Domingo 3 de Coresma - ciclo C
3º DOMINGO DE
CORESMA - CICLO C
Primeira
Lectura Ex 3, 1-8a. 13-15
LECTURA
DO LIBRO DO ÉXODO
"Eu
son" mandoume onda vós
Naqueles días, Moisés pastaba os
rabaños do seu sogro Ietró, sacerdote de Madián. Levaba polo deserto os
rabaños, e unha vez chegou ata a montaña de Deus, o Horeb. Nunha labarada, no
medio dunha silveira, apareceulle o anxo do Señor. Moisés reparou na silveira
que ardía e que non se consumía, e dixo para si:
‑ Voume chegar alá, para observar
este fenómeno e saber por que non se consome a silveira.
En vendo o Señor que Moisés se
achegaba para mirar, chamouno desde a silveira:
‑ Moisés!, Moisés!
El
respondeu:
‑
Aquí estou.
Díxolle
Deus:
‑
Non te achegues aquí. Tira as sandalias dos pés, pois o sitio onde estás é
terra sagrada.
E
engadiu:
‑
Eu son o Deus de teu pai, o Deus de Abrahán, de Isaac e de Xacob.
Moisés tapou a cara, polo medo de
ver a Deus.
O Señor díxolle:
‑ "Teño visto as miserias do
meu pobo en Exipto, oín as súas queixas contra os seus opresores, coñezo os
seus sufrimentos. Vou baixar e libralos do poder dos exipcios, e levalos desta
terra a unha terra boa e largacía".
Moisés replicou:
‑ "Xa me estou vendo chegar
onda os israelitas e dicíndolles: O Deus de vosos pais mándame onda vós. Mais
eles preguntaranme: E cal é o seu nome? Que lles direi eu entón?"
Deus
respondeulle a Moisés:
‑ "Eu son o que son".
E engadiu:
‑ "Diraslles así aos
israelitas: Eu son mándame onda vós".
E mandoulle aínda:
‑ "Diraslles tamén aos
israelitas: O Señor, o Deus de vosos pais, o Deus de Abrahán, de Isaac e de
Xacob mándame onda vós. Ese será o meu nome para sempre. Por el invocaranme
todas as xeracións.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 102, 1-2. 3-4. 6-7. 8 e 11
R/.
(8a): O Señor é misericordioso e clemente.
Alma
miña, bendí o Señor
e
todo o meu ser, o seu santo nome.
Alma
miña, bendí o Señor,
non
esquezas os seus beneficios.
El
perdoa as túas culpas
e
sanda as túas doenzas;
rescata
a túa vida da morte
e
coróate de amor e de tenrura;
O
Señor fai xustiza
e
defende o dereito do oprimido.
Amosoulle
a Moisés os seus camiños,
ós
fillos de Israel as súas fazañas.
O
Señor é misericordioso e clemente,
tardo
á ira e rico en mercés.
Canto
se alza o ceo sobre a terra,
así
é grande o seu amor para os que o temen.
Segunda
Lectura 1 Cor 10, 1-6. 10-12
LECTURA
DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
A
vida do pobo no deserto con Moisés escribiuse para a nosa conversión
Irmáns:
Non quero, irmáns, que ignoredes que
os nosos pais estiveron todos baixo a nube; que todos pasaron polo medio do
mar; que, na nube e no mar, todos recibiron o bautismo de Moisés; que todos
comeron o mesmo alimento espiritual ‑ pois bebían da pedra espiritual que os
acompañaba: e esa pedra era Cristo ‑.
Pero, con todo, a maior parte deles
non lle agradou a Deus, xa que os seus cadáveres ficaron estrados polo deserto.
Isto sucedeu coma un exemplo para
nós, a fin de que non teñamos degoiros do mal, coma eles os tiveron.
Nin murmuredes, coma algúns deles e
pereceron vítimas do Exterminador.
Isto
sucedeulles a eles como exemplo, e escribiuse para o noso escarmento: para nós,
que vivimos na fin dos tempos. De xeito que o que crea estar de pé, teña
coidado de non caer!
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
VERSÍCULO Mt 4, 17
Facede
penitencia, di o Señor;
está
cerca o Reino dos Ceos.
Evanxeo Lc 13, 1-9
LECTURA
DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Se
non facedes penitencia, todos pereceredes
Naquel intre presentáronse algúns
para contarlle a Xesús o caso aquel de cando Pilato mesturara o sangue duns
galileos co dos sacrificios que ofrecían.
El respondeulles:
‑ Coidades que eses galileos eran
máis pecadores cós demais, porque acabaron así? Non tal, e asegúrovos que como
non vos arrepintades acabades todos igual. Seica pensades que aqueles dezaoito
que morreron esmagados pola torre de Siloé eran máis culpables cós outros
habitantes de Xerusalén? Non tal, e asegúrovos que, se non vos arrepentides,
todos acabaredes igual.
E púxolles esta parábola:
‑ Un home tiña unha figueira
plantada na súa viña; foi ver se tiña froitos e non llos atopou. Díxolle ao
viñateiro: "Xa hai tres anos que veño buscar froito nesta figueira e non
llo atopo. Córtaa, para que vai cansar máis a terra?" El respondeulle:
"Señor, déixaa aínda un ano
máis; vou ver se eu lle cavo un pouco arredor e lle boto esterco; a ver se así
dá froito...; e, onde non, pódela cortar".
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
QUEN NON APRENDE A DISTINGUIR O DESERTO DO BOSQUE, CORRE
O RISCO DE PERDERSE
TOMADO DE : remoldapalabra.blogspot.com
SÍMBOLO
CORESMAL
Continuamos desenvolvendo o
sinal do colector de lixo que temos escollido para esta coresma. Hoxe botaremos
nel os abandonos, os cansazos, a mentira, o esquecemento -buscado ou non-, de
tantas persoas que co seu esforzo, traballo e entrega non permitiron que o
legado da fe se perdese e chegara ata nós
Neste terceiro domingo, o
noso colector será de cor verde e levará escrito: “O Señor é
misericordioso e clemente”.
PÓRTICO
Moisés e Paulo non deixan de lembrar ao pobo, vello e
novo Israel,que se non se esforzan por saber quen son e de onde veñen, se non
se esforzan por coñecer as súas raíces, poden acabar perdidos e desorientados,
como se non souberan que facer ou como orientar a vida. Do mesmo xeito, tamén
nós, se non facemos ese esforzo por non perder a historia que outros foron
construíndo e nos foron legando, por coñecer e recoñecer o esforzo de xeracións
anteriores, de parentes e amigos, de tantas persoas que quixeron ser guieiros
ao longo do tempo; se non facemos ese esforzo de memoria, corremos o risco de
camiñar sen rumbo, desorientados, sen saber que nos ten que animar, alentar e
acompañar no camiño da vida. Esta é gran chamada que nos fai hoxe a Palabra de Deus
neste domingo de coresma, para que botemos ao colector do lixo os abandonos, os
cansazos, a mentira, o esquecemento -buscado ou non-, de tantas persoas que co
seu esforzo, traballo e entrega non permitiron que o legado da fe se perdese e
chegara ata nós. Grazas a eles, a pesares dos desertos en forma de
dificultades, atrancos, incomprensións... acabaron xurdindo bosques frondosos
de solidariedade, paz, servizo, entrega aos demais. Isto lémbranos que é Deus
quen está no comezo da nosa historia, e segue sendo Deus o que nos acompaña ao
longo dela, e será tamén o que nos acolla ao final para darlle sentido e
plenitude.
Que
este terceiro domingo de coresma saibamos vivilo desde a fidelidade a un Deus
que se fai historia desde a historia de todas as persoas que mantiveron viva a
súa presenza, para que os bosques non tiveran claudicado diante dos desertos.
O PERDÓN
ü Que botemos ao colector do lixo todas as veces nas que
fomos covardes e non continuamos a tarefa que outros comezaron por nós
transmitíndonos, sen medo nin prexuízos, a fe como esperanza e loita, SEÑOR,
GRAZAS POLA HERDANZA DA FE.
ü Que deixemos que
vaian ao colector do lixo todas as actitudes coas que lle demos as costas
cando, por mor das situación que estaban pasando, outros necesitaban da nosa man,
a nosa palabra ou a nosa compaña, CRISTO, GRAZAS POLA HERDANZA DA FE.
ü Que non retiremos do colector de lixo aqueles
comportamentos que supuxeron que adoptasemos actitudes de soberbia, créndonos
mellores, máis listos e superiores aos demais, sen estar dispostos a poñer ao
seu dispor canto de ben lle puideramos ter feito, SEÑOR, GRAZAS POLA
HERDANZA DA FE.
REMUÍÑO
û En moitas ocasións temos escoitado ben sexa nos textos da
palabra de Deus ben sexa en homilías, charlas, meditacións... que O Deus ao que
os cristiáns rezamos é o Deus da Alianza, o Deus que sae ao encontro, que se
ofrece para facer con nós o traxecto da vida. E iso é verdade, pero tamén é
verdade que a esa expresión temos que poñerlle rostro, concreción, experiencia
persoal. Porque falar de Deus non nos pode levar a utilizar unha linguaxe que
non entendemos ou que non nos di nada por resultar falsa, afastada dos nosos
problemas ou da nosa situación vital. Xa vai sendo hora de que poñamos en
relación a Palabra de Deus que escoitamos, lemos e meditamos coa nosa vida. Esa
vida na que temos que tomar decisións, concretar proxectos, atoparnos con
persoas; unha vida na que tamén hai fracaso, tristura, desolación... e na que
cando dicimos Deus, queremos dicir sempre esperanza, salvación e amor. E para iso
é necesario aprender a sentir a Deus na cercanía, no alento, na compaña de quen
quere facer con nós o camiño para non deixarnos solos. E do mesmo xeito que a
Moisés o soubo acompañar, tamén de nós se quere facer compañeiro. O seu “eu
son“ ten que resoar nos nosos oídos como un estou aquí, ao teu lado,
sufrindo e tamén aledándome contigo. Non te deixo só, estórzate por
escoitarme!.
û Moitos anos
despois, tamén Paulo se achega ao texto do libro do Éxodo para dicirlles aos
corintios que non debían esquecer que tiñan historia compartida. Unha historia
que vén de lonxe, e na que moitas persoas foron poñendo esforzo para non perder
as raíces, porque non era unha historia calquera, senón que era unha historia
de salvación. E, do mesmo xeito que Deus saíra ao encontro de Israel, agora sae
tamén ao encontro do Novo Israel, do Novo Pobo de Deus, da comunidade de
seguidores de Xesús. Non hai ruptura entre unha e outra experiencia porque é o
mesmo Deus o que as une. Deste mesmo xeito, tampouco hai ruptura entre nós, entre
as persoas. Sexamos brancos ou negros, católicos ou agnósticos, máis ou menos
cultos, tod@s compartimos o mesmo proxecto de Deus: facer do mundo e dos que
nel vivimos un espazo de verdadeira experiencia humana, onde sexamos capaces,
ou polos menos nos esforcemos, de superar atrancos e dificultades que nos
separan, para camiñar na busca do que nos une, do que temos en común, do que
lle podemos aportar aos demais e deste xeito enriquecernos mutuamente. Estas
afirmacións, que seguro temos escoitado moitas veces, teñen que deixar de soar
coma retóricas para converterse verdadeiramente en eixos que nos leven a buscar
o común dos seres humanos. Un común que evite pretender aparentar ser, uns ou
outros, mellores, superiores ou tocados dunha elección especial por parte de
Deus. A experiencia humana únenos a tod@s, vivámola como experiencia e presenza
de Deus, ou como experiencia simplemente humana. Pero únenos. Por iso, con
Paulo, tamén podemos dicir que somos herdeiros dunha historia común que non
debemos deixar morrer; ao contrario, temos que esforzarnos por transmitirlla
aos que veñen detrás. Se lle prestamos atención e a tomamos en serio, a vida
para uns e outros sería moito máis doada. O que ocorre é que son os nosos
intereses persoais, os nosos desexos de destacar, de marcar a diferenza, de
facer valer o noso, de... non ter o corazón verdadeiramente disposto ao cambio
e á conversión –a vivir e tomar en serio o tempo de coresma– o que fai que por
riba da posibilidade de entendernos aparezan, e con moita máis forza, os
desencontros. Non seriamos capaces de dar un paso adiante e vivir e entender a
coresma doutro xeito, ao xeito da invitación de Xesús?. Non sería xa tempo de
deixar os desertos para entrar no bosque, que se ben tamén ten dificultades,
nos abre un camiño de árbores, auga e natureza viva. E este é o camiño que non
deberiamos esquecer de facer nesta coresma.
û O que nos levaría a convertelo nun camiño de conversión,
de sensibilidade diante dos problemas e dificultades dos demais; de superación
de crernos mellores e superiores aos outros; de rectificación de decisións e
escollas equivocadas que non nos traen máis ca dor, tristura e desacougo. Deus,
como ocorre coa figueira da que fala o evanxeo, volve darnos outra vez a
oportunidade de dar froitos de crecer e madurar humanamente. Que a coresma sexa
a auga, o abono, o sol que faga posible que ese froito que El espera de nós o
manifestemos desde o noso xeito de poñerlle positividade e esperanza ás
dificultades, que non desaparecen, pero se afrontan doutro xeito. Que o arrouto
de crernos os bos, dea paso á reflexión de sentir a necesidade dos demais.
ORACIÓN DA
COMUNIDADE
No momento no que Deus nos invita a poñer en común todo
canto queremos que El alente e os irmáns acompañen, dicimos xunt@s:
QUE A FE SEXA OASIS FRONTE AOS DESERTOS DA VIDA
*
Para que a Igrexa non se
preocupe tanto en dar titulares aos medios de comunicación, canto en esforzarse
por non perder a raíz dunha historia que vén de hai dous mil anos e chámanos a
ser humildes e servizais, OREMOS.
QUE A FE SEXA OASIS FRONTE AOS DESERTOS DA VIDA
*
Para que os que nos chamamos
cristiáns e cristiás, non esquezamos nunca que o noso esforzo ten que ser vivir
en comunidade, superando o individualismo de crernos mellores, superiores e
máis importantes cós demais, OREMOS.
QUE A FE SEXA OASIS FRONTE AOS DESERTOS DA VIDA
*
Para que este tempo de
coresma nos leve a prestarlle moita máis atención á Palabra de Deus para, desde
ela, descubrir todas aquelas actitudes que, porque nos afastan de Deus, temos
que tirar ao colector do lixo, OREMOS.
QUE A FE SEXA OASIS FRONTE AOS DESERTOS DA VIDA
Grazas, Señor, porque queres que este tempo de coresma
nos axude a espertar do soño de crernos autosuficientes e non necesitados de
canto nos impida caer no deserto sen vida para camiñar no bosque frondoso da
vexetación esperanzada que nos chama á conversión. P.X.N.S. Amén.
PARA A
REFLEXIÓN
Señor,
outra
vez volves chamarme polo meu nome,
convócasme
á túa comunidade
e
invítasme a desatar,
para
os meus irm@ns a palabra de vida
que
sementas, día a día, nas miñas entrañas.
Que o
teu Espírito me acompañe,
en
todo momento e circunstancia,
para
que os meus beizos e o meu corazón
te
anuncien, con alegría e tenrura,
como
a boa nova da liberación
neste
mundo que desexa e busca.
Que coa miña palabra e o meu testemuño
saia
de présa ao encontro
de
todas as persoas que buscan unha vida máis digna,
de
todas as persoas que ansían e necesitan cercanía,
saúde
e traballo, xustiza e paz,
diálogo
e fraternidade, vida ...
(Florentino Ullibarri, tomado do libro de Cáritas de
Cuaresma e Pascua de 2013, p. 64)
CANTOS
* ENTRADA:
Na noite escura
* LECTURAS:
Arrepentido
* OFERTORIO:
O Señor é o meu pastor
* COMUÑÓN:
Seguirei os teus pasos
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario