Ficha e Lectio - Domingo 13 Ordinario A

FICHAS ANTERIORES:



LECTIO:
DOMINGO XIII T. O. 
(Ciclo A: 2 de xullo 2017)

            No comentario sobre o texto de Mateo do evanxeo voume inspirar noutro comentario sobre o mesmo texto do coñecido teólogo e bo coñecedor da Biblia, José Antonio Pagola, sobre o que algúns de vós seguramente oístes  falar algunha vez. Pola miña parte, identifícome bastante coas ideas del sobre a persoa de Xesús, que están moi en consonancia co modo xeral de sentir e de percibir das xentes do noso tempo.
            Pois ben, no texto de Mateo atopámonos cunha serie de afirmacións, máis ben esquemáticas, que Mateo pon en boca de Xesús e que nos poden resultar un tanto duras ou difíciles de interpretar no contexto doutras manifestacións, máis básicas ou centrais, dos evanxeos. Dísenos por exemplo neste texto de Mateo: “Quen ama a seu pai ou a súa nai máis ca a min, non é digno de min”; “quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min”, etc.
            A verdade é que na mensaxe de Xesús hai que procurar atender sempre, da mellor maneira posible, á estrutura xeral ou fundamental. Esta non debería endexamais ser descoidada ou esquecida. Refírome sobre todo ó anuncio básico de que todos somos queridos en Xesús polo pai Deus e de que en consecuencia nos debemos comportar mutuamente como irmáns. Coa alegría e mutua satisfacción que todo isto leva esencialmente consigo.
            A linguaxe de Xesús sobre as nosas renuncias ou sobre as cruces que nos tocará levar na vida ha ser entendida, polo tanto, como algo que de feito acompañará con frecuencia o noso seguimento de Xesús; mais non como algo que se derivase directamente da mensaxe mesma cristiá, coma se esta mensaxe en canto tal esixise dores e sufrimentos como condición intrinsecamente necesaria para o auténtico ser cristián. De feito, así semella que o entendían, en parte alomenos, determinadas prácticas penitenciais que os máis maiores entre nós aínda temos nalgún grao vivido.
            Neste sentido comenta con razón o aludido experto o seguinte (e penso que paga a pena atender o que nos di):
            “Xesús non quería ver sufrir a ninguén. O sufrimento é malo. Xesús endexamais o buscou nin para si mesmo ni para os demais. Ó contrario, toda a súa vida consistiu en loitar contra o sufrimento e o mal que tanto dano fan ás persoas. As fontes preséntano sempre combatendo o sufrimento que se esconde na enfermidade, nas inxustizas, na soidade, na desesperanza ou na culpabilidade. Así foi Xesús: un home dedicado a eliminar o sufrimento, a suprimir inxustizas e a contaxiar forza para vivir”.
            Antes de volver ó comentario de Pagola, cómpre que nos decatemos de que Xesús non era un simple e abstracto teórico das relixións sen contacto coa realidade histórica concreta, senón que estaba moi implicado na vida real e sufrinte da xente do seu tempo. Sabía dos intereses e das tensións existentes no seo dunha sociedade conflitiva, tal como o era a do seu tempo e como aínda segue a ser tamén a nosa. Xesús non era neste sentido un inxenuo idealista. A unión filial co seu Pai Deus e o contacto coa xente do seu tempo aprendéronlle a ver con xusteza a realidade tal como ela é. Neste sentido continúa a comentar o teólogo guipuscoano:
            “Xesús sabía por experiencia que buscar o ben e a felicidade para todos trae consigo moitos problemas. Non se pode estar cos que sofren e buscar o ben dos últimos sen provocar o rexeitamento e a hostilidade daqueles ós que non lles interesa cambio algún. É imposible estar cos crucificados e non verse un día ‘crucificado’. Xesús non llelo ocultou nunca ós seus seguidores”.
            É neste momento cando no seu comentario alude Pagola ás palabras que xa vos citei máis arriba e que Mateo pon en boca de Xesús: “Quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min”. Pois ben, tras lembrar estas mesmas palabras do texto do evanxeo dinos el:
            “Non podía ter elixido unha linguaxe máis gráfica (‘Quen non carga coa súa cruz e me segue, non é digno de min’). Todos coñecían a imaxe terrible do condenado que, espido e indefenso, era obrigado a levar sobre as súas costas o madeiro horizontal da cruz ata o lugar da execución onde esperaba o madeiro vertical fixado en terra. ‘Levar a cruz’ era parte do ritual da crucifixión. O seu obxectivo era que o condenado aparecese ante a sociedade como culpable, un home indigno de seguir vivindo entre os seus. Todos descansarían véndoo morto. Os discípulos trataban de entendelo.
            Xesús víñalles dicir máis ou menos o seguinte: ‘Se me seguides, tendes que estar dispostos a serdes rexeitados. Pasaravos o mesmo ca a min. Ós ollos de moitos, pareceredes culpables. Condenaranvos. Buscarán que non molestedes. Teredes que levar a vosa cruz. Parecerédesvos entón máis a min. Seredes dignos seguidores meus. Compartiredes a sorte dos crucificados. Con eles entraredes un día no reino de Deus”.
            E remata Pagola o seu comentario da seguinte maneira: “Levar a cruz non é buscar ‘cruces’, senón aceptar a ‘crucifixión’ que nos chegará se seguimos os pasos de Xesús. Así de claro”.
            E quero só engadir eu unha breve reflexión, xa para concluír. Está en relación con esta outra frase do texto do evanxeo que Mateo pon tamén en boca de Xesús a continuación das anteriores: “Quen encontre a súa vida, perderaa; mais quen a perda por min, encontraraa”. Así é de sorprendente e paradoxal o seguimento de Xesús, pois é precisamente alí onde todo semellaba ter rematado nun absoluto fracaso onde vai xurdir a vitoria derradeira e definitiva. O “misterio absoluto”, que é e será sempre Deus para nós, instálase así definitivamente no acontecemento de Xesús e nas nosas propias vidas. Toda a nosa vida, a nosa morte e a nosa resurrección son un gran misterio, pois todo iso ocorre á beira mesma do misterio de Deus.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS

            Pidámoslle a Deus Pai por medio do seu Fillo Xesús que escoite a nosa oración dicindo: ESCÓITANOS, PAI. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.

- Ilumínanos, Pai, nos camiños do noso seguimento de Xesús, que é para nós “o camiño, a verdade e maila vida”. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Dános, Pai, azos para empregármonos a fondo, coma o teu fillo Xesús, na busca e promoción do ben e da felicidade das persoas e dos pobos. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Fai, Pai, que non rexeitemos a cruz e os sufrimentos que o compromiso da nosa fe coa xustiza e a fraternidade esixan de nós. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

PEDÍMOSCHO, PAI, POR XESÚS CRISTO NOSO SEÑOR. AMÉN.


Manuel Cabada Castro




VER MÁIS: 





Comentarios

Publicacións populares