FICHA E LECTIO: Domingo 29 Ordinario B
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
LECTIO:
Chamados a servir e non a mandar
(17. X.21)
No
“Credo”, o que chamamos o “símbolo da fe”, empezamos por confesar que cremos
nun Deus que é “Pai OMNIPOTENTE”. Sen dúbida que o é Deus. El é infinito en
todo, loxicamente tamén no seu poder. Ocorre porén que este Deus “omnipotente”
exerce ese seu infinito poder dunha maneira moi distinta do que estamos
acostumados a ver, aturar de outros ou facer nós mesmos cos demais.
É
verdade que aí diante, á nosa vista, nas cousas botadas a andar por Deus na
natureza, no mundo, no universo, no interior de nós mesmos percibimos ou, polo
menos, albiscamos ese gran poder de Deus. Mais trátase sempre dun poder que non
forza, que non asoballa, que é paciente, humilde, sinxelo, inocente, diáfano e
aberto, case á maneira do poder dun neno. É en certo sentido como a marca de
fábrica do seu autor, que se comporta nas cousas que el fai como o que el é, un
verdadeiro “Pai-Nai”. Por iso, cando ese mesmo Deus apareza ou se amose no
mundo, entre nós, para nos amosar como é el, veremos para a nosa sorpresa
diante nosa, un neno, o neno de Belén. E entre xente sinxela, pobre e humilde
pasará logo toda a súa vida quen antes fora neno inocente. É dicir, ó lado daqueles
que non teñen poder , coma un máis entre eles.
Non
digo que ese Deus que se nos amosa en Xesús non teña poder ningún. Seguimos a
ter aí diante o retrato vivo (“Quen me ve a min, ve o Pai”) dese Deus Pai
“omnipotente” no que dicimos crer. Mais ese poder infinito do Deus Pai
“omnipotente” é o poder de alguén que creou tamén esa marabilla da nosa
liberdade que intimamente nos constitúe a todos e a cada un de nós. E as
liberdades non se poden tratar a golpe de poder puro e duro, a golpe de
violencia.
Hai
agora case trescentos anos un gran frade bieito, de orixe galega, Martiño Sarmiento,
escribía unha carta a un irmán seu de hábito (nado en Burgos) esta bonita
frase: “a liberdade da persoa é unha cousa tan delicada que incluso Deus a
trata e manexa (séxame lícito dicir isto) con pinzas”.
E
digo eu agora: Por que tales delicadezas de Deus connosco? Pois simplemente
porque a marabilla da nosa liberdade procede de alguén que é absoluta liberdade
e amor, alguén que creou todo e nos creou a todos libremente por amor. Ese
amor, do que dicía moi belamente Dante ó final da súa “Divina Comedia” que é
aquilo que “move o sol e as demais estrelas”.
O que quero dicir con todo
isto é que a relación de Deus connosco ten pouco que ver co “ordeno e mando” e
si moito que ver coa suavidade, a liberdade e, en definitiva, co amor. Un
comportamento que é ben diferente do que con frecuencia podemos observar nas
nosas sociedades. Porque hai xentes ás que lle gusta moito o poder. Un poder
que nestes non está ó servizo dos demais, senón daqueles mesmos que o exercen contra
outros.
Neste sentido, o texto do evanxeo
está suficientemente ben aquelado co que acabo de comentar. Vexamos. Dous dos
mellor situados, para dicilo dalgunha maneira, no grupo dos apóstolos, Santiago
e mais Xoán, van intentar blindar definitivamente o seu status pedíndolle a
Xesús sentar, cando el –tal como se nos di- estea “na súa gloria”, un á súa
dereita e o outro á súa esquerda. Son estes claramente, como é doado ver,
signos de autoridade e de poder. Daquela, Santiago e mais Xoán maxinaban aínda
que Xesús iría por aí, como iría- segundo o seu modo de ver as cousas- calquera
que fose consciente da súa valía e importancia.
De tódalas maneiras, cómpre
engadir aquí que a mentalidade de Santiago e Xoán non parece que fose exclusiva
deles. Porque o feito de que os outros apóstolos se anoxasen con eles, ó lles
escoitar a petición que lle formulan a Xesús, semella dar a entender que os
outros compañeiros tiñan tamén medo de non figurar algo así como ministros ou
conselleiros nese presunto futuro goberno ou “gloria” de Xesús.
A lección que a todos lles
dá Xesús é tan importante e programática que debería figurar con letras de ouro
na nosa intelixencia e no noso corazón e, sobre todo, na nosa normal práctica
vital. Especialmente axeitada, ademais, para cando esteamos en maior ou menor
medida inmersos nalgún tipo de reflexión para a elección dos nosos
representantes políticos. Velaquí van as palabras que, segundo Marcos,
pronuncia Xesús neste importante contexto: “Xa
sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Mais
entre vós non pode ser así. Nin moito menos. Quen queira ser importante, que
sirva a outros, e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis servizal. Que o
Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en
rescate por todos”.
En canto cristiáns
deberiamos, pois, influír, na parte que a cada quen lle toca, en que os que nos
rexen ou mandan non sexan como aqueles que, a teor do que Marcos pon en boca de
Xesús, “tiranizan” ou “asoballan” co seu
“poder”.
En calquera caso, coma
formento que fai levedar toda a masa para se converter en pan quente e mol, o
comportamento de servizo e entrega ós demais debería ser distintivo e sinal
característico da nosa correcta relación con ese Xesús que hai xa moitos anos que
formulou e levou á práctica ditos e feitos tan fermosos e conmovedores.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/29-tempo-ordinario-b-marcos-1035-45-3/
Comentarios
Publicar un comentario