Ficha e Lectio: Domingo 16 de Ordinario A


 


VER TAMÉN: 

LECTIO:

DOMINGO XVI T. O. 
(23 de xullo 2017)

Dende o domingo anterior nas lecturas do Evanxeo as parábolas relacionadas coa vida agrícola, especialmente coa semente e co sementador, fánsenos habituais.
Xesús aparece así entre nós como a mesma palabra de Deus Pai ó mundo, como a Palabra coa que Deus se dirixe á humanidade e á creación toda. O sinal de que Deus nos quere é precisamente o feito mesmo de que nos dirixe a palabra, unha Palabra que ademais se identifica con el mesmo e que non é só o que el nos di. Así o fan os que nos saúdan dirixíndonos a súa palabra e amosando desa maneira que nos aprecian, que se preocupan por nós e que nos queren. Do contrario, pasarían ó lado noso sen dirixirnos a palabra, como fan os que non se falan, os que non se queren, os que non se levan ben.
Mais Deus Pai diríxenos a súa palabra, sementándoa no mundo e en nós. Xesús é así a Palabra de Deus e a semente, o formento, que Deus coloca agarimosamente no mundo, na humanidade para írmonos facendo cada vez máis divinos. É así como Deus Pai fai nacer o seu Fillo Xesús no mundo coma un máis entre nós, converténdose deste xeito en compañeiro e irmán noso. Nace pobre e humilde, como calquera planta ou árbore que ó principio son sempre pequerrechas. Xesús faise así irmán de todos nós, convive con todos, padece con todos e coma todos, traballa, loita, sofre inxustizas e morre inxustamente sentenciado. Non ergue a súa man, o seu poder infinito, contra ninguén. Dá simplemente testemuño coa súa vida e co seu modo de proceder do amor que Deus Pai e mais el lle teñen ó mundo, ós homes e mulleres de tódalas razas, culturas e relixións.
Así é Deus e así é o seu ritmo vital na súa manifestación en Xesús. Deus non ten présa. Tampouco é vingativo ou está á espreita para, coma quen di, castigarnos á traizón. Ese é tamén o ritmo que lles deu a tódalas cousas que el fixo. 
Os apóstolos preguntábanlle algunhas veces a Xesús por que lles falaba en parábolas e non lles dicía as cousas máis abertamente e sen rodeos. Nós mesmos, máis dunha vez, podemos pensar de maneira parecida. Mais cando Xesús acode ás semellanzas do sementador, das plantas que se forman desde unha semente moi pequecha, ou á pouca cantidade de formento que é capaz así e todo de transformar unha cantidade moito maior de masa de fariña de millo ou de trigo, ou cando fai uso doutras parábolas semellantes, en realidade este modo de falar e de proceder de Xesús é o único apropiado para nos transmitir a fonda mensaxe que Xesús nos trae do Pai. Mateo dinos que Xesús “nada lle falaba á xente que non fose por medio de parábolas”. Por que?
Pois porque o estilo de Deus nas cousas que el fixo mantense sempre o mesmo. Plantas, animais, homes e mulleres, tódalas cousas que existen, levan sempre o mesmo estilo de Deus. Algo así como cada arquitecto, pintor ou novelista ten o seu propio estilo, o seu propio xeito de construír, de pintar ou de escribir. Se queremos polo tanto entendérmonos a nós mesmos, temos que aprender a mirar tamén as cousas que hai arredor noso. Porque toda canto existe, a natureza toda (e nós con ela) leva, onde queira que sexa, o mesmo estilo de Deus, tan variado e tan semellante, tan fermoso e tan sorprendente.
Por iso é tan importante a conservación da natureza, o respecto a todo canto existe. Se destruímos a natureza ou abusamos dela, iremos perdendo capacidade de entendermos a Deus e tamén de comprendérmonos a nós mesmos.
As parábolas de hoxe, a do xoio que medra co bo trigo, a do gran de mostaza que se converte nunha planta grande, ou a do formento que se transforma coa masa en pan, coinciden as tres nunha mesma cousa, nunha mesma mensaxe fundamental de Xesús: a vida humana e cristiá é un proceso. Ímonos cambiando e transformando, todas e todos, ó longo das nosas vidas. E -non o esquezamos- tamén a nosa morte non é senón un momento máis desa nosa transformación. Transformarémonos entón en algo novo, aínda que sigamos sendo aquilo mesmo que fomos.
Por iso as plantas e toda a natureza apréndennos tanto. Apréndennos a decatármonos de que, se por exemplo o pequerrecho gran da mostaza podrece e desaparece como tal, non morre para sempre, senón que se converte nun arbusto no que ata os paxaros poder facer nel o seu niño. E poderiamos entón preguntar: ¿seriamos capaces de comprender algo do que significa a resurrección, a vida despois da nosa morte, se non tivésemos diante pra velo, observalo e admiralo, o que ocorre con calquera semente dunha planta ou dunha árbore que enterramos nunha leira? 
Ese é, volvo repetir, o estilo de Deus en todo o que fai. Sorprendente e estraño, si, pero grandioso e esperanzador. Porque, como din tamén os nosos irmáns musulmáns, Deus é grande. Meirande có que podemos pensar del.
Que é pouco ou pequeno o noso formento cristián en comparanza coa gran masa da humanidade toda que non semella ocuparse de Deus? Así parece. Con todo, non é tamén moi cativa a cantidade de formento en relación coa masa de millo ou de trigo que se encargará el de transformar e facer medrar para que dela saia un bo pan? 
Lémbrome ben de cando de pequeno ía buscar á casa dunha veciña unha cunca de barro con formento para que miña nai o mesturase logo na artesa coa masa de millo. Tras mesturala, facía un gran sinal da cruz sobre a masa que se ía cocer, e todo quedaba así preparado para que despois, coa calor do forno, se transformase en saboroso pan quente.
Se, como nos di Xesús, somos formento dunha masa a transformar, revistámonos todos tamén de fe, espera e esperanza, de amor e de paciencia, para así asemellarnos tamén no noso ritmo persoal ó ritmo tranquilo e misterioso, pero eficaz, que Deus mesmo puxo en tódalas cousas da natureza. Pois é el mesmo quen pon diante nosa este ritmo da natureza como parábola e exemplo de como el se comporta e de como nos deberiamos comportar tamén nós.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS:

Abrámonos ó Espírito de Deus Pai, amoroso e paciente con tódalas súas criaturas, pregándolle: Escóitanos, Pai. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.

-Para que a Igrexa toda saiba verse e comprenderse a si mesma como pequena semente, coma pequena masa de formento, ó servizo da humanidade e do mundo enteiro. 
TODOS: Escóitanos, Pai.
-Para que endexamais sexamos fanáticos ou nos consideremos os mellores, desprezando ou condenando os demais. 
TODOS: Escóitanos, Pai.
-Para que saibamos ter ollos fondos e corazón limpo para respectar os plans e ritmos de Deus na salvación do mundo. 
TODOS: Escóitanos, Pai.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, noso Señor. AMÉN.

Manuel Cabada Castro





VER MÁIS:




Comentarios

Publicacións populares