Domingo 3 de Ordinario - ciclo C
3º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO –
CICLO C
Primeira Lectura Neh 8, 2-4a.
5-6. 8-10
LECTURA DO LIBRO
DE NEHEMÍAS
Os levitas lían no libro da Lei e explicaban o que lían
Naqueles días, o sacerdote
Esdras trouxo o libro da Lei diante da asemblea de homes e mulleres e de todos
os que eran capaces de pensar. Era o primeiro día do sétimo mes.
Na praza que está diante da
porta das Augas, el leu no libro en voz alta, desde o amencer ata o mediodía,
en presenza dos homes e das mulleres e de todos aqueles que eran capaces de
pensar, e todo o pobo estaba atento á lectura do libro da Lei.
O escriba Esdras púxose en
pé sobre unha tarima de madeira, preparada con esta ocasión. Esdras abriu o
libro á vista de todo o pobo, pois sobresaía entre todos na asemblea, e cando o
abriu, o pobo púxose en pé.
Entón Esdras bendiciu o
Señor, o gran Deus, e todo o pobo, levantando as mans, respondeu: "Amén,
amén". Despois inclináronse e, prostrados no chan, adoraron ao Señor.
Os levitas lían no libro da
Lei de Deus, pronunciando claro, e interpretaban o sentido, explicando o que
lían.
Entón o gobernador Nehemías,
o sacerdote e escriba Esdras, e os levitas que explicaban a Lei ao pobo,
dixeron a toda a asemblea:
‑ Este día está consagrado
ao Señor, voso Deus; cesade no voso pranto, non choredes máis (pois todo o pobo
choraba ao oír as palabras da Lei).
E engadiron:
‑ Ídevos, comede boas
talladas, bebede viños doces e levádelles tamén aos que non teñen nada
preparado, pois este día está consagrado ao noso Señor; non andedes aflixidos,
porque o gozo do Señor é a vosa forza.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 18, 8.
9. 10. 15
R/. (Xn 6, 63c): As túas palabras, Señor, son Espírito e
vida.
A lei do Señor é perfecta:
reconforta a alma;
a declaración do Señor é firme:
fai sabio ao inxenuo.
Os mandatos do Señor son rectos:
aledan o corazón;
o precepto do Señor é limpo:
ilumina os ollos.
A vontade do Señor é pura:
permanece por sempre;
as decisións do Señor son verdadeiras:
enteiramente xustas.
Dígnate aceptar a palabra da miña boca
e o sentir do meu corazón:
Señor, ti es a miña rocha, o meu redentor!
Segunda Lectura 1 Cor 12,
12-30 (máis longa)
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS
CORINTIOS
Vós sodes corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte
Irmáns:
Igual que o corpo,
sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan
máis dun corpo, así tamén Cristo. Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito,
para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma
libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.
Pois ben, xa que o
corpo non está formado por un único membro senón por moitos, se o pé dixer:
"como non son man, eu non son do corpo", non por iso deixaba de ser
do corpo. E se o oído dixer: "como non son ollo, eu non son do
corpo", non por iso deixaba de ser do corpo. Se todo o corpo fose ollo,
onde estaría o oído? Se fose todo oído, onde estaría o ulido?
Ora, foi Deus quen
puxo os membros, colocando cada un deles no corpo como El quixo. Se todo fose
un único membro, onde estaría o corpo? En realidade, hai moitos membros, pero
un corpo só. O ollo non lle pode dicir á man: "Non preciso de ti",
nin a cabeza aos pés: "non preciso de vós". Todo o contrario: os membros do corpo que parecen máis
débiles son os máis necesarios; e os que temos por menos decorosos, cubrímolos
con máis decoro; e os menos honestos tratámolos con máis recato; cousa que non
precisan os honestos.
Deus dispuxo o corpo
dándolle máis honor ao máis privado del, para que non haxa discordia no corpo;
senón que, ao revés, os membros se preocupen por igual uns dos outros. E así,
cando padece un membro, todos padecen con el; cando a un membro o tratan ben,
todos se alegran con el.
Ben, pois vós sodes
corpo de Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte. Na Igrexa dispuxo Deus
primeiro apóstolos, logo profetas, en terceiro lugar mestres. Despois os que
teñen poder de facer milagres; finalmente os que teñen don de curacións, de
asistencia, de goberno, de falar distintas linguas.
Ou é que todos son
apóstolos? Todos son profetas? Todos son mestres? Todos fan milagres? Todos
teñen o don de curar? Todos falan en moitas linguas? Todos saben interpretar?
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
______________________________________________________________________
Ou máis breve: 12-14. 27
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS
CORINTIOS
Irmáns:
Igual que o corpo,
sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan
máis dun corpo, así tamén Cristo.
Porque a todos nos
bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma
gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único
Espírito.
Pois ben, xa que o
corpo non está formado por un único membro senón por moitos, vós sodes corpo de
Cristo e tamén membros, cada un pola súa parte.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Lc 4, 18
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Mandoume o Señor evanxelizar os pobres;
a predicarlles a liberación aos cativos.
Aleluia.
Evanxeo Lc 1, 1-4; 4, 14-21
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Hoxe cumpriuse esta Escritura
Ilustre Teófilo:
Posto que moitos
emprenderon a tarefa de narrar axeitadamente os feitos ocorridos entre nós, tal
como nolos transmitiron desde o principio as testemuñas oculares e mais os
predicadores da palabra, decidín eu tamén, despois de me informar con tino
desde as orixes, escribirchos ordenadamente para ti, a fin de que coñezas ben a
firmeza das ensinanzas nas que te instruíron.
Naquel tempo, coa
forza do Espírito Santo, Xesús volveu a Galilea, e a súa sona estendeuse por
toda a redonda.
Ensinaba nas
sinagogas, e todo o mundo dicía moito ben del.
Chegou a Nazaret, onde
se criara, e o sábado entrou, como estaba afeito, na sinagoga. Ergueuse para
facer a lectura, e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha
pasaxe que dicía:
O Espírito do Señor
está sobre min
porque El foi quen me unxiu
para proclamarlles a Boa Nova aos pobres.
Mandoume para lles
anunciar a liberación aos secuestrados
e a vista aos cegos,
para lles dar liberdade aos asoballados,
e proclamar o ano de graza do Señor.
Pechando o libro,
devolveullo ao encargado e sentou. Todos os ollos da sinagoga enteira estaban
fixos nel. Logo empezoulles a dicir:
-
Hoxe
cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
PORQUE
O PRESENTE TAMÉN É TEMPO DE SALVACIÓN....
HOXE
CÚMPRESE EN NÓS ESTA ESCRITURA
TOMADO DE:
remoldapalabra.blogspot.com
PÓRTICO
Dinos a Palabra de Deus que ela é espírito e vida; é
dicir, presenza viva, e sempre actuante, en nós e con nós. É polo tanto unha
palabra que non pasa de moda, que non perde actualidade, que non se deixa
asoballar por outras moitas palabras efémeras e que facilmente se esquecen.
Esta é unha palabra que perdura no tempo e busca que lle fagamos un oco na nosa
vida, non para quedarse como se fose unha ocupa, senón para facer da nosa
existencia esforzo continuado de esperanza, comuñón, traballo compartido e amor
solidario que cambia os corazóns.
Que este noso encontro comunitario nos alente para
acoller e converter en vida esta palabra proclamada.
O
PERDÓN
¨ Polas veces
nas que en lugar de buscar a unión somos motivo de división, sementando
discordia e buscando enfrontamentos dentro das nosas familias, cos nosos
veciños, no noso traballo, na nosa parroquia, SEÑOR, DEVÓLVENOS A ILUSIÓN.
¨ Porque a
nosa vida esmorece pola rutina na que temos convertido a fe, CRISTO, DEVÓLVENOS A ILUSIÓN.
¨ Porque nos
sobra consumismo relixioso, e nos falta fe convencida e confiada, SEÑOR, DEVÓLVENOS A ILUSIÓN.
REMUÍÑO
·
A palabra
de Deus non é palabra de paso efémero e vacilante, senón pegada firme que vai
deixando pouso da presenza de Deus a través dela. Unha presenza que se
desenvolve desde o cotián e se vai envolvendo de experiencia espiritual, de
madurez e recoñecemento do sentido que da resposta ás preguntas que sobre o
noso que, quen como, cando, por que, para que ou cara onde… nos facemos as
persoas. Por esta razón non é unha palabra de paso que se esgota e disolve no
efémero do agora e xa, senón que se vai prolongando en nós ao configurarnos
desde a maneira de entender e integrar os valores que dan coherencia á nosa
vida e ás decisións que sobre ela imos tomando. A viveza da palabra exprésase
na presenza sempre continua e actual que ilumina as maneiras de ser e as
respostas que, diante das situacións que cada un de nós, persoal ou comunitariamente,
imos vivindo. Por iso é palabra sempre alentadora e presente.
·
Este ir
impregnando toda a nosa vida, e superando a tentación de parcelala e facer dela
compartimentos estancos, individuais e incomunicados, ao o noso xeito e á nosa
comodidade, ten que ser en nós unha tarefa permanente. Cantas veces non temos
escoitado, ou dito, eu vivo a fe á miña maneira, ao meu xeito ou como me peta!,
esquecendo que a vivencia da fe, entendida como seguimento de Xesús, sendo
libre na súa decisión de querer ser seguidor/a del, esíxenos logo resposta
coherente, responsable e comunitaria, bastante afastada do xeito e maneira en
que nós a temos convertido: interpretala segundo o noso propio interese e
comenencia. Por iso Paulo utiliza unha fermosa, e tamén comprensible, metáfora
para describir como a fe non nos separa en partes, senón que é coma un corpo,
que sendo e tendo moitas partes, cada unha delas está sempre ao servizo dun
todo. Cando nós falamos de comunidades plurais, abertas, responsables e libres, é isto ao que nos queremos referir:
na Igrexa estamos chamados a ser e vivir desde a comuñón de comunidades, é
dicir, respectando a liberdade das persoas, todos estamos chamados a mirar na
mesma dirección; e esta non é outra que o seguimento de Xesús. Sendo El cabeza
e nós membros, ninguén é nin superior nin máis importante. Porén, todos somos
necesarios para que a/s comunidade/s funcionen e sexan, desde a palabra,
encontros gozosos da presenza de Deus.
· Se non
esquecemos esta palabra que sempre, en cada momento e situación nos está
falando; se lle prestamos de verdade atención; se nos esforzamos por coñecela e
integrala na nosa vida desde o xeito de dar solución aos problemas, abordar as
situacións que a vida nos presenta en cada momento ou atopando nela forza e seguridade
para non ter medo a dar razón da nosa esperanza, faremos que esta palabra, como
ocorreu no momento no que Xesús estaba no templo, se cumpra. Cada vez que unha
persoa traballa para que os homes coñezan de verdade o Evanxeo, para que saiban
que son fill@s de Deus e irmáns.... cúmprese esta escritura. Cada vez que unha
persoa se esforza por acadar unha orde social máis xusta na que as persoas
sexan persoas e non cousas.... estase cumprindo esta escritura. Cada vez que
unha persoa tenta que miremos por riba da miopía dos cartos, do poder, da
comodidade, da preguiza.... estase cumprindo a escritura. Cada vez que unha
persoa pregoa aos catro ventos un ano de graza do Señor, un ano interminable no
que deixemos de ser lobos para os irmáns, en que acabemos de ver no outro un
inimigo ao que hai que perseguir.... cúmprese esta escritura. Cada vez que unha
persoa berra que quere a paz e non a guerra, dándonos de verdade a man, sen
rancores e poñendo o diálogo como punto de partida...cúmprese esta escritura.
Cada vez que unha persoa pregoa que cómpre achegarse sen medo nin reservas aos
demais, sentar con eles e compartir mesa e mesmo bolsa... estase cumprindo esa
escritura. É responsabilidade nosa o feito de que HOXE, HOXE mesmo, poida ou
non cumprirse esta escritura. A que esperamos?.
ORACIÓN
DA COMUNIDADE
Señor, imos compartir agora a oración da comunidade,
sabendo que Ti estás con nós, acompañando e alentando canto vivimos e nos
ocupa, por iso dicimos xunt@s:
QUE APRENDAMOS A SEGUIR OS TEUS PASOS
ü
Para que
a Igrexa se esforce por ser fiel á túa palabra e non a utilice segundo os seus
intereses e comenencias, OREMOS.
QUE APRENDAMOS A SEGUIR OS TEUS PASOS
ü
Para que
nas nosas comunidades lle prestemos a atención que merece á palabra de Deus, e
desde ela saibamos ver a túa presenza en canto fagamos, OREMOS.
QUE APRENDAMOS A SEGUIR OS TEUS PASOS
ü
Para que
nós non esquezamos nunca que só afondando no coñecemento da túa palabra
poderemos coñecerte a Ti e á túa mensaxe, para así non confundilo nunca coas
tradicións, costumes e ritos, OREMOS.
QUE APRENDAMOS A SEGUIR OS TEUS PASOS
Señor, que a túa palabra enchoupe sempre a nosa vida e a nosa oración. P.X.N.S.
Amén.
PARA
A REFLEXIÓN
Que non se nos afaga o corazón, Señor,
a ver persoas sufrindo en situacións inxustas.
Que non vexamos normal tropezar todos os días
con homes e mulleres desprazados, sen casa, sen teito.
Que nos escandalicemos cada día deste mundo que montamos
no que uns temos de todo e a outros fáltalles todo.
Que non se nos afaga o corazón
á mirada triste e perdida,
ao xesto caído e desanimado,
á palabra soez ou burlona,
ás poucas ganas de vivir,
a calquera deterioro do irmán,
que é o seu berro desde a beirarrúa da vida.
Que non se nos afaga o corazón, Señor,
a ver como normal ao recén chegado
que cruza o mar para buscar un futuro,
ao que quedou sen familia, sen traballo, sen teito
e mañá non atopará saída para o seu problema.
Pon tenrura, Señor, no noso mirar;
pon agarimo na nosa man que saúda;
pon misericordia na nosa mente que fai xuízos;
pon sabedoría na nosa linguaxe;
pon escoita nos nosos oídos que reciben a túa Palabra.
CANTOS
*
ENTRADA: Camiñarei
*
LECTURAS: A túa palabra
*
OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá
*
COMUÑÓN: Grazas, Señor.
POWER POINTS
Domingo 3 ord C
Dom3 ord C - Bene Pagola
Amar
rtvg
Domingo 3 de Ordinario - ciclo C
Comentarios
Publicar un comentario