Cuarta Semana de Coresma


4ª SEMANA de CORESMA 
Xuntos damos cor AO MUNDO


LUNS

No Evanxeo de hoxe, Xesús estaba en Cafarnaún e falou con el un home que tiñá un fillo enfermo. Sabendo que Xesús pasaba por alí camiño de Galilea, esperouno e pregoulle que baixase a cura-lo seu fillo. Díxolle Xesús: "Se non vedes sinais e prodixios, non credes" e logo "Vaite, o teu fillo vive". Xn 4, 43-54

É fácil pensar que Deus non nos escoita cando as cousas van mal, pero Xesús nos ensina que debemos confiar, isto tamén nos pasa a diario coas persoas que están ao noso arredor, non comprendemos, non confiamos, ás veces non sabemos o que pasa no corazón e na vida dos outros e debemos confiar, comprender, esperar. Pídelle a Xesús que te axude a confiar nos outros, eles tampouco poden ler no teu corazón, aprendamos a ter fe nos outros.

MARTES
En Xerusalén había unha piscina chamada Betzatá, onde estaban tendidos moitos enfermos. Entre eles había un que levaba moito tempo alí tendido. 
Xesús se compadeceu e díxolle: Queres curarte? 
Respondeu: Non teño a ninguén que me meta cando se remove a auga. 
Xesús díxolle: "Levántate, colle a túa padiola e anda". 
Naquel momento o home recobrou a saúde e comezou a camiñar. ( Cfr. Xn. 5,1-9)

Xesús compadécese deste enfermo. Nós estamos aquí para axudarnos uns a outros nas dificultades que atopamos no noso camiño. Ás veces cústanos camiñar e estamos tombados na nosa padiola da comodidade. Hoxe Xesús achégase a nós e dinos : levántate!, comeza a camiñar!, non deas nada por perdido! Se estás paralizado nos teus estudos comeza!, busca a man amiga, pide a Xesús que cure a túa preguiza ou o teu desánimo. El está disposto a botarche unha man.

MÉRCORES
Hoxe imos reflexionar un pouco sobre a fe, o evanxeo de hoxe fala da nosa necesidade de Deus. O pai do rapaz epiléptico atreveuse a dicirlle a Xesús, nunha soa frase, con toda a forza que confire a angustia: « Creo, Señor, axuda á miña pouca fe » (Marcos 9, 24).

Esta oración podémola repetir nós con frecuencia: Xesús, eu quero ter fe, quero crer, asáltanme as dúbidas será verdade?, existirás?, non será todo un conto?
Antes era máis fácil crer sostidos como estabamos polo ambiente, pola nosa familia. Hoxe, non funciona da mesma maneira. A fe converteuse en algo máis persoal. A miúdo distínguenos dos máis próximos, ou rin de nós e sinálannos. É certo que na situación na que vivimos actualmente a presenza da dúbida faise máis insistente que nunca, pero ti, Xesús, saes ao noso encontro e axúdasnos a optar
libremente pola fe. Fiámonos de ti. A túa Palabra convéncenos e dicímosche "Señor, creo, pero aumenta a miña fe".
«No máis profundo da condición humana descansa a espera dunha presenza, o desexo silencioso dunha comuñón. O simple desexo de Deus é xa o comezo da fe.» (hno.Roger, de Taizé)

XOVES
Di hoxe Xesús no Evanxeo de Xoán: "Eu vin de parte do meu Pai, pero vós non me aceptades; en cambio aceptariades a calquera outro que viñese en nome propio". (Xn.5,43)

Cremos en cousas segundo a persoa que nolo conte. Aceptamos ás persoas polas súas cancións, polos seus movementos corporais polo seu "dar patadas ao balón ben", polo diñeiro que teñen e a moda que seguen. Gritamos, entusiasmámonos, corremos detrás deles e que nos queda? O ídolo de hoxe pasará ao esquezo mañá. Que lles pasa a estes ídolos para que nun momento caian do pedestal ou aparezan un día, envelenados por se mesmos a base de somníferos ou outros medicamentos? Lembras a algún ídolo de hai poucos anos que xa non o sexa? Preguntámonos Onde pomos a nosa fe? Xesús convídanos hoxe a crer nel.
Deus non pasa, sempre está a nos esperar e merece a pena aceptalo nas nosas vidas.

VENRES
Cada vez estamos máis preto da Semana Santa. Xoán no seu evanxeo (Cfr.10,31-38) non conta que os xudeus tentaron de novo apedrear a Xesús. Pero Xesús díxolles: Moitas obras boas fixen ante vós en virtude do poder que recibín do meu Pai; por cal delas queredes apedrearme?
Contestáronlle: Non queremos apedrearte por ningunha obra boa, senón pola blasfemia que proferiches contra Deus: ti que es un home como os demais pretendes pasar por Deus.
Xesús díxolles: se non realizo as obras do meu Pai, non me creades, pero se as realizo, fiaos delas,
aínda que non queirades fiarvos de min.

No noso mundo, tan afastado de Deus, temos que dar testemuño coas nosas obras, non só coas nosas palabras. E as obras principais dun cristián xa sabemos cales son: o amor, a misericordia, a axuda incondicional, o obrar con liberdade, o ser honestos, nunha palabra: o ser "boas persoas, sen egoísmos ou falsidades". Xesús pídenos que cambiemos a nosa forma de actuar e sexamos testemuñas súas.


SÁBADO: ORACIÓN




LECTURAS:
Lecturas Semanais


Comentarios

Publicacións populares