25º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C
Primeira Lectura Am 8, 4-7
Contra aqueles que teñen sometidos polo diñeiro aos necesitados
LECTURA DO LIBRO DE AMÓS
Escoitade isto, vós que asoballades o pobre
e exterminades a xente humilde do país;
vós que dicides:
"Cando pasará o festivo da lúa nova para vendermos o trigo
e o sábado para fornecer o gran
traficando ata co farelo,
para minguar a medida,
aumentar o prezo
e defraudar con balanza falsa,
para mercarmos por diñeiro o mendigo
e o pobre pola débeda dun par de sandalias?"
Xura o Señor pola soberbia de Xacob:
"Endexamais esquecerei os seus delitos”.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 112, 1-2. 4-6. 7-8
R/. (cf. 1a e 7b): Loade o Señor, que levanta os pobres.
Ou: Aleluia.
Loade, servos do Señor,
loade o nome do Señor.
Bendito sexa o nome do Señor,
agora e por sempre.
Sobre todos os pobos é excelso o Señor,
sobre o ceo a súa gloria.
Quen se compara ao Señor, noso Deus,
que habita nas alturas
e se inclina para mirar
polo ceo e pola terra?
El ergue do po os indixentes,
levanta da varredura os pobres,
para lles dar asento cos príncipes,
cos príncipes do seu pobo.
Segunda Lectura 1 Tim 2, 1-8
Fáganse oracións por todos os homes a Deus, que quere que todos os homes se salven
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Benquerido irmán:
Rogo primeiro de todo que se fagan peticións, oracións, súplicas, accións de grazas en favor de toda a xente, polos reis e por todos os que ocupan altos cargos, para que poidamos ter unha vida calma e serena baseada na piedade e na decencia.
Isto é fermoso e grato a Deus noso Salvador. El quere que todos os homes se salven e cheguen ao coñecemento da verdade.
Porque hai un único Deus e un único mediador entre Deus e os homes: o home Cristo Xesús, que se entregou como rescate por todos.
Tal é o testemuño dado no tempo oportuno. A min fíxome o seu pregoeiro e apóstolo ‑ digo a verdade e non minto ‑, mestre dos xentís na fe e na verdade.
Por iso quero que en todos os sitios recen os homes levantando as mans limpas, sen ira nin discusións.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA 2 Cor 8, 9
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Xesús Cristo fíxose pobre sendo rico,
para que vós vos fixésedes ricos coa súa pobreza.
Aleluia.
Evanxeo Lc 16, 1-13 (longa)
Non podedes servir a Deus e á riqueza
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
‑ Dunha vez había un home rico que tiña un administrador, do que lle foron contar que estaba a lle acabar cos bens. Chamou por el e díxolle: "Que é iso que sinto falar de ti? Dáme conta da túa administración, que quedas despedido".
O administrador púxose a cavilar: "E agora que vou facer, que quedo sen traballo? Cavar, non podo; e botarme a pedir, dáme vergonza. Ora! Xa sei o que vou facer para que cando me despidan haxa quen me acolla na súa casa!".
Vaise, e chama por cada un dos debedores do seu amo e pregúntalle ao primeiro: "Ti canto lle debes ao meu amo?". El respondeulle: "Débolle cen bocois de aceite". El díxolle: "Pois colle o teu recibo e escribe axiña cincuenta".
Despois preguntoulle ao segundo: "Ti canto debes?". Respondeulle: "Debo cen ferrados de trigo". Díxolle el: "Pois colle o teu recibo e escribe oitenta".
O amo loou a aquel administrador inxusto pola astucia con que actuara, pois os fillos deste mundo son máis asisados nas cousas deles cós fillos da luz.
Por iso eu avísovos:
‑ Facede amigos coas riquezas inxustas, para que cando vos falten, vos acollan nas moradas eternas. Quen é fiel no pouco, tamén será fiel no moito; e quen é inxusto no pouco, tamén será inxusto no moito. Pois, se coa riqueza inxusta non sodes fieis, quen vos vai confiar a verdadeira? E se no alleo non sodes fieis, quen vos vai confiar o voso? Ningún criado pode servir a dous amos, porque ou lle ten xenreira a un e ama o outro; ou ben atende a un e menospreza o outro. Non podedes servir a Deus e mais o diñeiro.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
_______________________________________________________________
Ou: 10-13 (máis breve)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
Quen é fiel no pouco, tamén será fiel no moito; e quen é inxusto no pouco, tamén será inxusto no moito. Pois, se coa riqueza inxusta non sodes fieis, quen vos vai confiar a verdadeira? E se no alleo nos sodes fieis, quen vos vai confiar o voso? Ningún criado pode servir a dous amos, porque ou lle ten xenreira a un e ama o outro; ou ben atende a un e menospreza o outro. Non podedes servir a Deus e mais o diñeiro.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
Comentarios
Publicar un comentario