandeza de Deus é a razón de que El nos quixese de tal modo que chegase a nos
converter en fillos seus e destinados en consecuencia a un futuro de felicidade
que endexamais rematará. Por iso, as esixencias de Xesús, o noso irmán maior,
en relación connosco están loxicamente en correspondencia con esta nosa especial
e grandiosa situación: a de sermos todos fillos dun mesmo Pai, irmáns polo
tanto entre nós e convidados a formarmos parte desa futura comunidade de
igualdade e irmandade do chamado “Reino dos Ceos”.
Se esa é a verdadeira situación
dos que nos chamamos cristiáns, entón Xesús ten razóns abondas para pedirnos
que, alén do “Non matarás”, nin sequera nos “enrabechemos” entre nós, pois iso non
é comportamento axeitado entre irmáns. Ou tamén para amoestarnos non só a que non
cometamos adulterio externamente comprobábel, senón –tal como se nos di- a que nin sequera o cometamos “no corazón”,
no desexo consentido.
Á fin e o cabo todo pecado é,
segundo a mensaxe de Xesús, un atentado contra a irmandade mutua e, polo tanto,
contra o grandioso destino de Deus.
Manuel Cabada
Castro
Comentarios
Publicar un comentario