Ficha e Lectio - Santísima Trindade C





LECTIO:
SANTÍSIMA TRINDADE 
(Ano C: 22 maio 2016)

            Teriamos que converter a festividade da Santísima Trindade en algo fondamente íntimo, vivo e sobre todo cordial. Desde que nos iniciaron na fe cristiá sabemos teoricamente, si, de Deus como un e trino. Sabemos aquilo de que Deus é unha esencia en tres persoas. Así nolo dixeron e así o aprendemos. Mais todo semella quedar nun mundo de ideas e conceptos, de especulacións e de abstraccións, non pouco distante da nosa fe vivida, sentida e compartida cos demais.
            En realidade, o feito mesmo de que teñamos unha festa especial dedicada á concienciármonos da Santísima Trindade, da súa grandeza e das súas marabillas parece sinalar cando menos o interese da Igrexa en que convertamos a fe na Trindade de Deus en algo vivo e operativo.
            Temos que partir, en calquera caso,  do presuposto de que Deus, o Deus infinito ou, mellor,  superinfinito, é absolutamente incomprensíbel para nós. E seguirao sendo aínda que el se nos teña revelado como Pai, como Fillo e como Espírito Santo. Esta unidade e diferenza segue e seguirá a ser un misterio, por moi grande e fermosa que poida ser esta revelación. Por iso falamos do gran “misterio” da Santísima Trindade.
            Aínda así, aínda que Deus sexa sempre en si mesmo misterioso, o certo é que algo grande se nos ten que revelar na súa Trindade cando el nola quixo manifestar. E maniféstanola non con palabras abstractas, senón coa súa mesma actuación ante nós.
            Poderiamos dicir, de maneira moi sintética, que Deus se nos presenta no Antigo Testamento sobre todo como o Deus único, un Deus Pai, que aínda non se nos manifesta totalmente como é. Mais no Novo Testamento, coa súa manifestación no mundo en Xesús, aprendemos a ver como é concretamente a súa paternidade. Xesús maniféstanos o seu Pai como Pai seu especialísimo que o quere infinitamente.
            Mais como Xesús é tamén na súa humanidade coma nós, resulta que, ó revelársenos Deus como Pai de Xesús, se nos manifesta ó tempo que el, Xesús, é o noso irmán maior e que, polo tanto, somos tamén todos nós fillos de Deus; pois Deus Pai porfillounos a nós en Xesús, o fillo único e benquerido de Deus. Así nolo anuncia Paulo cando nos di que recibimos de Deus Pai “un espírito de fillos adoptivos, grazas o cal podemos gritar: ¡‘Abbá’: Pai!!”.
            Ata aquí, como vedes, revélasenos que Deus é alomenos “dúas” persoas, Pai e Fillo. Aínda que naturalmente isto das “persoas” divinas non hai que entendelo en simple continuidade co que somos nós como “persoas” humanas, finitas e limitadas. En calquera caso, coa paulatina revelación da Trindade de Deus váisenos comunicando tamén a nós que estamos todos chamados a ingresar misteriosamente nesa Trindade.
            A revelación definitiva da Trindade divina ocorre, pois, coa vinda do Espírito Santo onda nós. Isto foi o que celebramos no anterior domingo. Por iso a Igrexa coloca sempre liturxicamente a festividade da Santísima Trindade no domingo seguinte ó de Pentecoste, é dicir, inmediatamente despois da vinda onda nós do Espírito Santo.
            Con esta vinda do Espírito Santo cérrase, para dicilo dalgunha maneira, o “círculo” da revelación de Deus. Agora resulta que Deus xa non é dúas persoas, senón “tres”. Deus é un “trío” , un trío que toca tan misteriosamente ben, que non desafina ningún dos tres en tan infinita e misteriosa harmonía. En Deus hai tan marabillosa harmonía que, con seren tres as persoas, non por iso hai tres deuses, senón un único Deus.
            Hai con todo aínda algo máis. Como o Espírito Santo non se marcha xa máis de onda nós, e alí onde está o Espírito Santo están tamén o Pai e o Fillo, resulta que estamos así, pola presenza en nós do Espírito Santo, unidos todos á Trindade divina.
            Unha Trindade que segue a traballar arreo no medio de nós para nos facer semellantes a ela, uns e diferentes, variados e unidos, autónomos e amorosos, libres e ó mesmo tempo escravos dos demais na nosa entrega a eles. É dicir, trinos e un. O fin do mundo e da humanidade, ou sexa, o proxecto grandioso de Deus é o de chegarmos a participar todos desa misteriosa Trindade divina.
            Neste sentido, deberiamos traballar tamén nós, coa forza e a graza do noso Deus trinitario, a prol dun mundo onde exista liberdade e amor, diferenza e unidade, individualidade e comuñón, á semellanza desta Trindade que hoxe estamos a celebrar.
            Os grandes santos e teólogos dicían e din que sobre Deus, e de maneira especial sobre o misterio da Santísima Trindade, non podemos senón tatexar. Todos somos nisto tartamudos ou tatexos, porque o modo de ser de Deus nos supera totalmente.
            Mais a verdade é que tamén as cousas máis fondas e naturais da realidade sonnos misteriosas: a nosa vida, a nosa morte, o amor, a liberdade e tantas outras cousas. Por que? Porque, á fin e ó cabo, todo e todos estamos mergullados no misterio de Deus, do Deus misterioso un e trino que o fixo todo e que está en todo. Dese Deus que se reflicte tamén moi misteriosamente na mesma vida familiar, que é sempre, en maior ou menor medida, trina e unha. Pois nela hai tamén pai e esposo, nai e esposa, fillos ou fillas, irmás ou irmáns. Unidade e diferenza, trindade e unidade. Sen algo desta unidade e variedade non pode existir o que chamamos familia. Así somos porque Deus, o Deus trinitario, é a nosa orixe, o noso modelo.
            Dada esta fondura do misterio da Santísima Trindade, non é nada estraño que a Igrexa nos pida que neste día nos lembremos de xeito especial daquelas e daqueles que se dedican intensamente a “orar”, a rezar, é dicir, daquelas mulleres e homes que nos mosteiros de vida contemplativa, comunicándose co noso Deus trinitario, lle presentan tamén a El as nosas necesidades e as preocupacións todas do mundo. É o día “pro orantibus”. Oremos, pois, nós tamén polos que “oran” xa por nós.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
            Pidámoslle a Deus Pai, por medio do seu Fillo Xesús e en unión co Espírito Santo, que escoite as nosas oracións dicindo: ESCÓITANOS, PAI.
-Pola Igrexa, para que saiba presentar e ofrecer ó mundo a imaxe dun Deus que é comuñón de amor e de entrega. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
-Para que saibamos descubrir a presenza do Pai, do Fillo e do Espírito Santo na nosa vida familiar, comunitaria e social. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Para que os mosteiros de vida contemplativa poidan encherse de vida e oración coa entrega de persoas xenerosas ó Deus trinitario que é Amor. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.

Atende, Pai, a nosa oración e fai realidade en nós o que a través das nosas oracións che pedimos. Por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.

                                                                                              Manuel Cabada Castro

VER MÁIS:



Comentarios

Publicacións populares