Domingo 4 de pascua C




PRIMEIRA Feit 13, 14. 43-52
Velaí volvémonos ós xentís
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

14Pasando Paulo e mais Bernabé desde Perxe, seguiron a Antioquía de Pisidia. Un día de sábado entraron na sinagoga e sentáronse. 43Moitos xudeus e prosélitos practicantes seguiron a Paulo e Bernabé, que, falando con eles, os animaban a perseverar na gracia de Deus.

44Para o outro sábado xuntouse case toda a cidade para escoita-la palabra de Deus, 45pero os xudeus enchéronse de envexa, ó veren tanta xente, e opoñíanse cos insultos ó que Paulo dicía. 46Entón Paulo e Bernabé dixeron ousadamente:
-Tiñamos que anunciárvo-la palabra de Deus primeiro a vós; pero, visto que a refugades e non vos considerades dignos da vida eterna, volvémonos cara ós pagáns; 47pois así nolo mandou o Señor: Púxente como luz das nacións, para leváre-la salvación ata os confíns da terra.

48Os pagáns, sentindo isto, enchíanse de alegría, louvando a mensaxe do Señor; e creron tódolos que estaban destinados á vida eterna. 49Deste xeito a palabra de Deus espallábase por toda a bisbarra.

50Pero os xudeus encirraron ás señoras de alta categoría que eran devotas e ós principais da cidade e promoveron unha persecución contra Paulo e Bernabé, expulsándoos do seu territorio.

51Estes, sacudindo contra eles o po dos seus pés, marcharon para Iconio, 52mentres os discípulos ficaban cheos de alegría e do Espírito Santo.



SALMO RESP. Sal 99, 2. 3. 5
R/ (3c): Nós sómo-lo seu pobo e o seu rabaño

2servide o Señor con alegría,
achegádevos con cántigas á súa presencia.

3Sabede que o Señor é Deus,
que El nos fixo e que del somos,
o seu pobo, o seu rabaño.
5porque o Señor é bo.

O seu amor dura por sempre;
por xeracións a súa fidelidade.


SEGUNDA Ap 7, 9. 14b-17
O Año será o seu pastor e levaraos ás fontes de auga
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA APOCALIPSE DE SAN XOÁN

9Eu, Xoán, mirei e vin un mundo de xente, que ninguén era capaz de contar, de tódalas nacións, tribos, pobos e linguas, en pé diante do trono e do Año. Vestían roupa branca e levaban ramallos de palma nas mans.

14E díxome un dos anciáns: "Estes son os que veñen de pasa-las súas grandes penas; lavaron os seus vestidos e branquexáronos co sangue do Año.

15Por iso están diante do trono de Deus,
e adórano día e noite no seu santuario.
E quen está sentado no trono chantará a súa tenda cabo deles.
16Non terán máis fame nin sede,
nin caerá endexamais sobre eles o sol,
nin ningunha queimadura del.
17Porque o Año, que está no medio do trono, será o seu pastor,
levaraos ás fontes de auga
e Deus enxugará dos seus ollos toda bágoa".


 ALELUIA Xn 10, 14
Eu son o bo pastor, di o Señor;
coñezo ás miñas ovellas e elas coñécenme a min


EVANXEO Xn 10, 27-30
Eu dóulle-la vida eterna ás miñas ovellas
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

Di Xesús:
27As miñas ovellas escoitan a miña voz: eu coñézoas e elas séguenme; 28eu doulles vida eterna, e non se perderán para sempre: ninguén mas quitará da man. 29Meu Pai, que mas deu, é máis ca todos, e ninguén pode arrepañalas da man do Pai. 30Meu Pai e mais eu somos un.


Comentarios

Publicacións populares