Ficha e Lectio - Domingo 29 de Ordinario B
FICHAS ANTERIORES:
LECTIO:
DOMINGO XXIX T. O.
(Ano B: 21 de outubro
de 2018)
No
“Credo”, o que chamamos o “símbolo da fe”, empezamos por confesar, movidos polo
mesmo Espírito de Deus, que cremos nun Deus que é “Pai OMNIPOTENTE”. Sen dúbida
que Deus é así. El é infinito en todo, loxicamente tamén no seu poder. O que
pasa é que este Deus noso exerce ese infinito poder seu dunha maneira moi
distinta do que estamos acostumados a ver, aturar de outros ou facer nós mesmos
cos demais.
É
verdade que aí diante, á nosa vista, nas cousas feitas ou botadas a andar polo
noso Deus, na natureza, no mundo, no universo, no interior de nós mesmos
percibimos ou, polo menos, albiscamos este gran poder de Deus. Mais trátase
sempre dun poder que non forza, que non asoballa, que é paciente, humilde, sinxelo,
inocente, diáfano e aberto coma o poder dun neno. É a marca de fábrica do seu
autor, que se comporta nas cousas que El fai como o que el é, unha verdadeira
“Pai-Nai”. Por iso, cando este Deus apareza ou se amose no mundo, entre nós,
para nos dicir como é El, veremos para a nosa sorpresa diante nosa, un neno, o
neno de Belén. E entre xente sinxela, pobre e humilde pasará logo toda a súa
vida este que fora neno inocente. É dicir, ó lado dos que non teñen poder ,
coma un máis entre eles.
Non.
Non digo que ese Deus que se nos mostra en Xesús non ten poder ningún. Seguimos
a ter aí diante o retrato vivo (“Quen me ve a min, ve ó Pai”) dese Deus Pai
“omnipotente” no que dicimos crer. Mais ese poder infinito do Deus Pai
“omnipotente” é o poder de alguén que creou tamén esa marabilla da nosa
liberdade que nos constitúe intimamente a todos e cada un de nós. E as
liberdades non se poden tratar a golpe de poder puro e duro, a golpe de
violencia.
Hai
agora case trescentos anos un gran galego, escribía o frade bieito Martiño
Sarmiento (nado, ó que parece, nesta provincia de Pontevedra a menos dunha hora
de viaxe en coche desde aquí) nunha carta a un irmán seu de hábito (nado en
Burgos) esta bonita frase: “a liberdade da persoa é unha cousa tan delicada que
incluso Deus a trata e manexa (séxame lícito dicir isto) con pinzas”.
E
digo eu agora: Por que tales delicadezas de Deus connosco? Pois simplemente
porque a marabilla da nosa liberdade procede de alguén que é absoluta liberdade
e amor, alguén que creou todo e nos creou a todos libremente por amor. Ese
amor, do que dicía moi belamente o poeta italiano Dante ó final da súa “Divina
Comedia”
que é aquilo que “move o sol e as demais estrelas”.
Como fillo único dese Deus
Pai, que é totalmente Liberdade e Amor, Xesús ten nisto naturalmente as ideas
moi claras. Son conceptos e comportamentos que semella que están tardando
demasiado en se instalar nas nosas sociedades. Porque hai xentes ás que lle
gusta moito o poder. Un poder que neles non está ó servizo dos demais, senón dos
mesmos que teñen e exercen un tal poder deturpado.
Pois ben, o evanxeo de hoxe
está suficientemente ben aquelado con algo do que vos acabo de comentar.
Vexámolo brevemente. Dous dos mellor situados, para dicilo dalgunha maneira, no
grupo dos apóstolos, Santiago e mais Xoán, van intentar blindar definitivamente
o seu status pedíndolle a Xesús sentar, cando el –como se nos di- estea “na súa
gloria”, un á súa dereita e o outro á súa esquerda. Son estes claramente, como
podedes doadamente ver, signos de autoridade e de poder. Santiago e mais Xoán
maxinaban daquela aínda que Xesús iría por aí, como iría- segundo eles
pensaban- calquera que fose consciente da súa valía e importancia.
De tódalas maneiras, cómpre
engadir aquí que a mentalidade de Santiago e de Xoán non parece que fose
exclusiva deles. Porque o feito de que os outros apóstolos se anoxasen con
eles, ó oírlles tal petición a Xesús, semella dar a entender que os outros
tiñan tamén medo de non figurar algo así como ministros ou conselleiros nese presunto
futuro goberno ou “gloria” de Xesús.
A lección que a todos lles
dá Xesús é tan importante e programática que debería figurar con letras de ouro
na nosa intelixencia e no noso corazón e, sobre todo, na nosa práctica vital
continua. Especialmente axeitada ademais para cando estamos en maior ou menor
medida inmersos nalgún tipo de reflexión para a elección dos nosos
representantes políticos. Lembrade as palabras de Xesús: “Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os
asoballan. Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos. Quen queira ser
importante, que sirva a outros, e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis
servizal. Que o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a
entregar a súa vida en rescate por todos”.
Como cristiáns deberiamos
influír, na parte que nos toca, en que os que nos rexen ou mandan non sexan
como eses dos que fala Xesús, que “tiranizaban” ou “asoballaban” co seu “poder”. En calquera caso, coma formento que fai
levedar toda a masa para se converter así en pan quente e mol, o comportamento
de servizo e entrega ós demais debería ser distintivo e sinal característico da
nosa correcta relación con ese Xesús que hai tantos anos xa que formulou e levou
á práctica ditos e feitos tan fermosos e conmovedores.
Como hoxe é ademais o
“Domingo Mundial da Evanxelización dos Pobos” ou o “Domingo Mundial das
Misións”, deberiámoslle pedir tamén ó Señor que suscite entre nós persoas que
teñan o servizo ós demais como lema das súas vidas, persoas que saiban ofrecer
con humildade a tódalas xentes e culturas a mensaxe liberadora, sandadora de
Xesús.
Porque Xesús veu onda nós e
vive entre nós polo seu Espírito, non para se quedar pechado nos lindeiros dos
que oficialmente nos consideramos “cristiáns”, senón para se constituír en vida
e felicidade para cantos o buscan, aínda sen sabelo, en calquera parte do
mundo, “sexan –tal como dicía o Pai Seixas- de calquera raza ou relixión que
sexan”.
Pois se Xesús criticaba no
texto comentado os xefes políticos
dos pobos como “tiranos” ou “asoballadores”, igualmente o faría con aqueles
xefes relixiosos, grandes ou pequenos, que pola súa parte intentasen tamén forzar as
persoas a se facer membros dunha concreta e determinada relixión, sexa esta a
que fose.
Redutos opresores e
asoballantes coma eses terían que abrir de par en par as súas ventás para que
por elas poida entrar o Espírito, é dicir, ese aire fresquiño, saudábel, libre
e servizal de Xesús que tanta falta lle fai ó mundo.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Pedímoslle a Deus
Pai que atenda a nosa oración, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Dános, Pai, un
sincero aprecio do don da liberdade que nos deches, defendéndoa e loitando a
prol dela en calquera circunstancia.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Concédenos, Pai,
espírito de amor e servizo ós demais, para podermos así asemellarnos ó teu
fillo Xesús, que se entregou plenamente a nós.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Bendí, Pai, a
cantos se esforzan en anunciar a boa nova do teu fillo Xesús a pobos e persoas
que non saben dela.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario