DOMINGO 5 DE PASCUA - ciclo C

DOMINGO V DE PASCUA - CICLO C

Primeira Lectura     Feit  14, 21b-27
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Comunicáronlle á Igrexa as marabillas que Deus realizara con eles

            Naqueles días, Paulo e mais Bernabé volveron para Listra, Iconio e Antioquía, fortalecendo o espírito dos discípulos e animándoos a perseveraren na fe, porque – dicíanlles ‑ temos de pasar por moitos traballos para entrarmos no Reino de Deus. E despois de designarlles presbíteros en cada Igrexa, oraban, xaxuaban e encomendábanos ao Señor, en quen creran.
            Atravesando a Pisidia, chegaron a Panfilia e, logo de anunciaren a palabra en Perxe, baixaron cara a Atalía.
            De alí embarcaron para Antioquía, desde onde foran confiados á graza de Deus para a misión que viñan de cumprir.
            Chegando, reuniron a Igrexa e contaron todo canto Deus fixera con eles e como lles abrira aos pagáns a porta da fe.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 144, 8-9. 10-11. 12-13ab
R/. (cf. 1): Bendicirei o teu nome para sempre, meu Deus e meu Rei.
Ou:  Aleluia.

O Señor é clemente e compasivo,
tardo á ira e rico en misericordia.
O Señor é bo para todos,
agarimoso con todas as súas obras.

Que te loen, Señor, as túas obras,
e te bendigan os teus amigos.
Que pregoen a gloria do teu reino,
e falen do teu poder.

Que ensinen aos homes os teus feitos,
e a maxestade gloriosa do teu reino.
O teu reino é reino eterno,
o teu goberno dura por todas as xeracións.


Segunda Lectura      Ap 21, 1-5a
LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE
Enxugará todas as bágoas dos seus ollos

            Eu, Xoán, vin un ceo novo e unha terra nova, pois o primeiro ceo e a primeira terra xa pasaran; e o mar xa non existía.
            Tamén vin que a cidade santa, unha Xerusalén nova, baixaba do ceo de onda Deus, preparada coma a esposa que está engalanada para o seu esposo. E sentín unha forte voz que desde o trono dicía:
            "Velaquí a tenda de Deus onda os homes.
Acampará entre eles:
eles serán o seu pobo
e El será o seu Deus e compañeiro.
            Enxugará todas as bágoas dos seus ollos,
e a morte xa non existirá máis.
            Nin haberá máis loito nin pranto nin dor,
porque as primeiras cousas pasaron xa".
            O que estaba sentado no trono dixo: "Vede que volvo novas todas as cousas".

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Xn 13, 34
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Douvos un mandamento novo, di o Señor;
que vos amedes uns a outros como eu vos amei.
Aleluia.


Evanxeo     Xn 13, 31-33a. 34-35
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Douvos un mandamento novo, que vos amedes uns a outros

            Cando Xudas saíu do cenáculo, díxolles Xesús:
            ‑Agora queda glorificado o Fillo do Home e Deus queda glorificado nel. Se Deus queda glorificado nel, tamén Deus o glorificará a el e hao glorificar axiña.
            Meus fillos: só un pouquiño estarei convosco.
            Douvos un mandamento novo: amádevos uns a outros; como eu vos amei, amádevos tamén entre vós.
            Nisto coñecerán todos que sodes os meus discípulos: se vos tedes amor uns a outros.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo



CANDO O AMOR NON É O EIXE, AS PERSOAS NON SON O CENTRO DA ACCIÓN PASTORAL

PÓRTICO

Paz e ben ao comezo desta nova celebración do tempo de pascua. A paz que nos deixou Xesús e que, non sen dúbidas, acabaron crendo e acollendo os discípulos. Hoxe tamén nós somos invitados a seguir sendo construtores de paz alí onde esteamos. Paz que une, paz que acompaña, paz que escoita, paz que constrúe xustiza, paz convertida en camiño de seguimento. Tamén ben. Ben para poder sorrir co irmán, ben para sacar adiante novos proxectos, ben para non desesperar fronte ás dificultades, ben para que o irmán non sexa algo, senón alguén querido por Deus e dignificado polo actuar dos irmáns, que busca humanizar e agarimar.
                Que a celebración de hoxe nos alente e encamiñe na busca desta paz e deste ben.

O PERDÓN

       Para que non deixemos que os nosos corazóns se pechen á paz e ao ben que nos trae Xesús, SEÑOR, QUE NON DECAIAMOS NO CAMIÑO.
       Para que aprendamos a vivir o amor desde o encontro con quen puidera necesitarnos, CRISTO, QUE NON DECAIAMOS NO CAMIÑO.
       Para que non nos deixemos levar do individualismo que nos fai preguiceiros e nos pecha ao comunitario, SEÑOR, QUE NON DECAIAMOS NO CAMIÑO.

REMUÍÑO

    A vida é un irse construíndo desde binomios que se encontran na complementariedade e o enriquecemento mutuo. Uns binomios que falan de paz e ben, perseveranza e fortaleza, oración e confianza, e cos que cada un de nós vai conformando a vida. Neste domingo, a duplicidade de perspectivas preséntannolas as lecturas que acabamos de ler, desde as que somos invitados a fixarnos e a recoñecer a necesidade de aprender a camiñar polos vieiros da vida mirando non só cara adiante, senón tamén para os lados. É nas beiras onde podemos atoparnos con persoas, situacións e vivencias que non adoitan saír nin nos medios de comunicación nin nos consellos de goberno das grandes corporacións empresariais. Nas beiras vai quedando quen se ve reducido a un dato estatístico, a unha cifra, a un número, para así facernos esquecer que detrás deses números, cifras e datos están persoas; na maioría dos casos persoas necesitadas, angustiadas, soas, enganadas ou manipuladas por quen pode e sabe. Diante disto a palabra de Deus que hoxe acabamos de escoitar fainos unha chamada de atención para que non perdamos o norte, para que saibamos mirar a un lado e a outro e así atoparnos con quen poida necesitarnos, ou con quen necesitemos atoparnos. E faino invitándonos a aprender a estar no mundo con:


    Perseveranza e fortaleza, para non virnos abaixo, para non deixarnos vencer diante dos problemas e dificultades e insistir unha e outra vez ata ser capaces de descubrir un chisco de esperanza, por pequeno que sexa...aínda que ás veces nos resulte difícil. E isto non se pode facer sen perseveranza, sen insistencia, sen fortaleza. A fe quere ser esa fortaleza que non deixa que nos veñamos abaixo.

    O comunitario e a confianza: Os primeiros cristiáns descubriran o importante que era saberse membros dunha comunidade, compartir ideais, proxectos e metas. Por iso sempre buscan a compaña e a axuda da comunidade. Fano así porque estaban abertos á confianza que descubriran en Xesús; unha confianza que buscaban reflectir nas súas relacións duns cos outros. Que mellor que aproveitar esta invitación ao comunitario para que revisemos a nosa actitude neste sentido e con respecto á confianza nos demais. Quen é capaz de fiarse recibe o tesouro da amizade dos que tamén se fían del.

    O amor aos demais, que nos fai iconas do Resucitado. Neste binomio, Xesús quere deixarnos claro que só quen é capaz de amor, de verdade e sen rebaixas, pode entender o sentido e a importancia do comunitario, da confianza, da perseveranza e da fortaleza. Esforcémonos por deixar atrás a memoria de “peixe“, e recuperemos a importancia de coñecer o pasado, vivir no presente e proxectarnos para ir construíndo, sen medo nin nostalxia de nada, o futuro.

RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS
Renovamos agora as promesas que o día do noso bautismo fixeron por nós os nosos pais e padriños. Sentímonos comunidade viva que se reúne para escoitar a palabra, repartir o pan e renovar a súa esperanza. Por iso, pregúntovos:

•       Credes no Deus da luz e da auga, que ilumina o noso camiño, limpa canto nos luxa e renova a nosa confianza nel; que é Pai que nos agarima co seu amor, e nos acompaña coa súa presenza?  Si, creo.
•       Credes en Xesucristo, o seu Fillo, que, enviado polo Pai, pasou polo mundo facendo o ben, compartindo tristezas e ledicias, que se erixiu na voz dos sen voz, no defensor dos pobres e excluídos, e que desde o amor nos deixou as benaventuranzas como camiño a percorrer por cantos nos chamamos seguidores seus?  Si, creo.
•       Credes no Espírito Santo, fonte de vida e presenza viva que vai actuando na nosa vida, fortalecendo as nosas comunidades e invitándonos a non deixarnos levar da desgana e do derrotismo?  Si, creo.
•       Credes na Igrexa, comunidade nacida en Pentecoste e que ao longo de dous mil anos, non sen dificultades, e caendo moitas veces na escuridade, ten desenvolvido no medio do mundo a misión recibida de Xesús, que a envía a anunciar a súa Boa Nova, sendo a súa man, o seu corazón e a súa voz?  Si, creo.
•       Credes na esperanza da resurrección, que compartimos e actualizamos en cada celebración, facendo presenza viva de Deus entre nós, o Deus que nos invita a ser construtores do Reino, no aquí e agora do noso tempo, e nos abre á plenitude do encontro con El e para sempre, onde compartiremos en totalidade a esperanza que nos leva a vencer a morte?  Si, creo.

Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa sempre para nós alento e esperanza no camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Compartamos agora, sabendo da importancia da perseveranza, a fortaleza e a vivencia comunitaria da fe, a oración que nos invita a amar a Deus aprendendo a amar aos irmáns, e digamos:
QUE PERSEVEREMOS NO AMOR

             Que aprendamos a descubrirnos como Igrexa universal que sabe atopar a urxencia do amor e do traballo a prol do irmán e da irmá, desde o concreto de cada Igrexa local que se reúne, comparte e reza comunitariamente, OREMOS.
QUE PERSEVEREMOS NO AMOR
             Que aprendamos a descubrirnos como comunidade fiel que camiña na confianza e na perseveranza, sabendo estar ao lado dos veciños, dos amigos, ou do familiar que está a pasar por un mal momento e necesita do noso tempo, OREMOS.
                QUE PERSEVEREMOS NO AMOR
             Que aprendamos a descubrir na nosa vida o sentido ledo, misericordioso, esperanzado e solidario da fe, que nos ha levar sempre a humanizar a realidade na que esteamos e a traballar pola xustiza, OREMOS.
QUE PERSEVEREMOS NO AMOR

Grazas, Señor, por invitarnos a non perder a memoria da nosa vida, persoal e comunitaria, e lembrala para seguir facendo gozo da fe recibida no bautismo. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
O amor é sempre novo:

             se é coma a neve: cae suavemente e sen facer balbordo
             se é coma a auga: por onde pasa, xera vida
             se é coma a lúa: ofrece luz na escuridade
             se é coma o sol: quenta a todas as persoas por igual
             se é coma as estrelas: guía nas dificultades
             se é coma a terra: xermola cando se sementa
             se é coma Xesús: gratuíto, inmenso e universal
             se é coma o Espírito: sopra suavemente e en todas as direccións
             se é coma Deus: ama sen distingos
             se é coma María: está ao pé da cruz e á porta da Resurrección
             se é coma a Pascua: anuncio de vida.


CANTOS
             ENTRADA: 
Camiñarei na presenza do Señor
             GLORIA
             LECTURAS: 
Douvos un mandado novo
             OFERTORIO: 
No colo da miña nai
             COMUÑÓN: 
O amor é o meirande


POWER POINTS



Comentarios

Publicacións populares