Ficha e Lectio - Domingo 5 Pascua B
FICHA ADAPTADA DE:
LECTIO:
DOMINGO V DE PASCUA
(3 maio 2015)
Como
ben sabedes e é lóxico e natural, Xesús empregaba para da a coñecer a súa
mensaxe moitas comparanzas relacionadas coa vida e co traballo da xente coa que
convivía. Eran comparanzas sinxelas e doadas de comprender.
Menos
mal que aínda hoxe, malia os progresos da técnica, temos a posibilidade de ver
e observar cos nosos propios ollos de onde vén o viño que sae a grolos dunha
botella, etiquetada ou non, que nos poñen á mesa. Hai todo un proceso,
coidadoso e delicado, desde aquel vello e retorcido tronco da vide, que se
mantén firme na terra do seu dono, ata que se pode degustar o viño saído dela
nun alegre xantar con familiares ou amigos.
O
viño ten que ver e tivo que ver sempre coa alegría de bebelo en compaña doutros,
creando amizade e compañeirismo, construíndo comunidade e fraternidade.
Non
esquezamos que tamén a eucaristía que celebramos cada domingo ten que ver con
esa comunidade de vida, de fe e de alegría que queremos ir construíndo pouco a
pouco arredor da mesa do corpo e do sangue do Señor. Na comuñón recibímolo a el
precisamente en forma de pan e de viño.
De
maneira especial nestes domingos de Pascua que estamos a celebrar convídasenos,
e concretamente na liturxia do domingo de hoxe, a vivirmos a “santa alegría da
Pascua”, da que se nos di ademais que é preparación para a “alegría eterna” que
nos espera a todos.
Ben.
Para entendermos o que nos refire hoxe Xoán sobre a comparanza do reino de Deus
coa vide hai que saber distinguir –e isto é moi doado- entre o labrego dono da viña, a vide mesma plantada xunto con outras
máis na súa leira, e as ramas ou bacelos
da vide dos que penduran os prezados acios acugulados de bagos ou uvas.
Unha
especie de trindade: labrego, vide e bacelos ou ramas da vide. Unha trindade
que lle serve a Xesús para falarnos da unión e relación íntima que debemos ter
con el e, a través del, co Pai, con Deus Pai.
O
labrego tradicional coida, mañá e tarde, da súa viña. Está curtido polo sol,
polas chuvias, polos temporais. A súa pel asemella a cortiza do tronco da vide:
recia, morena. Podería dicirse que a vide é filla do labrego. Pero sobre todo o
labrego ama a súa viña. Coida dela con agarimo de pai. No deixa que follas ou
ramallos sobrantes afoguen a teima e a esperanza súa de que a vide poida dar a
luz acios fermosos, agradábeis á vista e ó padal. Cando o labrego a poda, non a
quere asustar nin lle causar dor. É só para que a vide sexa máis ela mesma e
máis parecida ó seu pai, o labrego.
¡Que
fermosa é a comparanza que fai Xesús de seu Pai Deus co labrego que coida
amorosamente da viña!
Como
digo, Xoán quere axudarnos a facernos entender a unión que deberiamos ter nós,
os bacelos (as ramas da vide), coa vide mesma, que é Xesús. Pero tamén a unión
que ten a vide, Xesús, co labrego que é seu Pai. Sen este labrego-Deus Pai non
habería viña nin vides, porque as malas herbas e os xabarís acabarían con ela.
Pero
se Xesús, a vide, non podería existir sen o seu pai-Deus, menos aínda
poderiamos nós existir se non estivésemos unidos a esta vide que é Xesús. De
Xesús é de onde os bacelos ou as ramas da vide, que somos nós, recibimos a
seiva divina que nos vai divinizando pouco a pouco. De tal maneira que se nos
cortan con coidadiño da vide e nos plantan nun terreo axeitado ata poderemos
chegar a converternos en novas vides á semellanza da vide nai ou primeira que é
Xesús; pois levamos a seiva de Xesús con nós.
O
que non é posíbel e crer que poderemos subsistir por nós mesmos sen relación
ningunha coa vide, que é Xesús. En Xesús circula, bule e ferve a seiva divina
que vén do Pai-Deus, de quen todo procede. Só del podemos recibir a forza
divina que precisamos para vivirmos con alegría, esperanza e amor. “Fóra de min
–dísenos no evanxeo de hoxe- non podedes facer nada”.
Pero
é que tamén –aínda que disto non se nos fala directamente hoxe- a comparanza da
vide ten que ver coa fraternidade que
deberiamos practicar entre nós. Nos bacelos, nas ramas da vide, é dicir, no
interior de nós mesmos circula unha mesma
seiva: a seiva de Deus que se fai presente na vide que é Xesús e que é un don
infinito de Deus Pai e do seu Espírito ó mundo. Esta seiva divina, que circula
por tódolos bacelos da vide, é a que nos converte a todos en verdadeiros irmáns.
Pois participamos dunha mesma vida e dun mesmo agarimo común, o amor que ten
Deus Pai ó mundo e que se nos manifestou en Xesús.
Falamos
da unión que temos que ter con Xesús e con Deus Pai para podermos producir
froitos saborosos de xustiza, de paz e de amor. Pero esta unión non nos
uniformiza, como tampouco hai nunha mesma vide un bacelo exactamente igual a
outro ou un acio de uvas que sexa totalmente idéntico a outro. Deus que é un,
pero tamén diferente en si mesmo (en canto Pai, Fillo ou Espírito), quere
construír tamén en nós unidade e diferenza, unión de cada un de nós con el e
cos demais, mais mantendo cada un a súa propia identidade, a súa diferenza
respecto dos demais.
Construír
un mundo así, unido e diferente segundo as diversas culturas e as diversas
maneiras de ser, é unha tarefa á que deberiamos dedicarnos sempre con teima,
alegría e esperanza. Mais sabendo que só acadaremos realizar esta grande obra
se nos mantemos unidos con esa vide, que é Xesús, e por medio de Xesús co
labrego traballador e agarimoso por excelencia, que é Deus-Pai.
E,
para rematar, como Deus non só é Pai senón tamén Nai, tal como nolo dixo o papa
Xoán Paulo I, e neste primeiro domingo de maio se celebra tamén o Día da Nai,
lancemos entón un quente biquiño de amor e agradecemento a tódalas nais do
mundo, que fixeron e fan presente ós seus fillos o amor do Deus Pai e Nai de
todos.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
- Deus Pai, labrego agarimoso das nosas vidas,
pregámosche que nos manteñas sempre unidos ó teu fillo Xesús e por medio del a
ti mesmo.
PEDÍMOSCHO, PAI. Todos: PEDÍMOSCHO, PAI.
- Fai, Pai, que a túa graza, seiva das nosas
vidas, estea sempre presente en nós, dando vida e creando entre todos
irmandade.
Todos: PEDÍMOSCHO, PAI.
- Dálles, Deus Pai-Nai, agarimosas e xenerosas
nais ós nenos todos do mundo para que poidan así medrar eles con confianza e
esperanza nas súas vidas.
Todos: PEDÍMOSCHO, PAI.
PEDÍMOSCHO, PAI-NAI, POR XESÚS CRISTO NOSO
SEÑOR. Amén.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario