PRESENTACIÓN E MÁIS

Ola a todos !! 


Con moita ilusión e esperando que vos sexa de axuda e punto de encontro, comeza a singladura deste blog, a páxina web, -que aínda está en construcción-, levará o mesmo nome. O nome escollino por ser a miña canción favorita e creo que unha das máis populares, e porque empezamos con humildade, como María.


Despois de varios anos no coro da miña parroquia e das dificultades que atopéi para dar coa música en galego que precisaba para as celebracións e, en xeral, de recursos en galego, penséi que xa era hora de que alguén -por que non eu?- se animase a facer unha páxina web ou un blog onde poñer en común todas estas cousas.


Non sei moito de música, desde sempre cantéi no colexio, no meu grupo, nos coros das parroquias... e aprendín a tocar a guitarra -o xusto-, polo que creo que son máis unha animadora da liturxia que unha grande cantante. Como moitos, sei sacar as notas dunha canción pero cústame bastante o das partituras, por iso conto con vós. Eu poñeréi na páxina web todo o que fun recollendo nestes últimos cinco anos; teño a letra de moitas cancións pero... de moitas delas non sei a música nin os acordes e por iso necesito a vosa axuda. A idea é que os que si sabedes dos acordes os mandedes para poñelos en común e poder mellora-la animación en galego das eucaristías, en especial as de catequeses para os nenos. Creo que hai moitos blogues de corais, pero practicamente nada de música litúrxica popular (o que máis me interesa, por necesario).


Todo o que vaia chegando será engadido á páxina web para que podamos compartilo. Din que non se fan misas en galego porque á xente non lle gusta... o certo é que non se aprende a falar con Deus en galego (nin sequera o Noso Pai -e mira que El sabe falalo-), ...pero teriades que ver como se puxeron na miña parroquia cando fixemos por primeira vez tódolos cantos en galego e rematamos coa Rianxeira (iso si, a liturxia en castelán).


Creo que nisto, como noutras cousas hai que poñer corazón... os galegos celebramos todo cantando e comendo, xusto como na eucaristía, pero...hai que ir dando pasiños para poder chegar.


Tamén poñerei recursos: debuxos, imaxes, power points, celebracións litúrxicas, oracións... Todo o que teño e que se vos ocurra será benvido. Anímádevos en especial a gravar e compartir en mp3 ou vídeo o que fagades no voso grupo ou parroquia no coro. Eu comecéi a falar coa xente de diócese que coñezo -por certo, vivo en Ponteareas, que non volo dixen, inda que estou na parroquia de Mondariz, polo tanto na diócese de Tui-Vigo -, a ver o que se pode facer.


Tamén convoco ós catequistas e ós que cantades en vodas, bautizos e comunións. Isto tamén é para vós, espero que vos unades para recoller e compartir o que facedes. Espero que en próximos días todo estea xa en marcha.


Mándovos a todos unha grande, grande aperta.

                                                                 Nuria Núñez

--------------------------------------------------------------------------
Con sorpresa e desacougo, decateime de que os nenos non teñen oracións en galego como en castelán e de que as traduccións, ás veces, meten medo do malas que poden ser, porque non se identifican co sentir do galego.
Unha vez máis pequei de atrevemento e fixen algunhas oracións para os nenos, xa me contaredes que vos parecen.
Unha aperta.







Comentarios

Publicacións populares