Ficha e Lectio: Santa María, Nai de Deus
DEBUXOS DE:
LECTIO:
STA. MARÍA
NAI DE DEUS
(Ano A: 1 de xaneiro 2017)
Cansados
como estabamos ata as doce desta noite pasada co ano vello e cheo de días que
levabamos ó lombo, agora seguramente andaremos máis lixeiros co pequerrexo ano
que levamos no colo e que se chama 2017.
Si.
Todos temos, dunha forma ou doutra, esa experiencia do tempo que pasa e que vai
pasando connosco. Se non houbese anos que contar, noite vella e aninovo,
abrentes e solpores, noites e días, resultaríanos menos doado dármonos conta do
paso do tempo.
Moitos
filósofos, pensadores, físicos teóricos, etc. intentaron e intentan saber en
que consiste realmente o tempo. O malo é que nós estamos tan identificados con
el que nos resulta difícil velo, coma quen di, fóra ou diante de nós, a una
certa distancia, para podérmolo contemplar así en si mesmo se é que tal cousa
for posíbel.
Dicimos
que Deus vive na súa propia eternidade e que nós vivimos no tempo. O caso é que
este Deus que chamamos intemporal se meteu, co seu Fillo Xesús do Nadal, no
tempo. De maneira que, irmáns como somos de Xesús e participantes así da súa
divindade (como nos di a propia liturxia), temos todos algo de temporais e algo
de eternos. Somos persoas humanas e, coma tales, limitadas, mais tamén
entendemos dalgunha maneira iso de sermos eternos e, ademais, querémolo ser. A
quen non lle gustaría vivir cen, mil, un millón de anos, vivindo ademais, como
se adoita dicir, cunha boa “calidade de vida”, sen que parecese –por así
dicilo- que o tempo pasa por un?
Con
isto o que quero dicir é que, ó rematar un ano e dar comezo o novo, deberiamos
darlle grazas a Deus por permitirnos asomarnos ó balcón soleado deste Aninovo,
podendo así un ano máis ollar con esperanza cara ó futuro. Grazas e, tamén,
pedirlle perdón porque hai moita contaminación no mundo para podermos chegar
limpos de po e palla ata o final do ano. Se o xusto peca sete veces, cantas
máis veces non teremos pecado nós, que tampouco podemos fachendear de xustos,
pois isto mesmo sería xa un pecado máis a engadir ós que xa temos.
Á
altura deste comezo do Aninovo, é sempre bo botarlle unha ollada ás tarefas,
proxectos ou angueiras que se nos presentan ou poden presentar nel. Para vermos
se están ou non en liña con aquilo que somos ou queremos ser. É moi posíbel que
a todos nos conveña medrar aínda máis no senso da nosa común fraternidade, derivada
de sermos e sentírmonos fillos dun mesmo Pai, do noso común Pai Deus. Polo
menos cara a isto parece apuntar a Segunda Lectura de hoxe, tomada da carta do
apóstolo Paulo ós Gálatas. Dinos nela Paulo que Deus Pai nos mandou o seu
Fillo, nado dunha muller, para deste xeito podérmonos converter tamén nós en
fillos de Deus; e que por iso todos
podemos invocar a Deus chamándoo “¡meu Pai!”; e que de aquí provén tamén o
feito de que sexamos de verdade “herdeiros” das grandezas e riquezas de Deus
Pai. “Por seres fillo –dinos a cada un de nós Paulo- es tamén, grazas a Deus,
herdeiro”.
A
carta ós Gálatas de Paulo é unha grandiosa e persistente loa da “liberdade”. É
bo lembralo a comezos de ano. Por moito que algúns pensen que os cristiáns
estamos sometidos a un Deus ameazador, a verdade é que temos dereito e moi boas
razóns para considerármonos ben libres. Libres no noso comportamento e na nosa
relación con Deus e con todos. Dínolo Paulo de maneira clara nesta súa carta de
hoxe: “Ti xa non es escravo, senón fillo”.
Por
iso este día primeiro de ano é tamén o “Día Mundial da Paz”. E está claro que
non pode haber “paz” onde hai asoballamento ou escravitude. Un cristián no
debería endexamais aturar ser “escravo” de ningún Deus nin de ningunha persoa
humana, por grande, poderosa ou santa que esta sexa. Deus fíxonos en Xesús
libres e quérenos así.
Naturalmente,
esta liberdade non é unha liberdade calquera. A liberdade cristiá é, de maneira
paradoxal, a liberdade de quen libremente se fai “escravo” dos demais en servizo
e amor a eles. Este tipo de “escravitude” si que é boa. Exerceuna o noso irmán
maior, Xesús, durante toda a súa vida, chegando a lles lavar os pés (un oficio
que naqueles tempos era propio dos escravos) ós seus discípulos na derradeira
cea. É a liberdade dunha Teresa de Calcuta, que se fai voluntariamente escrava
de asoballados e desprezados, e a de tantas outras persoas (cristiáns ou non)
que intentaron e intentan crear liberdade por onde queira que van facéndose a
si mesmos libremente escravos dos demais.
No
mundo pertencemos todos a unha mesma familia en canto fillos dun mesmo Pai
Deus. Se o noso irmán maior Xesús non quixo nacer nunha casa normal, senón
nunha corte, e morrer nunha cruz en vez de nun leito de rosas sería seguramente
para que ningún desgraciado deste mundo despois del puidese dicir que Xesús non
é irmán del.
Deus
quixo facerse en Xesús fillo dunha nai humana. Por iso celebramos hoxe tamén a
festividade de Santa María, “Nai de Deus”. Parece imposíbel que se poida falar
con verdade e case sen contradición dunha “Nai de Deus”. Mais para Deus, unha
vez máis, “non hai imposibles”. Parécenos imposíbel que Deus se faga un ser
humano coma nós en Xesús, e, a pesar de todo, ese é xustamente o “misterio”
central da nosa fe.
Renovando
coa graza de Deus a nosa fe nel, comecemos este Aninovo coa alegría do Espírito
de Deus e a beizón do Pai e do Fillo. E, deste xeito, que a Santísima Trindade
de Deus presida tódolos días deste novo ano 2017, que desde hai só doce horas
nos acompaña. E moitas felicidades tamén ós que celebrades hoxe o voso
onomástico: ós que vos chamades Xesús ou Xesusa, Manuela ou Manuel, Salvador,
María, etc. etc.! Que Deus nos bendiga a todos!
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS:
Deus
Pai, Señor do tempo e da eternidade, que nos concedes celebrarmos o comezo
deste novo ano 2017, dirixímosche a ti a nosa oración dicindo:
ESCÓITANOS, PAI.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Protéxenos, Pai, ó longo deste novo ano de todo
mal e de toda malicia na nosa vida e no noso comportamento.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
-
Pedímosche, Pai, pola paz en tódolos pobos e nacións, para que así chegue á súa
plenitude a conciencia de sermos fillos teus e irmáns entre nós:
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Concede, Pai, a cantos sofren persecución ou
inxustiza no mundo vérense libres de todo mal.
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho,
Pai, por mediación do teu fillo Xesús, que puxo a súa tenda entre nós para así
nos salvar e liberar a todos. Amén.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario