DOMINGO XIV DO TPO.ORDINARIO - ciclo B


Primeira Lectura   Ez 2, 2-5

Son casa rebelde e han saber de certo que hai un profeta no medio deles.

LECTURA DO LIBRO DE EZEQUIEL


            Naqueles días, mentres me estaba a falar, entrou en min un espírito que me puxo de pé, e escoitei o que estaba a falar.

            Díxome:

            — Fillo de Adán, eu voute mandar onda os fillos de Israel, onda un pobo de rebeldes que se reviraron contra min—eles e mais os seus pais—, que pecaron contra min ata o mesmo día de hoxe.

            Estes fillos, que duros son de cara! Que obstinados de corazón! Voute mandar onda eles, e vaslles dicir: “Así fala o Señor”.

            Deste xeito, eles—escóitente ou rexéitente, pois son casa rebelde— han saber de certo que hai un profeta no medio deles.


                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus




SALMO RESPONSORIAL   Sal 122, 1-2a. 2bcd. 3-4

R.: (2cd)Os nosos ollos están postos no Señor ata que El se apiade de nós.


Cara a ti alzo os meus ollos,

cara a ti que moras no ceo.

Coma os ollos do servo

fitan as mans do seu señor.


Coma os ollos da serva

fitan as mans da súa señora,

así os nosos ollos están postos

no Señor, noso Deus,

ata que El se apiade de nós.


Apiádate de nós, Señor, apiádate de nós,

pois estamos fartos de desprezo;

farta está a nosa alma

das burlas dos satisfeitos,

do desprezo dos poderosos.




Segunda Lectura   2 Cor 12, 7-10

Gloriareime na miña debilidade para que habite en min a forza de Cristo

LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS


            Irmáns:

            Debido á grandeza das revelacións, por iso, para que non teña soberbia, espetóuseme un aguillón na carne; un emisario de Satán, para que me pegue lapotes e así non teña orgullo.

            Por tres veces pedinlle ao Señor que o arredase de min, pero respondeume: “Chégache coa miña graza, a forza vese cumprida na fraqueza”.

            Daquela presumirei con gusto das miñas debilidades, para que así resida sobre min a forza de Cristo.

            E por iso gozo nas fraquezas, nas afrontas, nas necesidades, persecucións e angustias que sufro por Cristo; porque, cando estou débil, entón é cando son poderoso.


                        Palabra do Señor                             R.: Grazas a Deus




ALELUIA   Cf. Lc 4, 18

Se non se canta, pódese omitir.


Aleluia, aleluia.

O Espírito do Señor está sobre min,

mandoume evanxelizar os pobres.

Aleluia.


 


Evanxeo   Mc 6, 1-6

Non hai profeta máis desprezado que na súa terra

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS


            Naquel tempo, saíndo Xesús de alí, foise para a súa vila acompañado polos seus discípulos.

            Cando chegou o sábado, empezou a ensinalos na sinagoga. E moita da xente que o escoitaba dicía abraiada:

            — De onde lle veñen a este todas esas cousas? Que sabedoría é esa que lle ensinaron, e como pode facer tantos milagres pola súa man? Non é este o carpinteiro, fillo de María e irmán de Santiago, Xosé, Xudas e mais Simón, e as súas irmás non viven aquí connosco?

            Estaban realmente escandalizados. Pero Xesús díxolles:

            — Non hai profeta máis desprezado que na súa terra, na súa casa, ou entre os seus parentes.

            E non puido realizar alí ningún milagre, fóra dalgunhas curacións que fixo impoñendo as mans. Estaba sorprendido por aquela incredulidade.

            E dedicouse a andar polas aldeas dos arredores ensinando.


                        Palabra do Señor                             R.: Loámoste, Cristo


Comentarios

Publicacións populares