Ficha e Lectio - Domingo 20 Ordinario A

DEBUXOS DE : 

VER TAMÉN:


LECTIO:
DOMINGO XX T. O. 
(20 de agosto de 2017)

En canto boa nova, en canto alegre noticia, é o evanxeo unha verdadeira escola de formación humana. O grande, o marabilloso da mensaxe de Xesús é que, tratándose de algo de hai tantos séculos, poida seguir sendo actual, fecundo e innovador en tempos tan distantes coma os que estamos a vivir xa ben entrados como estamos no século XXI.
A razón desta continua actualidade do evanxeo consiste en que nel se nos narran fondas experiencias que podemos chamar humano-divinas. Quero dicir con isto que por medio do evanxeo temos constancia, de maneira moi sinxela, do que ocorreu entre nós con alguén que se nos mostrou ó tempo como “fillo do home” e como “fillo de Deus”. De modo que, sendo isto así, podemos entender dalgún xeito que o evanxeo sexa sempre “novo” ou que non envelleza nunca. Pois o Deus que se nos manifesta en Xesús nos evanxeos é o mesmo Deus sempre igual a si mismo, que non vive no tempo senón nunha eternidade sen comezo nin fin. Unha eternidade, pois, sempre “moza”. Por iso o Xesús que nos manifesta a Deus Pai está presente a tódalas épocas da historia. Por iso nos entende el ben e a todos. Tanto ós que nos precederon como a nós mesmos e ós que virán detrás de nós.
Non hai moito, falando do mar, contáronme que un mariñeiro comentara unha vez que ó mar hai que lle ter sempre respecto, porque é sempre mozo. As súas forzas non diminúen co paso dos anos. Ondas e vagas do mar manteñen teñen sempre, pasen anos ou séculos, a súa forza. O noso poeta medieval Martín Códax respectaba e admiraba moito as que el chamaba “ondas do mar de Vigo”. Unha das súas estrofas, de hai xa máis de sete séculos, empezaba así: “Mia irmá fremosa, treides comigo / a la igreja de Vigo, u é o mar salido / E miraremos las ondas!” (así era o noso galego de entón). O mar é, á fin e ó cabo, unha desas criaturas de Deus nas que se reflicte tamén dalgunha maneira a forza e a constante mocidade do seu Creador.
Quero dicir con todo isto que, se o mar é sempre mozo, moito máis o é e será sempre a palabra de Deus, concretamente o seu evanxeo (a súa “boa nova”) a través dos tempos. A súa palabra é, pois, sempre “nova”, sempre “moza”. Falamos hoxe con frecuencia de que nos tocou vivir nunha época na que xentes de moi diversas culturas, relixións, linguas e razas andan mesturadas unhas con outras. As reaccións ante estes feitos son moi diversas. Uns compórtanse como racistas ou excluíntes dos que non son ou non se comportan coma eles. Outros desenténdense simplemente daqueles que lles resultan alleos. Posiblemente non sexan moitos os que chegan a seren capaces de consideralos verdadeiros irmáns, tratándoos con afecto, acolléndovos tal e como son.
Unha escena deste tipo é a que nos presenta o evanxeo de hoxe. Unha muller cananea diríxese berrando a Xesús, pregándolle que sande á súa filla. Os cananeos non pertencían ó grupo dos xudeus, adoraban outros deuses. Podemos dicir, polo tanto, que tiñan outra cultura ou outros modos de proceder. Mais ela vai romper con clixés e tópicos. Na súa ruptura con estas tradicionais separacións culturais e sociais, entende por encima de todo que tanto ela coma a súa filla, tanto o mestre Xesús coma os seus discípulos eran iguais en canto seres humanos, máis alá das diferenzas culturais. Todos temos iguais ou parecidas necesidades, todos queremos vivir, todos queremos recuperar a saúde deteriorada, todos queremos amar e sentírmonos amados. E isto é en definitiva o máis importante e decisivo.
Tal e como se nos refire no texto do evanxeo, a muller acabou triunfando sobre un Xesús que nos primeiros momentos semellaba querer aterse ás tradicionais diferenzas e separacións entre xudeus e cananeos. Ela discute e razoa con Xesús, con teima e sutileza, como o podería facer hoxe en día e en semellante situación calquera nai á que o que máis lle importa son sempre os seus fillos. E Xesús acaba rendéndose ante a fe da muller cananea, esa persoa allea á relixión e ós costumes xudeus, mais que no seu corazón posuía unha fe fonda. “Muller, a túa fe é ben grande”, exclamará Xesús ó final.
A muller cananea non pertencía oficialmente á relixión xudía, a que practicaban Xesús e os seus discípulos. Mais posuía en cambio unha fe e un amor moi grandes. Unha fe que lle axuda a crer que Deus pode todo e que é quen de se manifestar nos seus enviados e profetas, como ocorre con Xesús, o enviado por Deus Pai ó mundo. E se a fe é capaz de mover montañas, aquí podemos dicir que se amosa aínda case máis poderosa en canto que é capaz de mover o mesmo Deus que se manifesta en Xesús.
Agora ben, esa fe da muller cananea é, en último termo, grande e poderosa porque está baseada nun amor moi grande: o amor que ela lle ten á súa filla. Cando a fe e o amor se conxuntan así, entón non hai cousa que non sexan elas capaces de acadar.
Nos tempos actuais temos que animarnos a sermos coma a muller cananea. Animarnos a ter unha fe e un amor moi grandes en tódalas circunstancias da nosa vida. Mais para iso debemos practicar tamén o que practicaba esta muller crente e amante. Ela oraba, falaba con Deus, discutía con Xesús, o Fillo “benquerido” de Deus. E facíao dunha maneira moi espontánea e natural, sen actitudes ríxidas, preparadas, aprendidas ou programadas. Tal e como fan calquera filla ou fillo pequenos con seu pai ou con súa nai, sen precisaren de ninguén que antes llelo aprendan.
Oía eu, xunto con outras persoas, hai xa moitos anos a alguén do que se comentaba que era un gran entendido no tema da oración, é dicir, de como habería que dirixirse a Deus na oración. Lémbrome da angustia e preocupación que el expresaba ante nós, cando nos comentaba: “Temos que resolver –dicíanos el- o problema da oración!!!”. Pola miña parte, debo dicirvos que, nin entón nin moito menos despois, fun capaz de entender por que iso de falar con Deus, do que confesamos que é o noso Pai, o noso “paiciño”, podería converterse nun “problema” tan grande e complicado...
Polo menos, á cananea non parece que lle resultase ser a oración problema ningún. Orar, é dicir, falar con quen lle pode axudar, dialogar e discutir con el, era o máis lóxico e natural que podía facer ó estar ela chea dunha gran fe no poder e na bondade de Deus e dun grande amor ós seus próximos, no seu caso a súa filla enferma.
Como vedes, o “templo de Deus”, do que na Lectura nos di Isaías que se chamará “casa da oración para tódolos pobos”, convértese así no lugar, natural e íntimo, onde Deus está tranquilamente connosco e nós con el. Unidos pola fe no noso Pai Deus e polo amor ás persoas do mundo enteiro. Iso é o que queremos facer nestes nosos encontros dominicais. Encontros agradecidos e amorosos con Deus e cos irmáns.

ORACIÓN DOS FIEIS:
Dirixímoslle a Deus Pai a nosa oración, pregándolle coa confianza de fillos seus que nos aprenda a orar como a muller cananea, dicindo: Escóitanos, Pai. 
TODOS: Escóitanos, Pai.

- Dános, Pai, unha fe firme e decidida no teu poder e na túa bondade. 
Todos: Escóitanos, Pai.
- Concédenos, Pai, un grande amor a todos, especialmente ós que máis precisan da túa e da nosa axuda. 
Todos: Escóitanos, Pai.
- Ábrenos, Pai, ás necesidades de tódalas persoas, de calquera cultura, lingua ou relixión. 
Todos: Escóitanos, Pai.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, Noso Señor. AMÉN.

Manuel Cabada Castro


VER MÁIS:






Comentarios

Publicacións populares